Sara Temes
Sara López Temes naceu en Lugo no ano 1996. Dende a infancia tivo un interese especial pola disciplina fotográfica, e aos doce anos mercou a súa primeira cámara coa que, dende aquela, non deixou de tomar fotografías.
Os prexuízos sobre a saída profesional artística levárona a ingresar no bacharelato de ciencias sociais. Ao rematar, sentiu que a fotografía era o seu camiño e ingresou no ciclo formativo superior de fotografía na Escola de Arte Superior e Deseño Ramón Falcón, en Lugo. Eses anos foron necesarios para meditar sobre o seu futuro como fotógrafa, polo que decidiu realizar o Grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Durante a estancia universitaria descubriu un forte amor polo vídeo, e dese xeito, Sara desexa seguir formándose no audiovisual, aspirando a converterse en directora de fotografía.
Actualmente adícase a levar as redes sociais de varios comercios locais lugueses como creadora de contido. Realizou varias pezas audiovisuais: documentais e de ficción como directora de fotografía e ademais, traballa como fotógrafa de produto. Paralelamente leva un proxecto persoal que mestura fotografía e vídeo, cuxa protagonista é a súa avoa.
Produción artística
A fotografía de Sara recolle xéneros como o da macrofotografía, a fotografía conceptual ou a paisaxe rural, aínda que actualmente aposta máis polos temas da imaxe da rúa e costumista, nos que a súa avoa é a fonte de inspiración.
A súa predilección é fotografar o día a día de maneira espontánea e pouco estudada para que as imaxes sexan o máis naturais posibles. Esta maneira tan irreflexiva de tomar fotografías adoptouna do fotógrafo Henri Cartier-Bresson durante os seus anos de formación. Cartier está considerado por moitos como o pai da fotorreportaxe, apostando polas imaxes urbanas e cuxa filosofía era captar o instante decisivo, o momento exacto. Deste xeito, non existe unha preparación previa nos escenarios das fotografías de Sara, senón que se trata de captar as diferenzas, as características e a esencia de cada lugar e momento que recolle coa cámara.
A forma e a composición das fotografías está condicionada polo lugar no que se encontra, xa sexa exterior, interior, urbana ou rural. A pesar de deixar este aspecto supeditado ao medio, a Sara gústalle xogar cá simetría, cás diagonais e cá iluminación natural. Intenta experimentar cá regra dos terzos e cás liñas físicas do encadre incluíndo elementos integrados no propio escenario como as árbores ou as ventás. É así como crea unha fotografía cotiá e espontánea, que se achega moito á impulsada por Cartier-Bresson xogando con todo aquelo que o medio pon á súa disposición.
En canto á paleta cromática das súas fotografías, segue apostando por plasmar o arbitrario e o natural. As cores que se plasman nas imaxes son bastante diversas porque o lugar proporciona a luz, os matices e as tonalidades. Aínda que o gusto de Sara se incline máis cara uns tons pardos, ocres ou verdes, o certo é que as regras están no natural, xa que é a espontaneidade do momento o que aporta o colorismo ás imaxes.
A fotografía de Sara Temes non é algo estudado, senón que se deixa levar pola súa intuición para captar o instante decisivo, e facer das imaxes algo espontáneo e natural.
Análise dunha obra
Avoa, é un proxecto persoal entendido a modo de diario fotográfico que comezou nos primeiros días da corentena do ano 2020. A serie de imaxes ten como protagonista a súa avoa Isaura, que con 90 anos se sentiu falta de liberdade ao ter que permanecer na vivenda por mor á pandemia.
O contexto desenvólvese entre dúas paisaxes antagónicas, a cidade e o rural. Sara intenta recoller nas fotografías as diferenzas que existen entre ambos espazos durante e despois do confinamento, respecto á vida da súa avoa.
O cambio da situación sanitaria afectou fortemente á estabilidade de Isaura, a cal dende que comezou o encerro, repetía as mesmas accións unha e outra vez. Estas labores; como coser, reler os xornais ou pintar longas horas, foron captadas pola cámara da súa neta retratando o paso dos días e o seu fastío.
As fotografías dos días de corentena contrastan dunha maneira importante coas tomadas no medio rural. O único lugar no que a súa avoa se sinte cómoda e libre é na súa casa da infancia na Ribeira Sacra. Alí cambia o seu estado anímico e desfruta da natureza optando por labores máis animadas. Deste xeito, Sara chega á conclusión de que o encerro converteu a Isaura nunha persoa rutinaria e desganada, mentres que as estancias na aldea lle serviron como revitalización e agrado persoal.
Esta imaxe é importante polo que simboliza. Sara enfoca a súa avoa de costas, e na fiestra pódense diferenciar os edificios dunha cidade case prohibida durante o confinamento.