top of page
Foto perfil Miguel Pérez.jpg

Miguel Pérez Ramudo

  • Instagram

Miguel Pérez Ramudo nace no 1996 en Cambados. Dende pequeno sentíu a inquedanza de expresarse de maneira artística, especialmente por medios gráficos. Isto debíase principalmente pola súa fixación polos cómics e os libros ilustrados. Vinculada a esta relación sempre considerou que tiña unha visión especial do mundo que o rodeaba. En palabras do propio artista: "a miña visión do mundo ten unhas gafas especiais que teño que coidar, hai persoas que nacemos cun corazón máis sensible do normal e estamos expostos a matices e análises da realidade que persoalmente, acaban esgotando a un: a fame do corazón non entende de horarios e eu fágoo o que fágoo porque sinto un rebulir que me leva a vomitar sobre o papel, para así non estoupar".


Estudou bacharelato artístico e o grao de Belas Artes en Pontevedra. Tan só un ano despois especializouse en ilustración dixital en Valladolid. Grazas a isto agora pode combinar nos seus traballos a técnica tradicional ca cor dixital.


Na actualidade sinte unha forte relación ca creación, considérao unha necesidade tanto para el mesmo como para os demais, pois quere dar a coñecer a súa arte e paixón. Como traballo de fin de grao elaborou unha novela gráfica sobre o pintor coruñés Joaquin Vaamonde, co que posteriormente gañou o premio o 1º Premio de Banda Deseñada do Xuventude Crea 2020. Recentemente, no 2020, publicou con Lela Edicións unha pequena biografía en viñetas sobre Ricardo Carvalho Calero.

Produción artística

​

Miguel sempre sentiu unha especial relación co mundo do debuxo, da liña e do bosquexo. Unha liña que o conecta ca expresión plástica que lle aporta o lapis. A paixón nace da intensa lectura das historias das súas personaxes favoritas dos cómics. Pouco a pouco ía aprendendo a súa técnica, imitar os máis grandes e acadar un estilo propio. A música é outra maneira de debuxar para el, sinte que esta compoñendo igual que no papel, pero con outros medios.


As súas referencias á hora de inspirarse son diversas, dende unha serie de televisión, un filme, o traballo doutros autores, unha fotografía, un cómic, etc. Todas elas sérvenlle para crear un banco propio ao que recurrir cando se pon a crear.


A ilustración constitúese para el como un refuxio, un lugar onde escapar da realidade e que pode esbozar como el queira. En palabras do artista: “debuxar para min é unha constante vital, cando non estou no escritorio debuxo co ollo e observo como se cruzan os trazos da vida”. Considera importante ollar a vida de maneira detida, entender como se comporta o mundo para despois podelo expresar adecuadamente no papel.


O método de traballo comeza cun rebulir interno ou ca apreciación dun pequeno detalle. Vai moldeando a idea pouco a pouco, conducindo ao traballo. Nun primeiro momento usa o lapis, tanto para dar a forma como para definir claroscuros e texturas. Á hora de darlle cor usa o soporte dixital, vai probando distintos medios para acadar o produto final que desexa. É un método sinxelo, pero que Miguel considera o máis oportuno para poder expresar os seus sentimentos. Grazas a esta dualidade síntese cómodo traballando en ambos soportes, tanto dixital como físico, xa que o deixa a mercé do que a peza precise. Emprega o 50% a man, aportando o valor humano e artesán, e vía dixital que axuda a ser máis preciso, abranguer máis oportunidades e crecer mediante ó erro.


A temática que explora máis detidamente é o terror, desfrutándoo incluso persoalmente. É un mundo que cre que atrapa, que che deixa prendado en todas as súas manifestación – dende filmes ata cómics – polo que forma parte da súa inspiración e traballo. Da mesma maneira representa lugares que aporten paz e tranquilidade, a beleza das persoas e dos seus corpos.

​

En canto a paleta cromática considera que é totalmente libre e que se adapta a cada un dos seus traballos. O único que ten como referencia que o distingue e o fai único son os seus lapis grises, xa que compoñen cada unha das súas obras. Nas súas palabras: "hai cousas que necesito empregar o lapis de cor para poder contalas porque creo que acada un nivel de delicadeza e expande a cor sobre a ampla posibilidade gráfica que ten o lapis xa de por si, un trazo característico, que persoalmente penso que conecta máis co noso eu artístico, déixache entrever os distintos trazos ata consolidar o motivo a representar".


Cada obra intenta deixar plasmado o tempo que lle dedicou e as reflexións tras da mesma. Intenta ca cor inundar e enriquecer a mensaxe. Busca “cosquillear” nos corazóns creativos da xente conferíndolles un desexo por debuxar.

Análise dunha obra

​

Tren de xoguete (2021) é unha ilustración en acuarela, gouche e lapis que nace dende a inquedanza polas luces do atardecer e as luces interiores das casas cando se está indo o sol. Os temas calmados son unha constante na súa obra polo que o representa mediante as luces da noite e os tons claros destas. Decide engadir un tren, a pesar de que sexa un lugar pouco transitado, como referencia as sensacións que lle transmite o filme “El viaje de Chihiro”. O reflexo da pouca vida e o abandono contrástao cas cores cálidas que xorden das casas. Tamén toma como referencia as obras de Edward Hopper á hora de retratar sensacións de soidade e illamento.


A obra busca aportar unha butaca ao espectador onde descansar dentro do seu mundo. Escapar a unha realidade, a aquela que constrúe o artista, e que deixa voar a imaxinación. Cando a existencia pode chegar a afogar, crear novos lugares e espazos onde evadirse son a vía de escape tanto para o artista como para o seu público.

tren de juguete .jpg
bottom of page