top of page
IMG_4048.jpg

Nazaret Franco

  • Instagram

Nazaret Franco Rodríguez é unha artista nada en Carballo no ano 2000. O seu interese polo mundo artístico comezou de cativa, pois acudía a clases de pintura. Pese a isto non recorda máis aló, aínda que mantense unida á creatividade grazas a súa nai xa que esta é pintora, e ten unha predilección especial polos retratos.


Dalgún xeito, no relacionado coa súa formación, o seu camiño non se tornou moito. Nazaret estuda o dobre grao en Fundamentos da Arquitectura e Deseño Integral e Xestión da Imaxe na Universidade Rey Juan Carlos, en Madrid. Así pois, moitas das materias están ligadas directamente co tema do debuxo e o mundo artístico en xeral.


A súa traxectoria profesional comezou, especialmente, co salto ó muralismo. A artista embarcouse nesta disciplina sen probas previas, unicamente co adquirido a través dos seus ensaios na casa cas pinturas que realizaba. Foi a través do Concello de Carballo como comezou a súa andadura, pois chamárona para a vertente de Derrubando muros, proxecto que engloba ás artistas locais do municipio. A outros niveis, Nazaret fixo creacións para publicidade e traballos particulares.

Produción artística

Dentro da produción de Nazaret o que máis podemos atopar son retratos. Esta é a temática que adoita plasmar nas súas creacións, e así o demostra tamén nos seus murais. Aínda que a súa carreira nesta disciplina está comezando, ten claro que o muralismo, o propio soporte, aporta condicións distintivas en canto a pintura en lenzo. É dicir, a artista explica que xa en canto a nivel do público, é unha obra que pode ver todo aquel que pase pola rúa. O lenzo é algo máis persoal, máis privado, que soamente pode ser desfrutado se o artista decide expoñelo. Aínda así, non cree que chegue á mesma cantidade de espectadores xa que a escala do mural é inmensamente maior e, fai que a nosa ollada se desvíe cara el. A maiores, pode ser visto como favorable o feito de que todos podamos apreciar a evolución do propio mural, como se vai dexenerando co tempo.


O seu proceso creativo adoita partir de fotografías. Busca nas instantáneas a inspiración para logo crear unha idea sobre a que traballar. Deste modo, con anterioridade a plasmalas sobre o soporte mural, edita esas fotografías para convertelas nunha montaxe. Unha vez a se sinte a gusto ca idea, crea unha cuadrícula no muro a man alzada. Novamente apóiase na fotografía para continuar ca súa obra, pois debe recoller dixitalmente esa cuadrícula e así sobrepoñer a imaxe. Cando cre que todo está proporcionado e na súa orde, comeza a debuxar e reencher ata obter a obra final.


Cando Nazaret decide facer esas creacións, pretende que sexan realistas e que conteñan cunha temática cotiá. Quere reflexar a través dos seus retratos ou paisaxes unha idea, sen ser excesivamente sarcástica. Simplemente que representen algo máis alá da idea dunha obra puramente estética.

Análise dunha obra

A obra Crianças ou Nenos (2021) é un mural feito en Carballo por Nazaret. Como adoita facer esta artista, decantouse por un retrato. En todo momento mantivo a idea de que non quería que fose o retrato de alguén coñecido por ela nin polo seu pobo. Foi así como acabou ollando un libro titulado “Crianças” de Sebastiao Salgado no que había unha recompilación de fotografías de nenos en diversas situacións.


O fotógrafo Sebastiao Salgado recolle instantáneas de situacións de crise e, neste caso, son un total de noventa retratos de nenos e nenas en circunstancias desfavorecedoras, en zonas de pobreza ou devastadas, en situacións de guerra... e todos os protagonistas aparecen de modo anónimo.


Unha imaxe, en concreto, chamou especialmente a atención de Nazaret. Era o retrato dunha nena que transmite co seu rostro toda unha historia de tristeza e dor. A artista editou esta imaxe e fixo unha interpretación dela, púxoa mirando a todo aquel que paseaba preto, observándoos sen que o público soubera quen é nin a situación que viviu. Deixa que o espectador saque as súas propias conclusións, todas elas válidas.


Esta imaxe tan contundente, tan chocante, creouna a partir dunha primeira cuadrícula. Despois, con pintura de parede, encheu as zonas máis grandes ca cor. Foi cubrindo a obra nun sentido vertical de arriba a abaixo pola propia caída de pintura. Despois aplicou os detalles e foi retocando ata obter unha imaxe moi similar á que tiña pensada dende un primeiro momento.

bottom of page