top of page
Xiana Cobo_edited.jpg

XIANA COBO

  • Instagram
  • Negro del icono de Blogger
  • Negro del icono de Blogger

Xiana Cobo é unha artista do 1982 procedente de Ortigueira. O seu interese polo mundo da artesanía espertou a unha idade moi temperá. O seu pai, médico de profesión, tiña un vínculo especial pola ebanistería o que lle levou a crear un pequeno taller onde podía construír os seus propios mobles. Doutra banda, a artista lembra con gran agarimo o bo gusto que tiña a súa nai á hora da selección das pezas de roupa que conformaban o seu armario. A influencia dos seus pais fixo que ela se interesase na creación de pezas e comezase a experimentar co téxtil na realización de pequenas roupas coas que vestía ás súas bonecas. 


A súa formación académica comezou coa realización do Grao en Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou esta carreira sen ningunha pretensión, xa que a de Belas Artes non lle acababa de convencer. Durante eses anos gozou aprendendo sobre diferentes técnicas artísticas, movementos pictóricos, etc. os cales compaxinaba coa realización de debuxos e clases de teatro. Unha vez terminados os seus estudos universitarios, estudou deseño de moda na Escola de Arte Mestre Mateo. Esta última experiencia académica permitiulle comezar a traballar en Inditex no Departamento de Plana, realizando deseños de camisas e vestidos. A partir dese momento comezou a entrar en contacto co mundo do téxtil e a estampaxe, algo que singulariza profundamente o traballo da artista na actualidade. Tempo despois, comezou a traballar en empresas de provedores que se dedicaban á estampaxe. Aquí é onde se iniciou no procedemento da estampaxe dixital para fábricas especializadas. O seu traballo, pertencente ao equipo de deseño, consistía na realización e proposta de estampados no que podía seguir desenvolvendo a súa faceta como debuxante. 


Despois de idas e vindas decidiu realizar a súa propia marca, Xiana Cobo, e comezar a traballar como deseñadora independente. Isto permitiulle desenvolver un estilo máis persoal, desde un punto de vista artesanal e local, polo que pudo traballar con outras artistas. Colaborou con varias firmas como Naguisa, onde puido experimentar coa estampaxe con bloques na realización duns zapatos. Con Leónlagata, ceramista galega, onde realizou unha serie limitada de pendentes aos que lle ten un especial agarimo. Tamén tivo a oportunidade de traballar con Sonia de Gerónimo ou A Casiña de Wendy. "Colaborar con xente cando traballas soa fai que non che estanques nunha rutina. O escoitar ás demais artistas é moi enriquecedor. Abríronme moitas portas e é algo que valoro gratamente" comenta Xiana Cobo. 

Produción artística

Na produción artística de Xiana Cobo o fío condutor é a súa paixón polo téxtil e as diversas formas de intervilo: bordado, estampaxe dixital ou manual... En canto o bordado e deseño sempre procura partir dun bosquexo en papel, o cal vai modificando, para de seguido comezar a acción. Gústalle servirse da fotografía, botánica concretamente, para ter referencias á hora de pórse a crear unha peza. Rodéase de cadernos e follas onde deixa constancia das súas ideas. O importante para ela é estar en contacto coa materia, comezar a peza canto antes. "Ata que non o pos en acción non é nada" comenta a artista.


A ilustración, o deseño, o bordado, a acuarela e a estampaxe manual, son técnicas que domina. Para a estampaxe do tecido realiza selos construídos con vinilo, un material no que é doado traballar coa gubia. Gústalle esta técnica para producións pequenas xa que comenta que no proceso manual cada xesto inflúe no resultado. Pezas de carácter único onde a artista reflicte o seu sinal persoal. 


A súa fonte de inspiración e influencias son diversas. A súa terra, concretamente Ortigueira, é fundamental para a artista. Comenta que na vila realízase un festival celta grazas o cal comezou a interesarse polo mundo da artesanía. Como apaixonada da arte desfruta contemplando outras disciplinas artísticas como son a fotografía, a pintura, o collage, o cine e a ilustración. Concretamente o mundo que reflicte Edward Gorey en cada unha das súas ilustracións. A natureza é sumamente importante no traballo de Xiana Cobo. Un paseo no bosque, un camiño á praia... poden ser de moita axuda para ela xa que cárgase de ideas para realizar as súas pezas. 


Na obra de Xiana Cobo nótase un gran interese por buscar un ritmo de produción máis lento, meditado, que incite a un consumo responsable. Ten un gran compromiso polo seu entorno, por iso procura producir o máis cerca posible. Con esta filosofía busca amosarlle a xente o que hai detrás de cada prenda, que valoren o proceso. Isto está ligado o seu recente gusto por comunicarse a través das redes sociais. A gran acollida que está tendo o seu traballo está permitindo que a propia artista cree unha comunidade virtual a cal pode contarlle todo aquilo que lle interesa e lle inspira.
 

Análise dunha obra

A súa colección Así cosía (2021) nace como recordo a un pano bordado que fixo súa nai de cativa. A partir de esa peza, construíu unha colección que mira a nostalxia da moda artesanal. A nai non lle gustaba bordar, era unha práctica común e obrigatoria que tiñan que realizar as nenas naqueles anos, entón a través desta colección Cobo quere facer unha reflexión en torno a inxustiza da imposición de realizar un tipo de actividades asociadas a un xénero determinado.

 

As pezas que conforman a colección Así cosía son un pano e unha camisa realizados con tecido vichí bordado a punto de cruz de forma moi inocente e sinxela; un top realizado conxuntamente coa súa irmá; algúns tops estampados manualmente, e uns pendentes realizados con dobre gancho. O resultado é unha fermosa colección artesanal na que a artista reflexiona sobre a tradición, a memoria e a importancia das cousas feitas con cariño e tempo. 

bottom of page