Se un lector atopa nunha libraría Virtudes (e misterios) resultará intrigado pola imaxe da portada. Examinará a contraportada e pensará que nos atopamos ante outra historia sobre a emigración galega, aquela que se atopa en moitas novelas por ser unha realidade, coa que a sociedade galega convive. Só ao examinar e somerxerse na súas páxinas, o curioso lector que decidiu mercar o libro poderá entender que esta novela non só é unha obra da emigración, senón que é o diario dunha familia que un dos seus membros decide compartir co mundo. Xesús Fraga compón nesta obra as vivencias da súa propia familia, cunha protagonista de excepción: a súa avoa Virtudes. Dende o primeiro capítulo, o cal é como o autor mesmo di “un exercicio de memoria” preséntanse xa os temas fundamentais que comporán esta historia. Mostrando similitudes co que pode ser un diario persoal, o autor mergúllase nas súas lembranzas para narrar o acontecido na súa historia familiar.
Dende o comezo da novela, Virtudes preséntase como unha muller cun forte carácter que parece vivir entre dous mundos. Esta dualidade presente na protagonista será un punto fundamental da obra, xa que semella que Virtudes (e misterios) é unha “novela de espazos”. Por unha banda, no comezo da obra coñecemos a Virtudes que vive na comarca de Betanzos co seu marido Marcelino e as súas tres fillas. Levan unha vida sinxela na que as dificultades económicas están moi presentes. Esta situación levará ao home a tomar a decisión de emigrar a Venezuela na busca de mellores oportunidades. Esta historia é coñecida por moitos galegos, esa emigración que levou a moitas familias a América do Sur e posteriormente a Suíza. Dende o momento no que o barco sae de Galicia, a figura do marido de Virtudes desvanécese na brétema como se fose unha pantasma.
Esta situación propicia que a avoa do autor decida tomar as rendas da súa familia e loitar por unha vida mellor. Virtudes pasa entón de ser un suxeito pasivo da emigración, é dicir, a muller que espera por novas do marido emigrado, a converterse no suxeito activo. Esta decide emigrar a Londres co obxectivo de converterse no motor económico da súa familia. Esta decisión divide a familia en dous espazos principais que estarán presentes ao longo de toda a obra. Por unha banda, Virtudes emigra a un núcleo de cosmopolitismo, a unha cidade que está en permanente cambio e transformación como é Londres. Nela atopase unha cidade hostil pero cunha forte presenza de emigrados que viven a mesma situación que ela, axudándolle a facerse un oco na cidade. Por outra banda, preséntase a vida das fillas na aldea. As rapazas viven unha vida sinxela, marcada pola ausencia da figura materna, rol adoptado pola avoa. Os dous mundos quedan ligados non só polo vínculo familiar, senón polo diñeiro que viaxa nunha única dirección. O diñeiro e o aforro marcan a vida que Virtudes leva en Londres. Sen ningún tipo de capricho, ou mesmo sen chegar a cubrir as súas propias necesidades, o diñeiro esta reservado para as fillas e a nai que a esperan na terra. O autor retrata entón como a precariedade parece viaxar con Virtudes a Londres instalándose como un acompañante silencioso e non desexado que marca os anos de protagonista na emigración.
Na obra preséntase un xiro que marcará un contraste xeracional moi interesante. Debido as circunstancias que Isabel, a filla maior, está a experimentar para saír a diante na súa terra, Virtudes decide que é o momento de que a filla se una a ela. Dende este momento podemos ver como existe un contraste entre as dúas experiencias migratorias. Virtudes vese obrigada a emigrar polas circunstancias económicas e pese as relacións sociais que chega a establecer en Londres, non vemos unha profunda integración desta na cidade. Pola contra, a situación da filla preséntase radicalmente distinta. Isabel realiza na cidade londiniense o mesmo tipo de traballos ca nai, pero vemos como hai unha vontade pola integración a cidade. Pese aos seus medos iniciais a enfrontarse a unha cidade tan grande e distinta da aldea na que residía, Isabel comeza a abrirse o seu propio camiño. Deste xeito, o lector pode ver como a segunda xeración da emigración comeza a interesarse polo idioma do país receptor, tomando clases de inglés. Isto ábrelle as portas a compoñer un grupo de amizades na que é capaz de comunicarse e que a integra paseniñamente na vida da cidade. O retrato migratorio preséntase moi distinto entre nai e filla, pero este salto xeracional culminará ca figura do neto, o propio Xesús Fraga. Nos últimos anos da avoa na cidade, o autor será un turista máis. Pese a súa propia vinculación ca cidade nos seus primeiros anos de vida, o neto racha con ser un suxeito máis de man de obra para a cidade, converténdose nun mero visitante que desfruta da súa cultura e dos atractivos desta.
Virtudes (e misterios) ofrece unha xanela a emigración que se compón como un obxecto que semella intrínseco da comunidade galega. Tras a lectura da novela, podemos establecer puntos comúns entre a emigración actual e a contada na novela. Esta última estaba marcada pola precariedade económica e polo descoñecemento do lugar receptor. Pola contra, a situación actual leva a emigración da xente nova que ten baixo o brazo varios títulos universitarios pero que segue sen atopar traballo no seu propio país. Fuxir da precariedade do propio país preséntase como un claro punto de unión entre estas xeracións, pero tamén a precariedade experimentada no país receptor. Malia os títulos, a emigración representa para moita xente moza, unha situación asfixiante na que continúan a vivir ese pantasma da precariedade. En moitos casos, os traballos que realizan fóra da terra están moi por debaixo da súa titulación, xa que semella que os país receptores seguen tendo certa acritude coas persoas emigrantes.
Por último, debemos resaltar como Virtudes (e misterios) fai un retrato fiel da situación de moitas familias galegas. As ausencias na casa de eses familiares que un día decidiron partir nun barco, en moitas ocasións sen retorno á terra, e que deixan una pegada nos relatos familiares, compoñendo relatos de silencio por parte das familias ou anécdotas daqueles que conseguen retornar con máis ou menos sorte. Ademais, Xesús Fraga bríndalle nesta novela un espazo central a muller que decide emigrar que á veces é a gran ausente neste tipo de relatos. Esta novela fala un pouco de todos os galegos, que cando miramos ao mar buscamos ver esas cidades polas que a nosa familia está repartida, porque sempre hai un galego nalgunha parte do mundo.
Comments