top of page
Nere Rama.jpg

Nere Rama

  • Instagram

Nere Rama, coñecida artísticamente como “Bailando na Lúa”, é unha artista bergantiñá nada en Xinebra, Suíza. A súa infancia e adolescencia estivo dividida entre a cidade suíza e a comarca de Bergantiños, concretamente Carballo.


‘’Bailando na Lúa’’ marca para Nere o comezo da súa aventura artística. Baixo este pseudónimo, o cal contén un forte significado, a artista séntese segura de comezar a compatir as súas primeiras producións.


Dende cativa sempre estivo acompañada do lápis e o papel. Debuxar a calquera hora era o seu pasatempo favorito, polo que sempre levaba material para traballar en todos os sitios aos que ía. Empregaba o seu tempo na representación de temas imaxinarios e surrealistas, creando unha especie de realidade feita ao seu gusto, onde por algún estraño motivo as cadeiras tiñan grande importancia.


O amor pola arte ven de parte da súa nai e avoa, grades apaixoadas da pintura, da costura e das labores feitas coas mans. Nere ía sempre acompañada polos lápices, máis estas mulleres da súa vida trasmitíronlle a curiosidade polos pinceis e dese xeito, sobre a idade dos nove anos foron aparecendo os seus primeiros lenzos a óleo. Tamén influíu a figura do seu mestre de pintura, Eloy, fundador de Feituras da Olería de Buño, o cal lle aportou moita sabiduría sempre cun sorriso. Co paso dos anos, lamentablemente abandonou as leccións artísticas, mais sempre segiu pintando ata ingresar no Grao en Belas Artes da Universidade de Vigo, onde actualmente cursa o derradeiro ano.


Dende o ano 2019 traballa en encargos persoais, abarcando unha ampla variedade de disciplinas que van dende a pintura, debuxo, fotografía, vídeo puntuais, ou mesmo facendo unha mestura dalgunhas manifestacións.


No ano 2021 embarcouse no proxecto de Derrubando Muros con Pintura, na súa propia vila, Carballo. Nesta edición realizou a obra ‘’A liberdade interior’’ e tamén un taller sensorial infantil de cara a experimentación de texturas e sensacións de pintar sobre un muro ao aire libre. Ese mesmo verán e no mesmo concello participou tamén no Carballo Cultural, actividade acompañada de concertos e pintura de lenzos en directo.


Tempo despois, xunto cunha compañeira efectuou uns xogos tradicionais sobre o chan, a modo de mural didáctico, preto do parque de Bergantiños e da entrada do colexio de municipio. Posteriormente colaborou no Mercado de Mulleres Artesás de Carballo, onde puxo a venda unha colección de láminas e algún gravado. Tamén é partícipe de exposicións colectivas en diferentes zonas de Galicia.

Produción artística

Coa labor coa que máis disfruta Nere actualmente é coa ilustración, posto que lle permite experimentar con diferentes materiais e mesturala con moitas outras técnicas obtendo resultados moi chamativos. A artista atopa moi interesante a mixtión, xa que afirma que a todo material se lle pode atopar relación co debuxo obtendo un resultado orixinal e persoal. Dese xeito, opta por fusionar debuxos a lápis con fotografía, engadindo toques de cor con acuarelas, gouache ou nalgúns casos rotuladores Posca. A instalación é unha práctica na que se mergullou pouco e da que lle gustaría coñecer máis. Nas ocasións que a levou a cabo gozou de moi boas sensacións e é unha opción á transmisión das técnicas plásticas que está acostumada a empregar.


A técnica base coa que parte en todos os proxectos é a do debuxo. Para ela, é o punto de partida para a materialización da creación, dende o bosquexo ata o traballo final. A artista considera a idea da finalidade moi complexa, xa que atopa realmente difícil atoparlle fin a unha obra ou proxecto. Nere considera que sempre hai algún aspecto que se pode mellorar, engadir ou cambiar, feito que lle apaixona xa que pese a que nun momento se poña fin á creación, nunca o é de todo. Conta Nere que ‘’incluso unha mesma pensa que darlle fin a unha obra é deixala aí, cando realmente é entrar nun bucle, xa que se esa produción lle aportou o mínimo detalle a alguén, dalgún xeito continuará con ela dende o seu punto de vista’’.


Do debuxo saen todas as súas ilustracións, as ideas para novas series fotográficas xa sexan analóxicas ou dixitais, e tamén son a base para os seus lenzos ou murais. Decantarse por só unha técnica é complicado, xa que todas as experimentacións lle aportan sensacións moi boas e variadas.


A fotografía analóxica é unha experiencia para a artista moi relaxante, xa que disfruta realizando ela mesma o proceso. Ten ocasións nas que os resultados son mellores e outras veces peores, pero todo forma parte dun conxunto que require moita concentración. Pola contra, a ilustración apórtalle agobio e presión no seu inicio creativo, xa que ata que non atopa a figura ou concepto definitivo entra nunha espiral de ideas incertas. No proceso final de realización as ansias de rematar a obra inundan a súa persoa. Por outra banda, considera a pintura como outra maneira de darlle unha nova vida ao debuxo en A4 ou A5 que xorde no seu escritorio baixo a luz do flexo. Esta vida trasládase a unha parede de seis metros, onde o impacto visual é realmente especial. A práctica é totalmente aleatoria, engadindo ou suprimindo elementos, mellorando ou mesmo cambiando o resultado.


