top of page
Writer's pictureNoelia Barcia

O biosbardo e os paxaros sen cor

Título: O biosbardo e os paxaros sen cor

Autores: Alba Rozas e José Manuel Dopazo


Ilustrador: Iago Torres


Editorial: Boadicea editora


Ano de publicación: 2022



Subscríbete e mercao aquí: https://boadiceaeditora.gal/libros/


O dito “non se xulga un libro pola súa portada” serve para moitas esferas da nosa vida, pero quizais este se contrapón cando estamos na busca dun libro infantil. Cando os máis pequenos/as se achegan por primeira vez a unha libraría sempre escollerán aqueles contos que presenten miles de cores e debuxos. A razón é moi simple, nunha etapa na que os nenos aínda non son quen de ler, séntense atraídos por todos eses xogos visuais que compoñen as páxinas do que eles aínda non saben que é un libro.


O biosbardo e os paxaros sen cor de Boadicea Editora é a perfecta representación da importancia da unión entre o texto e as imaxes. A obra narra a historia dun pequeno biosbardo que decide roubarlles as cores aos demais paxaros. Na primeira páxina preséntasenos o protagonista cunhas ricas e minuciosas ilustracións de Iago Torres que mostran a beleza deste paxaro, mais tamén observamos como este só goza dunha única cor na súa plumaxe. Ao longo do conto, o biosbardo irase atopando con diferentes paxaros, ós cales, lles arrebatará algunha cor da súa plumaxe característica. As ilustracións desta obra conseguen compoñer un abano de cores que representa á perfección a beleza destes animais da nosa contorna. As imaxes axudan a que os nenos e nenas poidan establecer unha comparación entre as aves do libro e as que poden ver voando na rúa. A realidade é pois traspasada ao conto con grande mestría e facendo fincapé nos detalles.


Debemos, ademais, facer fincapé na beleza que compoñen os diferentes espazos nos que moran os paxaros, os cales vai percorrendo o biosbardo na súa aventura. O ilustrador ofrécenos espazos diferentes e variados como as montañas, un río, o campo e como non podía ser doutro xeito, o ceo azul. O percorrido do biosbardo ten a duración dun día como podemos ver a través das páxinas. Deste xeito, nas primeiras follas vemos un ceo azul e claro representando as primeiras hora do día que contrasta co laranxa que mostra o atardecer que trae consigo o posterior negro da noite. Será o biosbardo ó acadar as diferentes cores ás que devolve a luz e a cor na derradeira páxina da obra, ofrecéndonos un arco da vella que inunda todo e que devolve a luz á obra.


No relativo ao texto deste libro debemos destacar a capacidade de compor un texto con tanta musicalidade. O conto preséntase como unha pequena canción moi rítmica, escrito en poucas verbas para que o público non perda a atención do que se esta a contar. Destacamos a importancia que se lle outorga a por en valor os nomes das aves en galego, aportando deste xeito unha ensinanza ós máis pequenos da nosa lingua. Conta ademais con tradución ao inglés e portugués, ampliando as fronteiras do vocabulario sobre as aves.


Os biosbardos e os paxaros sen cor é unha obra que ofrece unha viaxe a través da cor. Contos coma este gozan dunha gran importancia na sociedade galega actual, na que existe unha falta de recursos en galego. Moitas xeracións crecemos co Xabarín club e cunha gran variedade de contos en galego ao noso alcance, mais a situación é ben diferente nestes días. Cando te achegas aos andeis das librarías é difícil atopar contos en galego escritos para un público infantil. Isto provoca que moitos nenos e nenas aprendan as cores, os números e outro vocabulario básico en castelán nos primeiros anos de vida. O biosbardo e os paxaros sen cor ofrécenos a posibilidade de que os rapaces descubran o mundo a través dunha viaxe marabillosa mentres axuda a criar nenos e nenas en galego.

Comments


bottom of page