top of page
ID 11233 - RAQUEL GARCIìA HERNAìNDEZ_edited.jpg

Raquel García

  • Instagram

Raquel García Hernández é unha artista do 1965 nada en Zamora. Coa temperá idade dun ano mudou a súa residencia familiar a Galicia e dende aquelas permanece nesta terra. Recorda como ía a Zamora para a feira de cerámica que alí se realizaba, sendo agora unha inspiración para a creación das súas obras. Falamos entón dunha alimentación visual e maleable da súa faceta artística na época da súa infancia, a través do interese da súa nai pola cerámica popular.


A artesán, segundo foi crecendo interesouse pola restauración de mobles ou o arranxe de obxectos, é dicir, adquiriu un gusto polo traballo manual. Dirixiu as súas miras cara a cerámica, mais deixouno durante un tempo. Finalmente, o 2015 foi o ano no que realmente comeza a súa andadura no mundo artístico retomando esta disciplina. Primeiramente montou un pequeno taller no que poder levar a cabo as súas labores e, despois, conseguiu praza na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.


Tras a súa experimentación co mundo da cerámica e a exposición dalgunha das súas obras, logrou pertencer á Asociación de Artesáns do Val Miñor e a Artesanía de Galicia, mais ten o seu propio taller en Belesar, Baiona.

Produción artística

Raquel traballa no ámbito da artesanía, máis concretamente da cerámica. O seu gusto pola cerámica popular procede da súa vivenda familiar e do interese por ese contacto ca materia maleable que pode transformar nun obxecto, tanto utilitario como ornamental. É unha produción cun estilo contemporáneo polo deseño, a forma e a cor. Opta por unha liña sinxela, pois considera que canto máis minimalista e simple, mellor.


Á hora de realizar as obras utiliza diferentes técnicas: moldeado, modelado, planchas (esténdese o material e únese para facer cilindros, pratos...), etc. A decantación por un ou outro simplemente provén do proxecto que ten en mente.

 

Raquel traballa tamén diversos tipos de arxilas, tanto de alta como de baixa temperatura. Mesmo gusta da porcelana, da que pode sacar copias dun molde que fai ela mesma en xeso. Tamén usa arxilas máis rústicas que teñen chamota, é dicir, barro cocido e moído que mestúrase con barro sen cocer para obter unha textura rugosa. As coladas adoitan ser brancas, aínda que non lle desgustan arxilas de cor como a terracota.


En canto á temática, cando é figurativa gusta de facer escultura de bustos. Do busto matriz saca un molde de xeso do que despois fai copias e as intervén de diferentes maneiras. Tamén lle interesa facer obxectos de decoración sinxelos e incluso inmisciuse nas vaixelas. Raquel busca a variedade e tamén facer cousas un pouco máis comerciais como as pezas de xoiaría. Con todo, ela desfruta especialmente da creación de obras de maior tamaño.


O proceso creativo da produción decorativa e a utilitaria é máis ou menos similar. No primeiro dos casos, cando está a facer a peza e ve que van mellor outras formas ou unha textura diferente, vai avanzando na súa idea primaria. Obtén un resultado final a base de modificar a obra no propio proceso. En canto a produción de carácter máis utilitaria, fai máis probas nun primeiro momento decorando cada prato dunha maneira. A idea primeira nace cunha decoración, pero as veces non lle convence, ou métea no forno e sae diferente. Polo tanto, vai modificando os obxectos ata que o resultado final é satisfactorio.


A súa inspiración provén principalmente daquela cerámica popular que ollaba nas feiras de Zamora. Das imaxes que ten no seu recordo ela fai unha reinterpretación, incluso mantendo o gusto por non esmaltar demasiado. Por outro lado, tamén está a natureza, da que respira día a día, pois reside no campo e permítelle recoller follas e gravalas en pratos, por exemplo.


Finalmente, Raquel cas súas obras quere que se contemple algo sincero, feito na casa ou no taller, feito cas mans. Que quede conta do proceso creativo por gusto, por inspiración, por pracer, e que ten unha personalidade propia. Ó final, son pezas de creación única e feitas en exclusiva.

Análise dunha obra

Inocencia é un proxecto que Raquel García creou para presentar na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. O título propón unha lectura desa inocencia dos nenos e nenas, pero indo máis alá. Quere transmitir a necesidade do respecto pese as diferencias que poda haber entre eles. É por iso que a ornamentación en cada un deles é variada.


Para a súa creación utilizou porcelana xa que é a arxila que mellor se adecuaba a súa idea primaria. Isto é debido a que podemos relacionala ca pureza, ca brancura, con esa delicadeza e máis un tacto que é o mellor reflexo da inocencia.


A cantidade de bustos foi variando segundo avanzaba a súa idea, pois quería ter uns a maiores por posibles erros no esmaltado ou un insatisfactorio resultado. Están elaborados a partir dun molde e despois, vai variando o seu aspecto para crear unha diferencia entre eles. Utiliza cores variadas para resaltar as características persoais de cada figura. Nun principio pensou en utilizar como matriz para este molde de xeso un boneco, mais finalmente optou por realizalo ela mesma e así dotalo de personalidade.


O traballo foi en modelado, empregando arxila de gres de alta temperatura e esmaltado cun esmalte transparente e brillante para que non estivese poroso e non fose problemático á hora de realizar o molde de xeso.


Realizou dúas fornadas xa que o forno no que introduciu os sete bustos non era o suficientemente grande para metelos á vez. A primeira é a do bizcochado, de baixa temperatura para que na segunda puidese fixarse ben o esmaltado. A posterior e definitiva foi de alta temperatura xa cos esmaltes.

bottom of page