top of page

MANIFESTO BRÉTEMA

Os manifestos no mundo da arte configuráronse como un medio mediante o cal reivindicar as ideas artísticas e incluso políticas dun movemento. Buscábase así expoñer as opinións propias dun grupo de artistas que avogaban por unha liberdade expresiva. 


No caso de Espazo Brétema utilizamos este medio para dar a coñecer os nosos obxectivos en torno as artistas galegas. Saímos na defensa dun colectivo que se atopa practicamente sen opcións a hora de expor o seu traballo en medios que non sexan os propios. As artistas emerxentes contan cun talento e unha formación que apenas se proxecta cara o exterior xa que hai unha falta de facilidades á hora da divulgación que favoreza a súa consagración. A raíz disto queremos marcar un precedente na catalogación da arte galega contemporánea que está a xurdir


O erro comeza dende a educación na que non adoita haber nomes de artistas da terra. A Historia da Arte apenas ten espazo nos estudos dos mozos e mozas pois a materia comeza e remata no bacharelato. Neste curto período de tempo o profesorado debe adaptar unha materia moi extensa á proba de selectividade polo que pasan por alto tanto aos artistas natais como o papel da muller na arte. A problemática esténdese ao Grao de Historia da Arte no que existen materias concretas de arte galega pero que apenas se achega á actualidade.


En Espazo Brétema tamén andamos na procura de levar a arte a un grupo máis amplo. Aquí atopamos outro campo no que penetrar posto que comunmente considérase que a arte tan só pode ser entendida por xente con estudos sobre o tema ou altas esferas. A adaptación debe ser algo imprescindible para que a arte non quede soamente nisto, senón que poda ser desfrutado e apreciado por calquera persoa minimamente interesada. Para iso, procuraremos usar un vocabulario correcto pero comprensible, tamén ca finalidade de que un grupo alleo coñeza todo o relacionado co mundo artístico e non se sinta, por exemplo, incapaz de visitar unha exposición por mor a non comprender o que vai ver. 


Por outro lado, queremos dar voz a unhas especialidades máis aló da pintura e a escultura. A artesanía sempre foi considerada unha arte menor, un traballo manual con apenas importancia que conta cunha tradición arraigada a Galicia. Pretendemos dar visibilidade a unha labor que merece un recoñecemento maior, deste modo, vemos como moitos artistas decidiron retomar o uso das técnicas e materiais orixinais. Do mesmo xeito, tamén pretendemos dar a coñecer o mundo do cine e da fotografía, unhas especialidades máis actuais pero as veces esquecidas e relegadas do mundo artístico. 
 

Por último, entendemos conveniente explicar o motivo polo que decidimos adoitar o galego como lingua para este proxecto. Pensamos que é necesario remarcar o concepto de identidade cultural no que incluímos a nosa linguaxe, unha cultura que debemos recuperar e defender e neste caso farémolo ligado ás manifestacións artísticas. Aínda que pareza que a divulgación quede minimizada a un público moi concreto, a verdade é que tamén é un modo de difundir toda a cultura da nosa lingua e preservala coma a arte en si mesma.

bottom of page