En 1863 publicábase en Vigo o que sería un libro clave para a historia da literatura galega, Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Esta libro de poemas considérase un fito a finais do século XIX ao atoparse integramente escrito en galego. Galicia vivía un proceso de recomposición tras un longo período de estancamento e declive da lingua e literatura galega, coñecida como séculos escuros (XVI, XVII e XVIII). Amplas son as razóns políticas e sociais que fan que o noso país se suma nun período de trescentos anos nos que a lingua sofre un proceso de retroceso e preocupante situación de desaparición.
A situación galega contrasta fortemente co que se estaba a vivir noutras literaturas, como a española ou a francesa, que vivían épocas de forte esplendor literario dende o século de Ouro español con figuras como Quevedo ata aos ilustrados franceses como Rousseau ou Voltaire. Mais a emerxencia do rexionalismo que daría paso ao nacionalismo, xunto cunha amplitude de factores político-sociais, produce o xermolo do coñecido como Rexurdimento galego no século XIX. Deste xeito, Rosalía de Castro xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez comporían as tres figuras principais da época do Rexurdimento galego.
Mais que relación presenta a obra de Rosalía de Castro co Día das Letras Galegas?
A conexión establécese no ano 1963 cando con motivo do centenario da publicación de Cantares Gallegos os membros da Real Academia Galega (RAG) deciden facer unha reedición desta obra de Rosalía de Castro.
Por que se escolle o 17 de Maio?
Pese a que non podemos concretar a data exacta de publicación de Cantares Gallegos, escóllese o 17 de Maio como día de publicación pola dedicatoria que Rosalía realiza a Fernán Caballero. Nesta dedicatoria a autora firma: Santiago, 17 de Maio de 1863.
Dende este día e debido ao éxito da homenaxe, Galicia celebra dende fai 59 anos o día das nosas letras que cada ano se lle dedica a unha figura senlleira da literatura galega.
Que criterios e quen escolle a quen se lle dedican as letras?
A escolla do homenaxeado no día das Letras Galegas faise entre os membros da RAG. Entre os diferentes criterios asignados pola academia, un dos máis destacados é o feito de que deben pasar polo menos dez anos dende a morte do autor para poder ser conmemorado neste día.
Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) é o homenaxeado este ano 2022. O autor nado en Córgomo no concello de Vilamartín de Valdeorras tivo unha vida profesional marcado polas letras en dúas vertentes: a poesía e a avogacía. Comeza os seus estudos na aldea, aínda que pronto se desprazará coa súa familia por distintos puntos da Península. Será nos veráns nos que regresa a Córgomo onde comeza a lectura de autores como Cabanillas e Rosalía de Castro. No 1928 aséntase na súa aldea natal e comeza a exercer de avogado no Barco de Valdeorras. Cunha forte implicación cultural na súa aldea, será o representante do Córgomo cando as Irmandades da Fala chegan á comarca. Nestes anos comeza pois a súa andaina no mundo do galeguismo e na escrita, posto que comeza a escribir os seus primeiros poemas e manifestos en prol da lingua galega. Comezará a publicar en diferentes medios de gran importancia tales como a revista A Nosa Terra ou no Heraldo Ourensano, en moitas ocasións usando un pseudónimo. Será na década dos anos trinta cando finalmente se afilie ao Partido Galeguista e se achegue a actividade do Seminario de Estudos Galegos. As súas implicacións con estes grupos galeguistas levarano no ano 1936 a desprazarase a Barcelona para combater do lado republicano. Será o fatídico discorrer da guerra o que fará que o vilamartinés se teña que exiliar a México nun barco cheo de outros moitos galegos. Na súa etapa neste país exercerá diversos empregos ata que finalmente se asente como farmacéutico. No exilio, Florencio Delgado será un gran difusor da lingua e a literatura galega. Entre as moitas actividades galeguistas que desenvolve en México podemos destacar a fundación da irmandade Galeguista, o Ateneo de Galicia ou o Padroado da cultura galega en México. A súa implicación cultural levaríao a promover a creación da revista Veiros da man de Luís Soto e Carlos Velo, xunto cun programa radiofónico en galego coñecido como Hora de Galicia. A súa forte actividade no exilio levaríao a obter diversos recoñecementos como a medalla Eduardo Pondal (1975) ou a súa entrada na Real Academia Galega no ano 1981. Florencio Delgado morre en Estados Unidos no ano 1987 tras unha longa carreira dedicada ao galeguismo.
Obra poética
A súa produción poética componse fundamentalmente de catro poemarios.
Bebedeira, publicado en 1934, recolle unha serie de poemas de marcado carácter hilozoísta. Esta corrente nada nas vangardas galegas, cuxo maior representante foi Luís Amado Carballo, consistía en adaptar a tradición galega ás novas tendencias máis vangardistas.
Galicia infinda (1963) é unha colección de poemas de grande variedade temática. Nela recopílanse a poesía do autor despois da guerra, mesturando poemas de corte hilozoísta con aqueles outros que falan da paisaxe mexicana.
Con Cantarenas. Poemas realízase unha compolación dalgúns poemas do autor xunto con material novo onde o núcleo temático é a volta a infancia no Córgomo.
Por último, cabe mencionar O soño guieiro, ao que o autor dedica a Castelao, polo que sentía gran admiración. Neste poemario recóllense poemas de diversa índole como poden ser poemas de guerra con poesía máis de corte sociolinguística.
Para profundar...
Dende o equipo de Espazo Brétema convidámosvos a coñecer un pouco máis a Florencio Delgado Gurriarán e a súa obra poética. Para iso podedes achegarvos a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela onde se está a realizar unha exposición sobre a obra do autor vilamartinés. A exposición está dispoñible dende o mes de Maio ata Setembro. A asociación de Bibliotecas da USC vén de crear un blog no que se fala da vida e obra do autor. Podedes consultalo no seguinte enlace: https://letrasga2022.wordpress.com/2022/05/13/das-bibliotecas-imaxinadas-reconstruir-os-andeis-da-de-fdg/
Comments