Sonia Sdraswi
Sonia Campo naceu en Ourense, pero leva vivindo en Betanzos máis de vinte anos. Dende cativa tivo un interese especial pola arte, polo que recibiu formación na pintura de maneira extraescolar. Esa curiosidade artística foi impulsada polos seus mestres, quenes a acompañaron durante varias etapas da súa vida e conseguiron que mantivese ese gusto pola creación.
Ainda que na súa familia ninguén se adicou profesionalmente á arte, tivo como referentes a súa nai, unha persoa moi creativa en múltiples facetas; e a súa irmá. Esta última transmitiulle unha sensibilidade especial pola arte xa que posuía un gran talento para o debuxo e unha capacidade de resolución magnífica que a levaba a enfrontarse a calquera reto artístico, como crear os disfraces de entroido da pequena Sonia.
No ámbito académico, a artista nun primeiro intre non elexiu a rama artística senón que se licenciou en Socioloxía. Paralelamente, o seu gusto pola arte seguía medrando polo que posteriormente realizou cursos de fotografía, pintura e debuxo e deseño gráfico con prácticas no departamento de Deseño de Sargadelos.
O collage chegou a súa vida nun momento de crise laboral e existencial. Sonia sempre foi afeccionada a gardar recortes, fotografías e outros materiais, polo que de maneira autodidacta comezou a experimentar esta técnica. Para ela foi un descubrimento máxico posto que por fin encontrou o xeito de expresarse e de canalizar todo o que sentía. No collage atopou unha linguaxe sen normas e a liberdade de creación ao poder unir texto, imaxes ou texturas, evolucionando artística e persoalmente.
Ao sumerxirse no mundo do collage, comezou a contactar con artistas a nivel nacional dos que aprendeu en cantidade. Foi unha experiencia moi satisfactoria xa que facían intercambios de obras e materiais, dese xeito animouse a participar en concursos e exposicións colectivas que a levaron a desfrutar da arte como o facía cando era cativa.
No inicio do proceso creativo a artista fai unha busca de materiais por mercados, viaxes, tendas de segunda man e demáis. Ten un gusto especial polas antigüidades polo que desfruta de mesturar recortes dos anos corenta ou cincuenta con outras publicacións máis actuais. O resultado é un estilo vintage moi definido e atractivos para a venta e colaboracións, mesmo invitándoa a participar como ilustradora no Proxecto Khalo.
Os seus proxectos son variados posto que o collage vive un momento de gran visibilidade. As obras que realiza pódense mercar na súa páxina web e nalgunhas tendas repartidas por Galicia como a EnOu de Ourense.
Produción artística
A artista traballa de maneira manual aínda que ten realizado algún encargo combinado co dixital. Os ingredientes básicos para as súas creacións son as tixeiras, o papel, o pegamento e a ilusión coa que o fai. Cada peza que recorta encaixa para expresar unha idea, ilustrar un pensamento ou dar soporte gráfico a calquera texto. Desa maneira organiza os recortes por tamaños e temática para conxugar despois o que quere representar. Para a base das composicións emprega o paspartú ou papel artístico de acuarela. Nalgunha ocasión mestura este papel con outras técnicas como a do acrílico ou acuarela, aplicando por exemplo, cores douradas que xunto coas fotografías antigas, obtén un resultado con estética vintage moi atractivo. En xeral, a súa gama cromática é pouco brillante xa que aposta polos tons empoados, mais cada proxecto esixe unhas características propias e distintas.
O proceso creativo é para Sonia un camiño de busca. Esta experiencia é totalmente aberta e libre xa que a inspiración pode chegar en calquera momento. Un paseo ou unha lectura son suficientes para nutrir a alma creativa da artista, quen recolle cada motivo no seu caderno. Noutro intre, o simple recorte e organización das pezas vai encamiñando a obra de maneira automática.
O máis destacado da súa obra é a presencia feminina e as flores que a acompañan. A artista conta que ‘’as mulleres florecen e transforman as súas extremidades en ramas, e cando conectan coa súa parte máis esencial, volven á natureza’’. Para Sonia todos somos creadores e debemos desenvolver o noso potencial porque forma parte do crecemento persoal. Anima a todas as mulleres a traballar xa sexa no collage, no debuxo, no baile, na cociña ou en calquera tipo de expresión. Quere axudar a inspirar o camiño da creatividade a través das súas obras e da súa propia busca da beleza do visible e do profundo.
Sonia Campo está moi agradecida de pertencer a unha gran comunidade de artistas do collage dos que todos aprenden uns dos outros, e concretamente, admira o traballo das súas compañeiras Susana Blasco e Eugenia Conde Fernández. Esta amizada facilita a organización de exposicións colectivas e nutre a inspiración da artista.
Agradece enormemente o cariño e boa acollida das súas creacións, xa que a través das redes sociais, a xente que a segue déixalle comentarios moi positivos e cheos de forza que a animan a seguir creando e facendo o que máis lle gusta.
Análise dunha obra
A serie As Flores de Siam trátase dun conxunto de collage realizada no ano 2021 empregando a base de papel acuarelable Canson de 300gr. A artista quere representar o vínculo feminino da fraternidade e axuda, a conexión que se recolle nos xemelgos siameses. Desa maneira, a obra está composta por dúas figuras femininas, a metade con corpo de muller e a outra de flor. Aquí tamén recolle a artista a súa idea de feminidade acompañada cos motivos florais que tanto a inspira.
As influencias xurdiron tras a lectura ‘’Deseña / Por qué a beleza é fundamental para todo’’ de Alan Moore. Na teoría da ‘’supersimetría’’, as partículas ás que fai referencia convértense en collage, en mulleres que florecen cando se acompañan.
As mulleres forman parte dunha irmandade que as fai fortes e deben permanecer unidas.