top of page
Sonia Otero.jpg

Sonia Otero

  • Instagram
  • Negro del icono de Blogger

Sonia Otero, coñecida artisticamente como Nolavola, naceu en Ourense, e dende hai uns anos adícase a coser, cortar e pegar pequenas historias visuais.


Licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo cun gusto especial polas materias de arte, polo que posteriormente ampliou os seus estudos neste ámbito con cursos, conferencias e prácticas docentes. Co avance dos anos a súa formación continuou dun xeito máis práctico, asistindo a cursos de artes plásticas e ilustración.


Sonia experimentou con diferentes disciplinas artísticas como a pintura, a fotografía ou o bordado, mais foi o collage o que adoptou como unha forma de terapia. Nese momento xurdiu o colectivo @mujeresquecortanypegan co que comezou a colaborar. Dese xeito, a artista comezou a enfocar as súas prácticas cara á profesionalización e xa non deixou de crear, aprendendo e comunicándose a través dos recortes. O seu traballo foi presentado nalgunhas publicacións españolas e no estranxeiro en países como Italia, Inglaterra e os Estados Unidos. O éxito internacional tamén ven da man de numerosas exposicións colectivas de collage realizadas en Portugal, Eslovenia, Escocia e Noruega.


O último proxecto no que se embarcou, tratábase da publicación da súa obra no libro titulado @thecuttingchaos editado por Niko Vartiaien en Finlandia, onde recolle o traballo e estudo de vinte e oito artistas do collage de diversos países.

Produción artística

Sonia produce collage analóxico, unha maneira de traballar que require uns procesos que á artista lle apaixonan. Comeza coa busca de materiais en tendas de antigüidades, mercados, librarías de segunda man e demáis lugares nos que poida encontrar o que lle interesa. Aínda que emprega imaxes de revistas de mediados do século XX, gústalle combinalas con outras moitas actuais e tamén con materiais do día a día. Unha vez cos recortes nas mans procede á súa organización, seleccionando papeis, imaxes ou tipografías. Algunha vez inclúe téxtiles e fíos, o que a leva a buscar cores e estruturas en diferentes mercerías.


Como soporte emprega o papel con diferentes texturas e grosores. Como o collage é unha técnica tan versátil ten a liberdade de engadir todo tipo de elementos, xogando en ocasións co debuxo a lapis, a tinta ou mesmo en acrílico.


Nalgunha ocasión opta pola labor en dixital xa que é máis sinxelo e rápido para a realización de ilustracións de tema concreto. Neste caso a busca de materiais é máis accesible co uso de internet e ten maiores posibilidades de localización.


En canto ao uso da cor, non ten unha gama cromática moi ampla e tampouco emprega matices moi rechamantes. Este tema varía un pouco co seu estado anímico e tamén co tipo de collage que vaia a realizar. Aínda así, as cores terra son as protagonistas das súas creacións.


A inspiración non sempre lle xorde á artista do mesmo xeito. Ás veces son as imaxes as que guían o proceso. Por intuición os recortes organízanse de maneira que se atopa unha historia que contar ou unha idea que transmitir. Por outra banda, ás veces a mensaxe é que inicia o proceso do collage. A partir dun texto, obxecto, noticia ou pensamento que quere resaltar comeza a procura de imaxes para poder levar a cabo a súa creación. Aínda que a artista teña unha maneira de traballar moi persoal, gústalle deixar espazo ao espectador para que obteña a súa propia visión. Unha mesma obra crea distintas sensacións nos ollos que a miran, e en ocasións o concepto orixinal que quere transmitir Sonia nada ten que ver co obtido polo público.


O tema que máis lle interesa para representar é o da muller e o papel que xogaron tanto ao longo da historia como na actualidade. Pese a que co feminismo se conseguiron grandes avances na sociedade, aínda existen considerables desigualdades que é preciso seguir reivindicando. Mais a presencia feminina non queda só na defensa dos seus dereitos, se non que a Sonia gústalle falar tamén dos soños, do traballo, das relacións persoais, dos seus sentimentos e demais temas que rodean estas figuras. Neste ámbito, a obra de Grete Stern é realmente inspiradora para Sonia.


Por outra banda, o collage sérvelle para abordar temas de actualidade ou ideas que xeren debate. A temática vai dende o cambio climático, a ecoloxía, a literatura, a moda, o traballo, a economía ou mesmo a pandemia. Neste caso resalta a figura de Diego Lara, mais hai numerosos artistas que lle interesan enormemente.


Os collage de Sonia Otero móvense entre a arte abstracta e a conceptual. Contanos que ‘’o proceso de deconstruír imaxes que mostran unha realidade para reconstruír unha nova a partir das miñas ideas, ás veces oníricas, outras máis palpables, é o fío condutor cara a unha nova narrativa poética na que tamén cada espectador pode sacar as súas propias conclusións’’.


Coas súas obras gústalle crear interese no observador, non lle importa tanto se gusta ou non o resultado, se non que aposta máis pola mensaxe e por o debate que pode crear no público. A artista pode facer un collage cunha idea orixinal e o espectador obter uns pensamentos totalmente alleos, aspecto que lle parece moi interesante.

Análise dunha obra

Lugares de Memoria I, forma parte dunha colección de dúas obras creadas no verán do ano 2020 para ser exhibidas no Festival Kaos celebrado en Kranj, Eslovenia.


Trátase dun collage analóxico realizado con téxtil, fío e recortes de antigas revistas de entre os anos trinta e sesenta do século XX. Pese a que para as súas ilustracións empregue pequenos tamaños, nesta ocasión utilizou un soporte de 30 cm x 42 cm.


A exposición tiña como tema principal o ‘’About Tomorrow’’, unha análise dos tempos, non só do mañá e do futuro, se non o por qué e o cómo chegamos aí, o noso pasado e o noso presente. O collage non só se trata da parte técnica se non que tamén hai que saber ler sobre a temática e coñecer outros puntos de vista para todo formar un conxunto e que sexa parte do proceso de creación. Dese xeito apostou pola realización dun collage que é o reflexo sobre a historia e a memoria de cada sociedade titulándoo así Lugares de Memoria. Neses lugares únense o pasado e o presente dentro da memoria e axudan a deseñar un futuro próximo. Conta Sonia que se trata ‘’dun espazo físico e temporal que combina a realidade histórica, os recordos, o simbolismo ou a realidade de cada individuo. É nese momento, no da individualidade das persoas, onde se orixina o meu traballo’’.


Cada persoa é unha sinopse de historias, xeografías, recordos, tradicións, costumes, familias, políticas, arte e demais aspectos que xunto cos individuos da súa comunidade forman un lugar de memoria.

bottom of page