Sebas Anxo
Sebas Anxo naceu en Cambados (A Modia), no ano 1971 mais reside en Santiago de Compostela dende fai vinte anos.
O interese pola arte venlle dende cativo da man de seus pais, os cales se adicaban ao mundo da ensinanza, e gozaban de gran contacto con algúns artistas locais. Nese fogar contábase con numerosos libros e catálogos de arte que o pequeno Sebas ollaba apaixoadamente. Recorda que lle gustaba reproducir os debuxos que contemplaba no seu día a día, como por exemplo repetir as portadas dos libros de texto ou certas figuras de animación polas que debecía, moitas veces en compañía de seus irmáns. Tamén intercambiaba cómics cos veciños e veciñas, polo que as artes plásticas sempre tiveron una importancia vital para el.
Co paso dos anos comezou a acudir a exposicións realizadas pola súa comarca, visitando obras como as de Francisco Asorey, Paco Leiro ou Lino Silva. O seu interese polas exposicións seguie crecendo, así como a paixón por coñecer os talleres de diferentes artistas. Dese xeito achégase ao taller de Manolo Paz en Cambados.
O artista formou parte da segunda promoción da facultade BBVA en Pontevedra, licenciándose na especialidade de pintura. Actualmente é mestre de debuxo nun instituto de educación secundaria da Estrada. No discorrer da súa carreira realizou cursos con distintos artistas de plástica contemporánea, con figuras como as de Modest Cuixart, do grupo Dau al Set; ou como José Hernández, premio Nacional de Grabado, cos que tivo a sorte de intercambiar ideas e obtivo unha valiosa aprendizaxe. Tamén efectuou talleres de formación, como os de gravado realizados no Centro de Estampación de Betanzos, ou algunhas becas como a de Valdearte, en Valdeorras, ou a Solaina de Piloño, entre outras.
Sebas conta cunha ampla traxectoria artística. Comezou a expoñer os seus traballos sobre os anos 1992 e 1993 e dende aquela participou en numerosas mostras colectivas en distintas institucións. Ademais participou en concursos de ámbito galego, nacional e mesmo internacional. A maioría destas exposicións forman parte dos variados certames celebrados en Galiza, que van dende a década dos 90 ata a actualidade, citando por exemplo as Bienais do Pintor Laxeiro, as convocatorias de Novos Valores, as de Rivas Briones ou as do Eixo Atlántico. Tamén formou parte en distintas salas expositivas como as da Fundación Abanca, a casa de Galicia en Lisboa ou o MANAShow de Chicago.
En canto aos concursos, foi premiado co Antón Rivas Briones en Vilagarcía, no Encontro de Outono en Santiago, ou na Bienal Internacional Pintor Laxeiro en Lalín, ben sexa como accésits ou premio adquisición.
No ámbito do traballo máis individual, ten un longo percorrido por diferentes galerías e institucións en Galiza e a nivel nacional, como son as da Galería Metro en Santiago, Clérigos en Lugo, BeloBelo en Braga, A Casa de Galicia en Madrid, ou a Sala Araba de Vitoria no País Vasco entre outras. Tamén participou en feiras de arte como as celebradas no Espazo Atlántico de Vigo ou a madrileña JUSTMad.
Produción artística
Sebas Anxo explota en xeral as técnicas mixtas que ofrece a pintura. Traballa con varias técnicas pictóricas ao mesmo tempo, posto que non sinte que teña predilección por unha en concreto, e non lle gusta sentirse atado e comprometido. Durante a súa traxectoria focalizou o seu tempo no uso do óleo, acrílico ou acuarela pero actualmente deixase levar pola versatilidade da mestura das opcións da pintura no papel.
Realizou unha extensa obra co gravado. Malia que ten incorporado no seu taller os procesos que esta especialidade require, non é a produción máis característica do artista.
O soporte que máis emprega é o papel polas amplas posibilidades que este ofrece. Traballa co collage como elemento configurador e técnico, inseparable de todo aquelo que fai.
En canto ao uso da cor, a súa paleta cromática ten pasado por moitas variantes, polo que non se pode decir que teña unha concreta e única. Nas derradeiras obras que realizou os tons son máis suaves e as pinceladas menos contrastadas. O uso dos fondos negros que usa actualmente, axúdalle a crear máis contraste coas cores e ofrécelle outras sensacións relacionadas co aspecto harmónico da cor, posto que axuda a realzar algunhas partes ao tempo que unifica o traballo.
Os anacos de papel pintados, os personaxes grotescos, as criaturas imaxinadas, as figuras humanas (en diferentes vertentes e situacións), os obxetos atopados, os trazos expresionistas e a variedade de posibilidades nacidas da experimentación cos soportes planos e o papel, son para o artista unha inspiración e un rasgo caracterizador nas súas obras. Pódese decir que non ten unha predilección por unha temática concreta, polo que non existe unha idea previa para a creación dunha obra ou mesmo dunha serie. O artista ten unha maneira de traballar moi libre e sen restricións, comezando con trazos de diferentes cores sobre o papel ou o soporte que estea utilizando. Moitas veces trátanse de manchas ou pigmentos aplicados con distintas técnicas, debuxos elexidos de entre os bosquexos ou incluídos en pinturas anteriores, ideas espontáneas ou pensamentos precedentes pouco definidos e concretados. Son conceptos que xorden arbitrariamente, que non teñen porque ter un sentido ou liña narrativa. Deste xeito o artista convérteos nunha especie de símbolos, planos de cor que foi acumulando durante un tempo, ou que pode ter pendentes de facer. Conta Sebas que: ‘’Son como os meus arquetipos aos que recurro para ir tecendo unha nova obra ou varias á vez e nas que se implican moitos dos elementos que despois figurarán na obra final ou non’’.