O soporte que adoita empregar Nere para as súas obras é o papel, coa gramaxe a partir de 180 gr, que para ela é a mínima. Isto é porque as técnicas que usa se adaptan mellor a este estilo de folla, ademáis de que lle gustan os efectos das texturas. Na súa última produción decidíu tensar papel sobre bastidores redondos, un descubrimento que pretende explotar en máis ocasións. No caso da utilización da pintura ao óleo, o soporte son os lenzos que a ela mesma lle gusta elaborar e imprimar.


En canto ao uso da cor, Nere non ten unha paleta cromática concreta e definida. Igualmente ten predilección polos tons azuis e aqueles que abarcan os amarelos e laranxas. Pese a este favoritismo, non observamos recorrido destas cores na súa producción. Básicamente adapta as tonalidades co que a propia creación pide. Nalgúns casos imaxínase a obra final cunha pintura, pero finalmente ao facer as probas resulta ser a cor complementaria a que mellor se adapta. Por esta razón, non se pecha a seguir unhas normas coloristas. A artista confesa que o tema da cor é algo que lle encanta e que considera que transmite unha personalidade e forza especial.


A inspiración de “Bailando na Lúa” xorde do día a día, dos detalles que selecciona da rutina, da memoria e do paso do tempo. Dun simple paseo ou do desplazamento ao seu lugar de obrigacións destaca e selecciona anécdotas simples, as cales, son ocasións perfectas para atopar algo diferente para crear. Dunha bonita conversa, xestos desinteresados ou cambios diarios, recolle iso que lle fai sentir algo especial. Todo o que sente é doado para ela enlazalo cun recordo, a memoria que a acompaña inconscientemente. Esta memoria almacena os recordos que son recollidos aleatoriamente, sen cuestionar cales son os que nos gustaría gardar con maior ou menor intensidade.


Nere afirma que "os detalles que me fan voar á hora de poñerme diante do papel son a inspiración máis grande que atopo, ben sexan as persoas ou obxectos, todo inflúe". Para contar algo é fundamental imaxinar. Dese xeito adoita traballar coa cuestión imaxinativa, porque a través desos sucesos rutinarios e pinceladas da súa vida diaria, sérvenlle para dar pé á creación dunha historia. Quen sabe se esta algún día cobrará sentido ou lle transmitirá a alguén ese detalle especial do que a artista anda na procura día a día.


Esta contemplación do detallismo rutinario, ben sexan pensamentos como a propia acción; gústalle apuntalos para a súa posterior análise. A través da divulgación destes, enlazaos dalgún xeito co imaxinario. O seu ideario é o que a fai mover as mans ao mesmo tempo que a cabeza, creando unha mestura de ideas. Desa maneira non se pecha á realización dunha temática concreta, se non que se deixa levar por todo aquelo que lle enche. Igualmente, hai un elemento que a artista destaca como debilidade na súa producción artística e son as cadeiras.


Coas súas obras a artista non busca xerar un sentimento concreto nin unha emoción en especial, se non que a súa finalidade é a transmisión en xeral. O observador ten liberdade emocional e pode sentir cousas distintas ao resto. Conta Nere que "cando me comentan diferentes puntos de vista e sensacións ao poñerse diante dunha obra miña e analizala, comprendo o sentimento que habita en min dende sempre e que me susurra cada día con moita forza que siga toda a vida soñando con ser artista".


Conseguir crear unha sensación no público a través do que fai é para ela o máis satisfactorio. Cando está mergullada no proceso creativo, imaxina poder sentir o que sinten os ollos alleos, e gustaríalle que tiveran a mesma admiración e mimo que ten ela cara o que fai.

Análise dunha obra

A liberdade interior (2021) é un mural que se atopa na Ludoteca Municipal de Carballo, realizado na convocatoria do Derrubando Muros con Pintura.


Nesta obra busca tratar a liberdade pura que levamos dentro. A súa motivación principal para a súa creación foi o agarimo que lle ten ao seu entorno, posto que leva unida a el dende cativa. A infancia é o punto de partida para o que se queira ser no futuro e é o máis esencial para o florecemento da persoa e a súa liberdade. É unha mestura de calma, recordos, o paso do tempo e o cariño. Ter a sorte de medrar dende o amor e aprendendo a importancia da liberdade, para posteriormente florecer, é unha idea que a Nere lle apaixona. Este é o seu punto de vista, mais non se pecha a que o público o entenda así, se non que deixa a cada observador experimentar as súas propias sensacións xa que se trata dunha obra que parte do surrealismo e o imaxinario.


Pese a ter a obra clara na súa mente, foi necesario levar a cabo unha serie de bosquexos previos ata atopar finalmente aquilo que lle parecía axeitado. Foi cambiando numerosos elementos, mesmo as cores, mentras que o único que permanecía en común en todos os deseños era a figura do corazón anatómico. É o máis esencial e sensible transmitindo con el un significado moi importante para a artista.


Unha vez decidido o deseño, comezou por imprimar a parede. Tras secar esta imprimación, realizou unha cuadrícula en toda a superficie que lle axudou a poder encaixar o debuxo mantendo as proporcións. A pintura empregada foi a plástica de fachada acompañada por unha gran variedade de pinceis, brochas e rodillos. A paleta cromática enfatizouse nos tons vermellos da figura central, aportándolle textura e volume. O cromatismo foise abrindo a outras cores nas zonas secundarias que rodean ao órgano protagonista.


A obra empezona polo fondo, seguidamente traballou o corazón e personaxes, e finalmente as flores que rodean a figura principal. O proceso avanzou en sentido vertical, de arriba abaixo, seguindo o esquema que Nere emprega para a realización de creacións a menor escala.

bottom of page