Marta Queiruga
A artista Marta Queiruga naceu na vila de Redondela. Dende os seis anos ata a adolescencia acudiu a leccións de teatro e pintura pola súa necesidade de expresarse de maneira artística. A actividade teatral tivo moito peso na súa infancia, xa que foir unha nena moi introvertida que se refuxiaba no teatro como espazo seguro. Foron os seus pais os que canalizaron ese afán e ímpeto artístico. O seu pai tamén pintaba e Marta lembra pasar horas ollando os seus libros de arte e facéndolle preguntas sobre o tema. O seu avó tamén foi unha influencia para ela, xa que foi xestor artístico e cultural en Vigo e adoraba a creación en todas as súas formas. O avó de Marta foi un gran referente a nivel creativo polos moitos aspectos que compartían: persoas inquedas e con moita imaxinación que adoraba falar de arte. O avó era o seu maior fan pois gardaba todos os debuxos que a pequena artista realizaba.
A nivel académico estudou Ciencias da Cultura e Difusión Cultural en Lugo, logo realizou o mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico en Santiago de Compostela e actualmente está matriculada nun programa de doutoramento. Pese a adorar a súa traxectoria académica arrepíntese de nunca estudar arte como tal. Malia isto, a arte e a cultura compoñen o centro dos seus estudos humanísticos.
No relativo ao ámbito profesional, o seu proxecto comezou como unha simple idea fai uns anos, entre Liverpool e Budapest, pero mantívoo un pouco abandonado. Empezou a impulsar a súa obra nas redes sociais e a evolucionar na ilustración dixital durante a pandemia e actualmente traballa organizando plans.
Expuxo a súa obra no centro comercial das Camelias en Vigo e pronto o fará en Redondela. Tamén colaborou co Guisomoeu ou SOS Salvemos al Mar Menor. É voluntaria en varias institucións relacionadas co activismo e a historia palestina no eido do deseño gráfico no que realizou algúns logotipos a nivel profesional.
Produción artística
Marta Queiruga traballla a ilustración dixital no programa Procreate no Ipad e co Adobe Illustrator. Tamén ten explorado unha expresión máis tradicional, pero gústalle cada vez máis a forma dixital pola variedade de técnicas, materiais e posibilidades que antes non coñecía. Ademais interésalle o mundo gráfico e do deseño, disciplinas que van da man do formato no que traballa.
O seu proceso creativo é arbitrario e pouco planificado. A artista non lle preocupa limitarse a un único estilo. A súa serie sobre corpos segue unha mesma liña estética, mais responde ás inquedanzas que tiña nese intre a artista. A artista non cree que deba seguir un mesmo patrón, polo que está aberta ao cambio no rumbo das súas creacións.
O proceso comeza cunha idea xeral na súa cabeza baseándose en modelos para poder debuxar as posicións corporeas, cambiando algunhas das súas formas. Como carece de clientes e non ten datas de entrega dos seus proxectos, permítese ter liberdade á hora de experimentar coas cores. Ten moitos arquivos que realiza cando goza de tempo e lle van nacendo as ideas, posto que para ela a imaxinación e a labor fluen, o cal, compoñen as máximas do seu traballo.
Marta non segue unha mesma liña estética. Nalgunhas ocasións realizou ilustracións de estilo máis infantil e outras de tinte gráfico. En definitiva, opta pola experimentación e non se limita a un único patrón representativo. Pese a isto, actualmente está encamiñando o seu traballo nunha nova dirección. Neste intre inspírase nas curvaturas e liñas dos corpos humanos, das vexetacións e os paralelismos que existen entre ambos. Gústalle a provocación, abarcando tamén a parte das cores, a agrasevidade visual e os xogos de luces e sombras. Tamén lle resultan interesantes os tons e as texturas dos corpos, dos pétalos e a elegancia das mesmas na súa diversidade.
En canto ao papel colorista nas súas creacións, intenta contrastar as tonalidades que emprega. Cando usa unha cor máis vibrante, adoita contrastala coa sensibilidade e distinción da pel que reflicteo seu propio estado de ánimo.
