top of page
Montse Piñeiro foto perfil.jpg

Montse Piñeiro

  • Instagram
  • Negro del icono de Blogger

Montse Piñeiro Torres é unha artista de 1990 orixinaria de Pontevedra. A animación foi o medio que espertou o seu interese pola arte, de feito, unha das súas preocupacións cando era cativa estaba relacionada con non poder ver debuxos animados ó crecer, algo que por suposto non foi así.

 

Os seus estudos artísticos comezaron na EASD Mestre Mateo cunha formación en escultura. Posteriormente tornou cara o ámbito da escenografía a través da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e, máis tarde, fixo cerámica na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. O aprendizaxe adquirido pola artista nas distintas disciplinas tivo unhas figuras claves para Montse: a mestra de iluminación Alex Suárez e o mestre de cerámica Miguel Vázquez.

 

A súa traxectoria profesional baséase, principalmente, na luz e na cerámica. Como iluminadora móvese especialmente no ámbito escénico, mentras que como ceramista vincúlase ó mundo da artesanía. Unha vez rematados os seus estudos na EMAO, decidiu experimentar con ambas disciplinas e crear un proxecto audiovisual ó que chamou Alifáfaro. Esta obra é un stop-motion chamado Brotar cunha duración de 3 minutos, baseada nas súas avoas e con música de Rubén Abad. A partir de aí, decidiu que era un bo camiño polo que proseguir e comezou a crear zootropos cos que realiza animacións en vivo. Un proxecto polo que recibiu unha bolsa da Archie Bray Foundation de Montana, coa que puido crear unha serie de pezas que forman parte do set de visuais que leva co grupo Trilitrate.

Produción artística

 

Montse experimenta tanto ca cerámica como ca animación. A primeira é debido a que o traballo artesanal, cas mans, é unha forma de relaxarse e evadirse. A segunda ten que ver ca exploración dun mundo tolo e desaproveitado do concepto de “arte”. A maiores, a artista manexa outras manifestacións como son a ilustración e o deseño. A ilustración úsaa como ferramenta para a comunicación, pois é potente e versátil. Ó que lle da importancia neste traballo non é tanto a maneira na que debuxa, senón a como sintetiza os temas. O debuxo formou parte da súa vida e ó principio si que realizaba unha produción académica e naturalista, pero unha vez inmisciuse no mundo do teatro, foi máis atraínte para ela a ilustración e o deseño de carteis.

 

A súa metodoloxía nestas disciplinas é práctica, pois non ten unha base de formación neste sentido, senón que o seu aprendizaxe foi autodidacta. O seu bo facer abriulle oco no mundo laboral ca oportunidade de traballar como deseñadora gráfica téxtil para moda infantil, do cal aprendeu moito pola rapidez ca que tiña que realizar os debuxos. Intentou adaptarse ós estilos de ilustración que xurdían, pero finalmente avogou por crear unha liña de traballo sólida e continua no tempo ca que se sentise identificada. Precisaba que a súa identidade estivese unida a súa obra.

 

A súa faceta de artista do mundo audiovisual ven da man do escénico. Ó entrar en escenografía pensou en decantarse polo mundo dos videoxogos, mais tornou o seu camiño cara as artes vivas. Interesouse pola luz escénica e por capturala, ou o que é o mesmo, pola fotografía. Adquiriu unha cámara de fotos ca que comezou a tirar ráfagas e facer loops de elementos que lle gustaban e, despois, debuxaba sobre eles. Agora é basicamente ó que se dedica a artista.

 

As súas influencias proveñen da animación rusa dos anos 60 e a americana dos 90, así como o teatro de marionetas e o teatro de obxectos. Tadeusz Kantor, os irmáns Quay, Svankmajer, John Kricfalusi... todos estes personaxes achegárona ó que máis lle gustaba: á versatilidade, pero ca unión da cerámica é a animación. Unhas obras que non son excesivamente premeditadas pois gusta de traballar con conceptos sinxelos para que todo o público poda comprendelos. Intenta xerar unha reacción ou emoción no espectador, algo que cree que é máis fácil ó facelo de maneira intuitiva.

 

En canto á cerámica, a artista é máis metódica. Unha das cousas das que máis disfruta é da creación de personaxes e de xogar ca xeometría. O seu traballo comeza cuns bosquexos previos en silueta e unha vez ten claros os volumes pasa a decidir cal é a mellor técnica de construción -en ocasións, mesmo acude a súa mestra Emilia Guimeráns-. Cando remata a construción da peza fai a primeira coacción e, o saír do forno fai uns segundos bosquexos. Neste caso os bosquexos son para a decoración e, as veces, precisa de probas de esmaltado e cor. O resultado final é unha personaxe imaxinaria creada para que o espectador se sinta preto da arte e desfrute dela.

 

A mestura entre o audiovisual e a cerámica xurdiu dunha maneira natural. A artista considera que movíase nun mundo moi especializado e pecaba de complexos por facer tantas cousas diferentes en vez de avogar por unha soa. Foi entón cando experimentou ca unión de todos os coñecementos adquiridos para un só proxecto. Presentou esta idea como proxecto final de estudos da EMAO e adquiriu seguridade para levalo a cabo.

Análise dunha obra

 

Brotar é un proxecto creado en 2019. Trátase dunha curta silente de animación, de tres minutos de duración, feita ca técnica de puppet animation. Todo o proxecto realizouno en materiais cerámicos ou reciclados, combinando ademais outras técnicas como a animación tradicional en 2D e as ilusións ópticas feitas con luz.

 

A idea xurdiu ó combinar as técnicas teatrais (construción de escenarios e iluminación) ca cerámica. Deste xeito, a artista conta unha historia, a historia das súas avoas. Decantouse por este tema porque foron unhas mulleres independentes que sobreviviron a unha guerra e que sempre se buscaron a vida.

 

Brotar ó final fala dos procesos creativos e de como se sinte ó estar neles, os nervios da creación, o medo a expoñer a súa obra, o segredo e, por suposto, a satisfacción de finalizar un proxecto. O texto que inclúe na curta foi un auxilio para Montse, pois pasaba por un momento de inseguridade que intentou silenciar sacando unha parte positiva deste traballo.

 

A artesanía é a clave deste proxecto, polo que se decantou pola creación das pezas máis analóxica, cas súas propias mans, prescindindo o máximo posible da posprodución. O que fixo a artista foi deseñar e construír os espazos a escala, así como a protagonista. No caso da marioneta realizou un esquelete de metal sobre o que aplicou despois os materiais téxtiles e cerámicos.
 

En canto a parte de animación, serviuse dun programa que permite controlar os disparos fotograma a fotograma e conformar así cada toma dende o ordenador. Unha vez estruturada e gravada a meirande parte da animación, acudiu a Rubén Abad para que a musicara. Ca intervención de Rubén a peza cobrou vida, dotou de sentido ós movementos e aportou un ritmo e peso a cada escena.

bottom of page