top of page
01_edited.jpg

PABLO SARTAL

  • Instagram
  • Icono negro LinkedIn

Pablo Sartal nace no 1992 en Meis, Pontevedra. Dende neno comeza a debuxar pois sentía que era unha maneira natural para expresarse. Isto lévao a ver a pintura como un ocio no cal podía plasmar aquelas cousas que lle gustaban –cómics, mangas, debuxos animados– nunha mesma expresión. Nestes primeiros anos a súa preferencia baséase principalmente no lapis e no papel, mentres que organicamente foi modelando a súa propia aprendizaxe. Non acudía a clases profesionais, a pesar de que lle tivera gustado, polo que a súa xuventude esta marcada por ser autodidacta.

​

Durante os seus estudos obrigatorios indagou de maneira máis profusa nos seus gustos e influencias, facendo especial fincapé nos debuxos animados, animes, graffitis e tatuaxes –sendo estas últimas un punto fundamental da definición do seu estilo, especialmente as tradicionais xaponesas. Mediante a repetición e a reprodución dos modelos que máis lle gustaban ía acadando a súa técnica e a súa expresión propia, sendo estes considerados como “debuxos de aprendizaxe”.

​

Estudou bacharelato de artes, o cal supuxo o seu primeiro paso cara unha ensinanza formal no mundo da arte. Foi o seu primeiro encontro con técnicas, métodos de traballo especializados e cuestións formais. Grazas a isto introduciuse en novas expresións artísticas que lle serviron para ampliar as súas miras como carboncillo, óleo, etc. pero remarcando claramente o seu interese polo debuxo técnico –o primeiro paso para os seus posteriores estudos. Continua a súa formación na Escola de Arte Superior Antonio Faílde en Deseño Gráfico na cal se instrúe sobre técnica e métodos de traballo, xa encamiñado a unha visión moito máis profesional. Descubre novos artistas e estilos que conforman un pilar básico no seu imaxinario artístico; Bauhaus, carteleira propagandística, etc. Unha das figuras fundamentais para Pablo foi Toulouse Lautrec, sobre todo pola súa vertente no cartelismo moderno.

​

No transcurso dos anos de formación superior transiciona do lapis cara o dixital, xa que o vía como unha ferramenta moito máis útil e diversa. A finais do 2018 toma máis en serio este novo método, de maneira autodidacta aprende como sacarlle partido e a profundar nos distintos usos que lle ofrece o mundo dixital. Os recursos e a variedade son os puntos que considera máis atraentes. Actualmente encóntrase nun proceso de constante aprendizaxe pois está interesado no mundo da publicidade, deseño web, marketing e das novidades que xurdan no mundo do deseño gráfico.

Produción artística 

​

A obra de Pablo varía ó longo dos anos, axustándose ós seus gustos e novas referencias que engade ó seu eido. Isto lévao a que a produción sexa variada e que poida diferenciarse en distintas etapas. Nos comezos a referencia clara baséase nun estilo apegado ás tatuaxes que combina co lettering, xa que lle gusta acompañar os seus deseños con texto. Estes poden ser propios, que realiza a man, ou elixidos dentro do seu banco de referencias. En ambos casos búscase que se adapte a imaxe e que se aprecie como unha composición completa.  Pouco a pouco vai pasando desta ilustración con moito detalle, en branco e negro, a un estilo moito máis caricaturesco, onde a presenza da cor é fundamental.

​

Nesta segunda etapa empápase de novas referencias, grazas a un concurso dun podcast online –Yo Interneto– no cal invitaban os seus fans a crear un deseño para o merchandising. Tras investigar en novos estilos concorda que o máis adecuado –e co que sinte que máis conecta– é aquel que se achega as caricaturas dos anos trinta. Foi pouco a pouco dándolle unha forma máis persoal e engadindo características que segue arrastrando do pasado, como a combinación imaxe-texto. Para que esta nova vía se presente dunha maneira máis sólida e que poida constituírse como un novo estilo propio, bebe principalmente de artistas norteamericanos, pois considera que é o lugar principal onde se está levando a cabo un rexurdimento do estilo. Debido a este tamén descobre que se sinte moi cómodo traballando para o mundo téxtil e que desfruta vendo os seus deseños estampados en camisetas e suadoiros. Actualmente está interesado na serigrafía e estampaxe, desencadeado principalmente tras a visita da exposición "Castelao grafista (facsímile)".  Tanto estes métodos de traballo –e polo tanto o estilo que proxecta– como a figura de Castelao son os novos intereses principais do autor.

​

En canto o método de traballo e proceso creativo inclínase por garabatear libremente dándolle así moita presencia a liña. Nestes bosquexos vai formando o deseño e dando forma as súas ideas. O estilo vaise marcando segundo o vai pasando pouco a pouco a limpo, aportando claridade ó debuxo.  Para que sexa detallado e moi preciso traballa a base de capas que pode ir retocando de maneira individual.  É neste momento, tras as correccións, cando engade o texto e a cor.

​

A caricatura aporta formas distendidas, que lle deixan voar a imaxinación e que transmiten sensacións alegres acentuadas polos grandes ollos, os sorrisos e dotar de vida a obxectos inanimados.

​

Análise dunha obra ​

​

No verán do 2021 Pablo somérxese na creación de varias ilustracións sobre distintas festas estivais, unha delas é San Xoán. Comeza creando bosquexos nos que presenta distintas opcións para este mesmo tema, pero tendo como punto central manter o seu estilo e que sexa distendida e divertida.

​

O tema principal combina elementos relacionados ca festividade, polo que o punto central é a cacharela. A pesar de que a relación obvia sería poñer unha persoa saltándoa, Pablo quere ir máis aló, polo que decide dar vida a unha cervexa de maneira caricaturesca. Este evento recorda de maneira clara a un ambiente relaxado, pasando un bo tempo cos amigos.

​

​

​

09.jpg

Para o fondo baralla a posibilidade de plasmar a cidade da Coruña –por exemplo ca Torre de Hércules– pois constitúese como un lugar clave para desfrutar do día. A pesar diso, e intentalo de distintos modos, considera que o resultado máis adecuado resulta relacionándoo cas meigas (sapos, serpes, setas, etc.). A natureza e o espiritual mestúranse nun mesmo punto. O fondo énchese con estrelas e nubes facendo mención a unha das noites máis especiais do ano.

​

Tras crear o deseño no Ipad pásase para o ordenador en prol de traballar máis comodamente co texto. Engade non só o nome da festa, senón tamén a data e unha pequena frase en forma de título. Unha vez colocado o texto selecciona a tipografía que mellor se adecúe o estilo. En xeral usa parellas de tipos, unha de pau seco e outra con serifa ou caligrafía, pois aporta un efecto máis interesante á composición e sobre todo contraste. A tipografía finalmente escollida é unha de forma ancha en contraposición a unha máis estreita. O último paso é escoller as cores que se adapten de mellor maneira.

bottom of page