top of page
Mary de Lirios.jpg

Mary de Lirios

  • Instagram
  • Negro del icono de Blogger
  • Negro Facebook Icono

María Alejos Pedre (1982), coñecida como Mary de Lirios é unha artista que provén de Fene. Os primeiros recordos que ten en torno á creación son a unha idade moi temperá. Experimentaba con anacos de tea, recortaba tamén o papel, e de aí sacaba composicións utilizando o cartón como soporte. Cóntanos que a meirande parte da súa infancia pasouna na casa da súa bisavoa, a cal adicábase a coser e bordar, mentres que Mary facía manualidades do estilo da creación de vestidos para a súa boneca. Esta figura referente para a artista, animouna a crear constantemente e así pasaba o tempo dando renda solta á súa creatividade.


No que concirne a súa formación, non ten que ver co mundo artístico, pois é Técnica de Enfermería. O deseño para ela é unha vía de escape, de desconectar e de expresarse. É por iso que a súa aprendizaxe foi autodidacta, primeiro experimentando co collage analóxico e despois co dixital. Se ben é certo que acudiu a un curso de edición dixital para comprender as bases e despois continuar e perfeccionar o seu estilo pola súa conta.


A súa traxectoria profesional baséase, principalmente, na creación e venda de obras en puntos de Ferrol, Ourense, Vigo, Santiago de Compostela, Zaragoza, Madrid e Barcelona.

Produción artística

Mary de Lirios atopou no collage algo inspirador, fala desta disciplina como facer maxia a través da xuntanza de imaxes totalmente independentes. Na actualidade traballa o collage dixital porque apórtalle liberdade á hora de crear efectos, facer figuras xeométricas ou apostar polo contraste de cor. Aínda así, por momentos, opta pola tradición do analóxico.


A produción de Mary comeza cunha carpeta na que ten almacenadas as imaxes e recortes variados: figuras xeométricas, de mulleres, plantas, obxectos diversos... Pero sempre comeza dende unha folla en branco na que vai engadindo recortes que esteticamente poden encaixar e, a partir de aí, búscalles un sentido para atopar un equilibrio. “A miña metodoloxía de traballo baséase, fundamentalmente, en destruír para logo construír unha realidade nova”, explica a artista. Das súas obras adoita facer tiradas de cen láminas de cada deseño, as cales van impresas en papel ecolóxico de 300 gr/m2.


No caso de Mary de Lirios, a súa fonte de inspiración provén dunha estética determinada na que mestura elementos kitsch extraídos de ámbitos como a publicidade antiga: as personaxes femininas, a fotografía, as flores, as cores, etc. A maiores, tamén alimenta a súa creatividade o caos, a alegría, o surrealismo... Pero ca pretensión de que as obras transmitan beleza e emocións.


A temática predominante na súa produción ten que ver con personaxes doutras épocas as que lles engade elementos actuais, mestura o pasado co presente con toques surrealistas. Considérase unha defensora da zona na que reside: Ferrolterra. Un espazo castigado e que, precisamente por iso, aparece nas súas obras cun sentido reivindicativo no que lle aporta cor para facer a realidade algo mais amable.

Análise dunha obra

Valdoviño, 1969 é unha obra do 2020 creada por Mary de Lirios. Trátase dun collage que realizou en dous tamaños: A4 e A3. A imaxe é unha fotografía datada no 1969 da praia de Valdoviño, pertencente á zona de Ferrolterra. Atopouna na rede e chamoulle a atención pola súa estético retro, cas casetas e as tendas canadienses con cores que, segundo define a artista “parecen sacadas dunha película de Wes Anderson”. A figura feminina, pola contra, foi sacada dun anuncio de roupa de baño dos anos 50.


A obra combina elementos de antes con cores pasteis e un aire moi tropical. Nela quixo plasmar diferentes estilos para que o resultado final fose unha imaxe elegante, con elementos superpostos que fan da praia un lugar moi chamativo e cunha estética moi pop.

Valdoviño, 1969.jpg
bottom of page