Theresa P. Lousame
Theresa P. Lousame (1994) é unha artista de Lousame nacida en Suíza. Mantén a “h” no seu nome polo vínculo que ten con Suíza, o seu pais de orixe, onde se escribe deste xeito. Na súa memoria ten o recordo de pintar e escribir historias de cativa, facía garabatos e participaba en certames de narrativa, poesía ou deseño. Na escola decatáronse da súa sensibilidade artística, a creatividade e o talento, o que promoveu a súa asistencia a clases de debuxo e pintura nunha academia de Noia. Foi neste intre, cando comezou a experimentar e probar con diferentes técnicas tales como o óleo, o pastel, o acrílico...
Formouse no grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Puxo as miras nel porque concentraba o que lle gustaba: escribir, montar historias, debuxar con luz, o cine, traballar co son, a mestura de parte plástica e escénica... Cubría as súas aspiracións creativas e achegábase ao campo da información e de movementos sociais. Unha vez titulada, superou os módulos do CP en Asistencia á Produción en Televisión da produtora CTV, aproximándoa profesionalmente ao mundo do audiovisual galego.
En tempos de pandemia, o parón vital e profesional, incitouna a crear un proxecto propio: Pampillo Store. O nome provén dunha videocreación que gravou durante o confinamento na súa aldea. Viu unha alternativa que podía levar a cabo nesa situación, precisaba nada máis da súa imaxinación, do equipo informático e o servizo de imprenta. “Definín a idea de mesturar creación e esencia galega a través do deseño gráfico e da fotografía, servíndome da collage dixital para a exploración artística da identidade” di Theresa.
Co proxecto de Pampillo realizou exposicións, deseñou láminas decorativas pero tamén outro tipo de pezas como calendarios. Experimentou con outros materiais, formatos e soportes, e así tamén xurdiron as sacas de tea reciclada e as cuncas artesanais de aceiro esmaltado. No seu pensamento estaba facer algo útil, na procura de produtos que durasen no tempo e fosen de calidade. Deste xeito, contactou con diversas tendas para ter as súas obras nun punto de venda físico. A artista tamén asiste a feiras e mercados de arte.
Produción artística
Theresa experimenta con diversas disciplinas artísticas, mais é no collage onde atopa o diálogo entre a fotografía e a ilustración. Ao estar formada en audiovisuais, ten contacto con diferentes procesos artísticos por inquedanzas persoais que potencian o seu interese.
A metodoloxía que segue a artista para os seus collage dixitais baséase na lóxica da collage analóxica, é dicir, o que cambia son as ferramentas pois implica o uso de material dixital. É unha vantaxe pois ten mais posibilidades creativas e é un método mais flexible á hora do deseño, xa que pode duplicar capas, facer variacións dunha mesma instantánea... E especialmente, pode revisar e refacer cada paso do proceso ata atopar a forma final.
En Pampillo, os deseños xorden dunha idea que pode vir de tres eixos temáticos: estampas do cotiá (oficios, etnografía, cultura popular...); lugares da xeografía galega (faros, megálitos, cultura castrexa...); ou retratos do país con referentes culturais atemporais. Unha vez escollida a temática, compón a fotografía que servirá de base para o deseño. Adoita traballar con imaxes propias, mais no caso de figuras da cultura galega como pode ser Rosalía de Castro, Castelao, Blanco Amor... son de autoría recoñecida.
Posteriormente edita a imaxe, modificando a cor orixinal e o recorte. A conversión ao branco e negro é para a autora unha maneira de facer que os deseños sexan atemporais, igualando as imaxes independentemente do momento no que fosen tomadas. Tras o recorte, engade a cor dominante, que é a que ocupa o fondo do deseño. As combinacións elíxeas segundo o que lle suxire a propia temática, mais limítase a catro cores: vermello, verde, azul e amarelo. Ligado a este proceso da cor está a integración dos patróns, os cales, son ilustracións que deseñou ó comezo do proxecto con temática natural e xeométrica. Os patróns naturais intégraos dentro da propia fotografía mentres que os xeométricos resérvaos para os fondos e os retratos.
Unha vez rematada esta parte creativa a artista engade texturas. Adoita aplicar gran ou ruído, simulando unha sensibilidade elevada en fotografía que serve para unificala ca ilustración. Ademais, aporta un toque nostálxico que fai alusión á orixe analóxica da técnica.
Por último, fai o perfilado cun programa de deseño vectorial, delimitando os contornos dos recortes e debuxando os detalles da fotografía que eliminou ao engadir os patróns. Así ata definir o deseño final.
En canto ao estilo de Theresa, identifícase co minimalismo, tendo por norma as composicións sinxelas e limpas que resuman o esencial. A maiores, ten unha sensibilidade especial relacionada co Construtivismo Ruso, polo que pode que
inconscientemente teña algún toque deste estilo. Aínda así, o máis destacable e a intensidade das cores primarias e secundarias, alternando combinacións harmónicas con outras máis rechamantes. O xogo cas cores aplícalle á obra identidade e forza, facendo recoñecible os deseños de Pampillo.
A inspiración para a creación das obras provén do rural, do saber popular da xente e da sensibilidade propia ca que Theresa se atopou na súa vida. É unha persoa que medrou na aldea e que continúa residindo no rural, rodeada de elementos como os hórreos, os apeiros de labranza, a natureza, as festas patronais... “Pampillo é un proxecto moito máis íntimo do que de primeiras poida parecer” conta a artista.
Análise dunha obra
Lavar (2021) é unha obra de Theresa P. Lousame en homenaxe ás lavandeiras. Esta peza representa o valor da muller traballadora e rural, enmarcada na intención temática dos oficios tradicionais e memoria colectiva.
Cando se decantou por facer este collage, Theresa leu sobre a labor das lavandeiras e o que significaban os lavadoiros na sociedade (espazos comunitarios e núcleo de sororidade entre mulleres), completando o relato cos recordos que garda súa nai. A imaxe que utilizou foi tomada durante unha ruta de sendeirismo teatralizada á que asistiu a artista e durante a cal varias veciñas de Lousame representaron unha escena cotiá, lavando a roupa no lavadoiro tal e como adoitaban facer de mozas.
A partir da escolla da fotografía fixo a conversión ao branco e negro, prescindindo da cor orixinal. Despois, recortou as dúas mulleres máis o lavadoiro coas ferramentas dixitais, desbotando o que non lle interesaba. Rematado este proceso, escolleu a cor de fondo que dominaría o deseño (neste caso o amarelo do sol, representativo do clareo) e o patrón coas follas de carballo en tons azuis (que tería a auga polo reflexo do ceo dun día solleiro de verán). Unha vez integrados os materiais, xerou a textura con gran e ruído, simulando a sensibilidade fotografía que recorda ao método analóxico. Por último, fixo o perfilado vectorial, debuxando as liñas negras que delimitan os bordes dos elementos que conforman o collage. Convencida co resultado final, Theresa firma a obra co nome e ano de creación.