O proceso creativo comeza cunha primeira fase onde traballa de dúas maneiras: cun cabalete de gran tamaño en vertical ou sobre unhas mesas moi amplas. A segunda fase repercute directamente na obra que está a realizar, ben sexa porque vai pegando elementos de outras pezas ou ben porque replantexa a idea principal. Deste xeito, cambia ou arrinca aquelo que engadiu ao soporte anteriormente. A terceira e última fase tamén conleva unhas cuestións sobre os pensamentos orixinais, polo que pode seguir engadindo ou retirando partes para achegarse ao aspecto definitivo. Este período pode retroalimentarse de obras anteriores ou de novos plantexamentos. En consecuencia, obtén unha riqueza de elementos plásticos e formais xunto con unha ampla mestura de ideas que compoñen unha obra complexa no seu conxunto e contemplación.
A parte figurativa da súa obra compleméntase en grande medida coa abstracción, creando un diálogo e equilibrio entre as dúas. Isto débese a que o autor non busca crear unha obra cunha intencionalidade concreta nin unha temática clara. Dependendo da creación, en ocasións xorden significados que dan sentido a escenas precisas, ou personaxes que axudan a interpretar un feito ou temática. As súas obras compoñen escenarios ficticios e imaxinarios que cobran sentido a medida que avanza o proceso creativo. A materialidade ten unha presencia especial ao longo da realización da obra e forma parte indivisible dela. Nos últimos oito ou seis anos, este elemento material colleu gran peso na maneira de crear. Este está moito máis presente e o artista procura que destaque, mais sen deixar de lado ao resto de aspectos que a creación porta.
Actualmente Sebas Anxo traballa na procura de solucións estéticas e plásticas que reflexen o proceso pictórico, pero tamén de arquetivos culturais cunha simboloxía incerta. No caso de sentirse atraído por calquera concepto, xa sexa un debuxo, obxecto ou deseño; introduciríao no espazo da pintura. Traballa en dous escenarios, un deles é o da composición e a harmonía dos elementos como marco. O outro, sería o do azar e a serendepia como punto de partida e a súa infinidade máxica que traballo como algo lúdico. Ademais constrúe unha imaxinería propia, algunhas veces surreal e outras expresionista; anacos de realidade material ou gráfica mesturado con algún trazo real que lle parece interesante. O artista intenta que a obra vaia medrando ao longo do proceso creativo coa confluencia de todos os elementos que él mesmo engade ou retira; é decir, unha especie de espiral de crecemento. Nalgún caso ten refeito obras enteiras case finalizadas a causa do nacemento dunha nova idea ou acontecemento no taller.
Análise dunha obra
Esta obra que carece de título, trátase dunha cabeza realizada en papel Claire Fontaine, de grandes dimensións, 180 x 180 cm. Foi realizada en técnica mixta no taller do artista en Santiago a finais do ano 2021.
O soporte recolle unha testa en tons crema que contrasta co fondo negro, mesturando ospapeis de diversas formas con ricos cores, onde a parte matérica é a protagonista.
É unha imaxe dialogante, xa que se atopa entre a abstracción e a figuración máxica moi recurrente no seu ideario. Inclúe tamén un trazo característico da súa labor pictórica como é a profusión de recursos plásticos cun quefacer barroco. Con isto refirese ao horror vacui de elementos que inundan a parte interior da figura e onde destacan dúas liñas que atravesan o rostro en dirección diagonal, arrancando na parte que ocupan os ollos. En conxunto esta obra harmonízase axeitadamente, sen estridencias pero sen descanso, posto que é unha obra rica en matices e contido. Nela acolle unha serie de símbolos que proceden de arquetipos como as cruces, os triángulos ou mesmo a numeración Fibonacci, aportando un sentido de imaxe gravada, marcada, e mesmo tatuada.
O proceso creativo comezou despois de ter o cadro apartado no taller durante un tempo, algo moi representativo do artista. A medida que avanzaba o traballo lembrábase das cabezas xigantes do escultor Jhon Davies así como das máscaras indíxenas, africanas ou americanas.
Os elementos que se mesturan van dende a abstracción con formas que evocan á natureza, liñas que lembran ritmos desta, co contraste dunha orella da que saen motivos xeométricos a modo de ritmos, como se foran notas dunha partitura musical abstracta. Tamén lembra incluír nunha fase anterior de creación a frase ‘’I will never be tamed’’ (Eu nunca serei domado). Esta consérvase en parte na zona do ollo como referencia a unha canción que estaría escoitando no momento de creación.
Aínda que o artista procurou que a obra estivera equilibrada, esta preséntase como visualmente moi forte e con moito contraste. Esta produce no espectador un abano de posibilidades, onde todo colle nesa cabeza, xunto cunha experiencia soñadora e máxica. É un conxunto que recolle simboloxía, cor, formas e texturas, reflexo do que o artista realiza con todas as técnicas que a pintura lle ofrece.
Esta creación compartiu espazo con outras obras do artista na exposición individual que realizou entre novembro de 2021 e xaneiro de 2022 na Galería Metro en Santiago de Compostela titulada ‘’A fascinante historia do cadro sen fin’’. Esta tamén viaxou a Madrid para ser exposto na feira JUSTMad deste ano.