Título: As probas do mago
Autora: Vanesa Santiago
Ilustrador: Iago Torres
Editorial: Boadicea editora
Ano de publicación: 2022
Subscríbete e mercao aquí:
As probas do mago é unha obra de Vanesa Santiago na que non é necesario viaxar a mundos imaxinarios e descoñecidos para crer nos magos e os seus poderes. Fenómenos literarios de gran renome, que mesmo foron adaptados á gran pantalla, produciron que diversas xeracións de nenos e nenas galegos/as tivesen que transportarse alén das nosas fronteiras para somerxerse no mundo da maxia. Porén a historia desta escritora achéganos a esa maxia escondida nos recunchos máis inesperados de Galicia, a cal, se complementa coas ilustracións que nos somerxen no meigallo da obra cunha estética e coidada.
Isto é o que lle acontece a Fuco, o protagonista desta novela, que tras gozar das festas do Arde Lucus descobre un segredo que súa nai lle ocultou durante moito tempo. Tras tres longos anos sen visitar a súa avoa Rosalía no Courel, Fuco e súa nai reúnense con ela para revelarlle unha gran verdade: súa avoa é unha poderosa menciñeira e el pode ser o próximo aprendiz de mago. Fuco non sae do seu asombro ante esta noticia e mesmo pon en dúbida a existencia da maxia e de todo o que lle están a contar. Porén as palabras de súa avoa e o druída Roque Duasaugas despexan as súas reticencias iniciais. O camiño para obter este privilexio non será fácil, posto que non só deberá enfrontarse a si mesmo, senón que terá que combater con Aldara, unha rapaza moi espelida que non renunciará facilmente.
Esta obra transpórtanos á Galicia interior, a eses paraxes naturais do Courel que coa propia natureza autóctona xa gozan por si mesmos dun gran compoñente máxico. Fuco é un rapaz que descoñece as súas habilidades, posto que estas, a diferencia doutros magos na historia da literatura, non son un don innato. Os seus poderes deberán establecer unha perfecta harmonía coa natureza para desencadear todo o seu potencial. O aire, a terra, a auga e o lume serán os mellores aliados dos protagonistas para enfrontarse ás diferentes probas que este camiño lles deparará. Nunha sociedade cada vez máis ligada á tecnoloxía e a vida frenética das cidades, a autora destaca como a maxia reside no entorno natural que nos rodea. A novela serve como reflexión, non só para os máis pequenos, senón para eses pais e nais que os acompañan en moitos casos na lectura. A natureza debe recobrar ese espazo privilexiado de xogos e aventuras na que a imaxinación leva aos nenos e nenas a viaxar a espazos máxicos e únicos na súa mente. Ademais debemos destacar a posta en valor da conservación da natureza, posto que é o propio protagonista o que reflexiona sobre os danos que ocasionan os incendios no territorio galego.
A maxia desta obra tamén reside na súa capacidade de entretecer esta co pasado mítico galego. No percorrido a través das páxinas podemos ir descubrindo as lendas que encerra a tradición galega coa presenza de druídas, menciñeiros ou mesmo a raíña Lupa. A lectura facilita que os rapaces coñecen aquelas figuras da cultura popular que comezan a quedar esquecidas no imaxinario común. No camiño de Fuco e Aldara, os rapaces poderán descubrir parte do patrimonio galego, como os petrogifos de Campo Lameiro ou as pallozas do Courel. A novela non só é un percorrido máxico para os protagonistas, senón que realiza unha dignificación mítica da terra e da nosa tradición. Para que os/as lectores profunden máis na mitoloxía galega proporciónanse códigos QR nos diferentes capítulos. Porén, cando un está inmerso na lectura estes elementos poden resultar en ocasións un punto de distracción.
Nesta viaxe a través da historia mítica de Galicia e o patrimonio da nosa terra, Fuco e Aldara loitan por ese posto de aprendiz, ao tempo que profundan nos medos do outro. A relación entre eles preséntase difícil ao inicio, debido ás reticencias de Aldara a que Fuco coñeza moito dela. Pola súa parte, Fuco está abraiado coa información que lle foi revelada e dubida de canto coñece Aldara sobre o mundo máxico. Destacan nesta obra o valor da amizade e da importancia da unión para loitar contra as adversidades. A confianza nun mesmo é outro valor fundamental, posto que ante a dúbida debemos mirar no noso interior para atopar os azos para dar a mellor versión de nós mesmos. A familia non se presenta dun xeito idealizado como podemos ver en moitos contos. Isto axuda a mostrar aos nenos/as que existe una abano moi amplo de familias e que os maiores tamén cometen erros. O perdón e a capacidade de perdoar tamén se presentan dun xeito claro para mostrar que todos temos dereito a equivocarnos.
As probas do Mago é unha obra na que a maxia componse como motivo central.
Malia isto, cando pensemos nela debemos abrir os nosos horizontes e ver como as pequenas cousas que nos rodean son as que máis misterios, aventuras e alegrías agochan. No camiño que percorren Fuco e Aldara, a maxia reside na capacidade de medrar tras cada paso que dan, ao tempo que coñecen todo o que os rodea e establecen relacións que os enriquecen como persoas.
Comments