A representación do corpo das persoas comeza a ser recorrente nas obras da artista. Non pretende sexualizalo, mais existe neles certa sensualidade. Espidos por completo ou case por completo, permite mostralos na súa esencia. Eles non son ninguén pero ao mesmo tempo son todo o mundo. Tampouco son persoas totalmente formadas, senón que se tratan de representacións híbridas que ás veces evocan aos animais. As pezas están encaixadas nun espazo carente de fondo. Esta ausencia fai que a artista non concrete un discurso, xa que intenta que as súas creacións sexan atemporais e que o obxecto obteña total protagonismo sen estar nun lugar determinado. Segundo Marta ‘’que fiquen totalmente sós, sen movemento e en silencio’’. A cor que emprega xoga un importante papel á hora de transmitir un estado de ánimo en particular, empregando para a súa aplicación as mesmas ferramentas, pinceis e texturas.
En canto aos temas que acompañan as representacións atopamos a soidade do ser ou a relación dos corpos. A saúde mental é tamén unha temática importante á que sempre recorre, mais non adoita ser moi explícita neste sentido porque gusta do uso do simbolismo.
A súa fonte de inspiración reside no estado anímico das persoas que rodean a artista, así coma o mundo no que vivimos en comunidade e como nos fai sentir. Outro dos temas é a relación que ten a artista co seu propio corpo. Grazas a esa serie de corpos espidos nos que traballou, logrou estimar a beleza das cousas e incluso apreciarse máis a ela mesma. Ten un amplo abano de influencias, destacando a presenza da muller, en especial a figura da súa avoa.
Entre os influxos que se poden percibir nas obras da artista están o mundo do teatro, o drag, o punk, o imaxionario da mitoloxía grecolatina e do cristianismo, músicos como Nina Simone ou Leonard Cohen, a novela gráfica, a arte urbana, as cidades vibrantes ou mesmo os poemarios de Leopoldo María Panero. En xeral todo a influencia, as experiencias da vida diaria, como por exemplo a visualización dunha película que a impacta nun intre determinado ou unha conversa inesperada no bar da vila. En canto ao proceso creativo, Marta non programa o traballo nin realiza unha gran cantidade de bosquexos. Vai elaborando e evolucionando nas ideas de xeito natural e de maneira intuitiva.
Marta Queiruga non sente moita presión en canto á transmisión dunha idea ou sentimento ao público. Afirma que sempre intenta reflectir algo que non quede só no estético mais depende da obra. O seu proxecto artístico é froito da diversión persoal e dun papel terapéutico polo que permite que cada persoa poida facer unha lectura distinta do que ela
fai. Na súa serie dos corpos, á propia artista as obras transmítenlle soidade, entre moitas outras cosas; pero encantaríalle saber que no público fica a idea de que a fisionomía humana é bonita e que debería ser celebrada.
Análise dunha obra
Getsemaní é unha obra que consiste na representación dunha figura que está de crequenas coa ollada cára arriba, lugar polo que entra a luz, encadrada nun fondo rosado, vivo e plano. Porta unha máscara que evoca ao entroido galego, a cal, leva debuxado un can de palleiro que case non se podo distinguir pola posición da man. As ás que leva nas costas son de cores e semellan follas. O corpo tamén está ataviado cunhas medias vermellas. O persoaxe está só, nun espazo carente de fondo, cunha posición extraña, un pouco animalizada cun cordón umbilical que se conecta consigo mesmo.
Getsemaní é a horta onde Xesús orou antes de ser asasinado, e onde viviu a situación con resignación e angustia segundo a Biblia, marcando o inicio da Paixón e a aceptación da súa morte. Deste xeito, esta obra de Marta fai referencia ao paganismo e ao cristianismo.
A artista comezou a elaboración da ilustración pensando na canción The Great Pretender, a cal, a inspirou na escolla das cores, do entroido, da vivenza, da farsa e do teatral. Esta diversidade de temas contrasta coa idea da soidade.