Sofía Holdes
Sofía Holdes nace no ano 1998 en Campañó, Pontevedra. Cando era cativa gustaballe estar ocupada facendo calquera actividade, mais era unha rapaza que tamén apreciaba a tranquilidade, polo que o debuxo era a opción perfecta para manter ese equilibrio. Recorda pasar gran parte do seu tempo entre as cores, debuxando, ou entretida coas ilustracións dos contos infantís. Os seus días favoritos baseábanse na busca do libro máis fermoso pola biblioteca para poder apreciar as súas follas ilustradas, e tamén a asistencia ás clases de debuxo e pintura que recibía na escola na que estudaba.
A medida que pasaba o tempo e tras as leccións artísticas recibidas na infancia, deixou de lado o tema debuxístico ata aproximadamente os quince anos, cando realizou o bacharelato artístico. Ese momento foi clave xa que a partir de aí retomou o seu gusto polas artes e nunca deixou de traballar. Posteriormente ingresou no ciclo de Ilustración da E.A.S.D Pablo Picasso na Coruña e tras rematalo, optou polo ciclo de Gravado e Técnicas de Estampación na E.A.S.D Ramón Falcón en Lugo.
No tema profesional, Sofía ten unha pronta produción xa que non foi ata este propio ano 2021 no que comezou a traballar de maneira seria. Presentouse nos fanzines organizados por Guísomo Eu e está asociada a asociación para artistas emerxentes O Galpón Lab. Tamén estivo en numerosos mercados de arte como os organizados por Guísomo Eu na Casa do Peixe, na Mostra de Arte organizada polo Galpón Lab en Moaña, no Pont Up Store ou no Verbena Marcket. Comeza deste xeito a comercializar coa súa obra e aspira a seguir formándose e participando no maior número de proxectos posibles para darse a coñecer e crear redes de contacto con outros artistas.
Produción artística
Actualmente a técnica que máis explota a artista é a ilustración dixital. En ocasións tamén emprega a tinta sobre papel ou mesmo o acrílico sobre lenzo, que son sen dúbida as labores que máis calma lle proporcionan. Máis antes de comezar a explorar as técnicas nomeadas, realiza bosquexos co grafito, co cal se sinte moi cómoda debuxando. Desa maneira, nun primeiro momento Sofía visualiza o que quere representar na súa mente e de seguido realiza numerosos esbozos co lápis para posteriormente traballalos coa pintura ou dixitalmente.
En canto á gama cromática, depende do tema que queira transmitir. Para plasmar sentimentos coma a dor, a tristeza, a calma ou a presencia da morte emprega cores como o violeta ou os terra, mentres que para o amor, a paixón ou a alegría opta pola mestura do rosa e dos tons alaranxados.
A súa fonte de inspiración ven da man da natureza que a rodea e os sentimentos que a invaden, polo que a través das súas obras intenta plasmar a unión de ambos. Esta harmonía recollea en escenas como a representación da dor que remata nun corpo cheo de insectos, a superación da morte dun animal que xace florecendolle flores no peito ou a paixón como un contacto entre enredadeiras que se unen ata ser unha. A temática gravita en torno ao amor en todas as súas formas. A pena, a morte ou a superación desta forman parte dese sentimentalismo que Sofía xunta coa natureza que tanto a inspira. Aínda que esta serie de ideas lle infesten a mente, en algunhas ocasións sinte que debe simplemente debuxar outro tipo de temas como método de relaxación.
A estética é algo que lle causa moito interés á artista, mais as súas obras quereas levar a outro nivel e que xunto co visual poidan transmitir unha idea ou sensación. A mensaxe de cada obra non ten que ser universal, as persoas teñen a capacidade de apreciar o que ven de maneira distinta. A idea que plasma Sofía non ten que ser a mesma co espectador, xa que intenta que o público teña unha experiencia de recordo e sensación personal. En conclusión, a obra de Sofía vai máis alá dunha simple apariencia xa que o receptor debe implicarse no seu entendemento.
Análise dunha obra
O descanso trátase dunha ilustración dixital realizada no ano 2021. Nela, a artista quere plasmar a conxelación do tempo coa existencia dunha morte, xa sexa real ou sentida, fronte ao avance da vida ó noso arredor. Para representalo escolleu dous coellos deitados sobre a vexetación. As flores medran e os insectos seguen vivindo e alimentándose no medio destes animais, sen importar que estos xacen sen vida.
A metodoloxía de traballo que empregou para a súa realización comeza cun plantexamento na mente da artista e unha visualización imaxinada. Cando tivo claro o que quería facer, comezou a esbozar co lapis, xa que para ela é básico o uso do grafito na previa creación das súas obras. Unha vez rematado o debuxo escaneouno para darlle cor e retocalo coa tableta gráfica.
O que quere transmitir a artista coa obra é a calma e o descanso, dese xeito non empregou liñas demasiado duras polo que utilizou un pincel de grafito e unhas cores pouco chamativas, en relación cos tons terra que estiveran máis relacionados coa paz e a relaxación.