top of page
Silvia Caramés.JPG

Silvia Caramés

  • Instagram

Silvia Caramés é unha artista da Coruña nada no 1998. Cando era cativa interesábase máis polo debuxo que pola escultura, mais a súa irmá -que estudou modelado- levouna por outro camiño. Ó principio quixo ser ilustradora, pero na súa familia decantábanse pola escultura para Silvia, pois pensaban que xogar cos volumes era o que realmente se lle daba ben.
 

O seu interese por esta disciplina espertou a unha época temperá. Na súa familia adoitaban facer festas temáticas polo que de nena comezou creando accesorios que completaban os seus disfraces. Quixo facer a modalidade de escultura aplicada ao espectáculo precisamente por isto, porque gustaba da caracterización e de crear escenografías. Pero non só isto, senón que tamén lle chamaba a atención esta disciplina por algo tan cotiá como facer tartas ca súa nai, as que dotaban de formas. De todas maneiras, unha vez comezou a súa formación decatouse de que o que máis lle gustaba era a escultura clásica.


Tras non ser admitida na EASD Pablo Picasso, tornou o seu camiño cara auxiliar de veterinaria. Con todo, a súa sede artística precisaba saciarse e, finalmente logrou entrar na escola coa disciplina que lle apaixonaba. Unha vez rematada esta formación, quixo aventurarse no Grao de Belas Artes, mais a época do covid botouna para atrás. No seu lugar decidiu continuar na Picasso no ámbito de Dourado e Policromía. A artista compaxina estes estudos ca ensinanza a nenos e xubilados de manualidades e modelado.


Pese a que a escultura é a manifestación por excelencia desta artista, tamén acabou interesada na ilustración, coma de cativa. Combinou aquí os seus coñecementos sobre dourado para crear obras orixinais que mesturan os seus gustos.


No ámbito profesional, Silvia segue recreándose no seu aprendizaxe constante, o que a levou a merecer o Premio extraordinario de Artes Plásticas e Deseño da Xunta 2021.

Produción artística

As obras que produce Silvia son un traballo terapéutico para ela. Os proxectos que non son por encargo, teñen relación co que lle sucede nunha época determinada e os seus sentimentos á hora de enfrontarse a ela. Esta artista é moi profunda e incluso di que dramática, polo que mostra case sempre representacións da tristeza e da rabia. É un modo de expresar os seus sentimentos a través da obra.


Á hora de comezar unha escultura o que fai é pensar que ocorreu ultimamente na súa vida, que precisa sacar cara ó exterior, canalizar como está nese momento emocionalmente. Despois adoita buscar referencias no mundo da historia da arte nas que verse reflexada. A raíz disto, comeza a debuxar varias versións do que quere representar e así darlle forma a súa idea. Vai abstraendo o debuxo ata o punto que se sinte cómoda e, tamén pensa nos acabados. Así é como se pon a traballar sobre o barro principalmente, pero tamén sobre outros materiais como a plastilina sen sulfatos para pezas máis pequenas. Utiliza moldes de silicona ou xeso e para as reproducións usa resinas. O resultado final acaba sendo o moi similar ós debuxos iniciais ou cámbiao completamente.


O que inspira a esta artista para o seu proceso creativo son os seus sentimentos e as súas emocións. Con todo isto, ten unha temática presente: a muller. Froito dunha familia matriarcal, criada pola súa nai e pola súa irmá, estivo sempre rodeada de mulleres. Iso é o que lle inspira, especialmente en relación con Venus paleolíticas ou figuras coma as virxes. A súa obra ten unha reivindicación feminina moi clara, pero tamén plasma aquelas cousas que rexeita e que lle producen rabia tales como os abusos machistas ou a contaminación.


Finalmente o que Silvia pretende é que o espectador teña algún tipo de reacción, que a obra esperte un sentimento sobre el. Prefire non contaminar a cabeza do público cunha explicación clara, pois pensa que a interpretación persoal prima, que cada un poida interpretala como desexe.

Análise dunha obra

A obra Galardón Caramés é un proxecto presentado no 2021. Con el, a artista foi gañadora do Premio extraordinario de Artes Plásticas e Deseño da Xunta. Trátase do Proxecto Final de Escultura aplicada ao espectáculo da EASD Pablo Picasso que presentou Silvia Caramés. Nel, inventouse unha asociación que traballaba con mulleres maltratadas e que precisaba dun trofeo que darlle a artista gañadora dun galardón: “Recoñecementos Caramés á obra artística en apoio á muller”. Deste modo, fixo unha representación tamén da realidade, do reflexo do que está acontecendo nesta sociedade.


A súa inspiración foi a figura mitolóxica Medusa. «Medusa como ser mitolóxico na actualidade ten unha imaxe de femme fatale, de monstro sen alma ni sentimentos cando en realidade este mito fálanos de “raptos” ou violacións divinas, dos celos dos deuses e a maldade coa que cumprían os seus caprichos. A intención é que o deseño do trofeo evoque un sentimento de vulnerabilidade, dor e impotencia, pero tamén á súa vez quero que transmita a capacidade de traballar o trauma, superalo e continuar coa vida» di a artista.


Nun primeiro momento pensou en realizar tres cabezas individuais, pero non tiña sentido polo feito de que ía ser un só trofeo e non se entendería a cohesión para contar a historia. Ao xuntalas teñen un ritmo circular, o espectador vai xirando e a vez comprendendo o que quere contar e representar esta escultura.


A primeira das figuras ía ser Medusa violada por Poseidón, incluíndo a cabeza deste ser mordéndoa. Finalmente optou por colocar simplemente a súa man estrangulando o pescozo de Medusa en alusión ao acontecido. Ela está representada na súa forma humana, fermosa e con certa fraxilidade, cun rostro que expresa entre medo e vulnerabilidade. Todo isto rodeado por serpes que se enrolan e enmarcan a escena. A segunda figura é Medusa xa transformada no ser mitolóxico, co pelo cheo de serpes e cas ás de bronce. Polo tanto, nesta ocasión mostra unha actitude desafiante. Por último, unha terceira figura de Medusa xa morta, pero en lugar de cortarlle o pescozo como adoita aparecer nas representacións, optou por quebrala. Deste xeito, fai tan só media cabeza e inclúe unha serie de gretas propias da pedra.


Despois de definir o modelado fixo un acabado en ouro envellecido xa que historicamente o ouro é un metal que representa poder ou neste caso empoderamento, a fortaleza de Medusa.

bottom of page