top of page
Mar Ocampo.jpg

MAR OCAMPO

  • Instagram

Mar Ocampo naceu no sur de Lugo, na plena Ribeira Sacra, en 1993. O seu interese polo mundo da arte e os seus diversos procedementos comezou grazas ó oficio dos seus pais, os cales se adican o mundo da artesanía. Relacionarse con este tipo de metodoloxía manual fíxolle ver o mundo dunha maneira especial. Comezou a valorar os procedementos, a importancia da singularidade de cada peza e a formar parte dela. O espazo natural onde creceu aportoulle unha paz e tranquilidade á hora de comunicarse co mundo. Esa conexión ca natureza fixo que se interesase polo debuxo dende moi cativa, deixando constancia do entorno que a rodeaba en cada un dos seus bosquexos. Dende moi cedo, o debuxo converteuse nunha linguaxe a través da cal podía expresar todo aquelo que con palabras non lle funcionaba. É así como atopou un refuxio onde ser ela mesma, cuestionándose a súa propia existencia e configurando a súa personalidade. 

Comezou a súa formación artística estudando bacharelato de artes plásticas, deseño e imaxe, o cal lle levou a continuar os seus estudos converténdose en Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño en Ilustración pola Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, en Ourense. Grazas a esta formación descubriu que existía a posibilidade de adicarse profesionalmente o mundo da arte. Durante aqueles anos encontrou o seu lugar e comezou a comprender temas, plasmados en cada un dos seus esbozos, que ata o momento eran inexplicables para ela. Atopou dunha maneira orgánica, como a vida en si mesma, a súa forma de interpretar o mundo. "Naquel momento encontrei o meu lugar e unha forma de expresarme. Se nada te move ou che gusta, pensas que non tes un lugar no mundo. O meu lugar, sen dúbida algunha, era debuxar" comenta Mar. Tamén realizou proxectos de cartelería e portadas para bandas da man de Discos Porno, e colaboracións con revistas en formato dixital como son Orballo e Saurobuks. 

Actualmente ten a intención de comezar unha nova faceta na súa produción artística iniciándose no mundo da cerámica. Necesita sentir a materia e o volume das súas pezas, xa que ten unha predilección polos procesos manuais. "A materia faime vibrar dunha maneira estraña. Gústame crear cada peza, sentila nas miñas mans". Cree que o debuxo non pode aportarlle o volume que si lle outorga o barro. Aínda así, está interesada en levar o debuxo cara unha nova linguaxe, ilustrando as pezas resultantes e experimentando con outros procedementos como o cómic ou a animación. Ademais, está interesada na parte utilitaria das pezas cerámicas. Gústalle pensar en como as persoas se poderían relacionar coas súas pezas, as cales se desprenderían do sinal persoal de Mar converténdose en obxectos completamente novos.

Produción artística

A arte de Mar Ocampo caracterízase pola experimentación e espontaneidade dos procesos seleccionados. Para os seus debuxos utiliza lapis de cores, grafito, ceras... sérvese de técnicas que lle permitan deixar material no papel, algo que está vinculado o seu gusto polo volume e o traballo manual da peza resultante. Considera que non hai normas no proceso artístico, o debuxo non debe ter control, ten que ser un reflexo froito da espontaneidade do momento. A cor xoga un papel fundamental na arte de Mar. Co paso do tempo conseguiu conformar unha paleta cromática moi persoal onde destacan cores como o morado, o azul, o rosa... tamén podemos falar dunha simboloxía tras das cores como o amarelo, reflexo da luz, ou o branco, o espazo, o aire... que ten unha presenza, un vacío, que parece palpable. 

A súa formación na escola de arte fixo que se iniciase na ilustración dixital. Neste campo interésalle experimentar co píxel, o cal lle permite acercar o debuxo ao concepto, a idea, simplificalo a súa mínima expresión. Neste proceso a cor axúdalle a codificar a súa linguaxe. En canto o procedemento que leva a cabo, comeza realizando un bosquexo o cal lle vai modificando a súa cor progresivamente ata que vai collendo forma. As veces, comeza escaneando debuxos feitos a man os cales converte en dixital repasándoos e coloreándoos ata que obtén a obra final.

 

Esa curiosidade en torno a creación de obxectos funcionais levouna a experimentar cá serigrafía. É así como creou unha bolsa de tea chamada Aperta, onde plasmou un debuxo no que se pode apreciar un burato negro que está sendo abrazado. A través desta bolsa, a cal Mar lle outorga unha consideración artística, reflicte a parte escura de nos mesmos, os nosos temores. Unha peza que convida a valorar o autocoñecemento, a sentirse en tódalas fases e formas da nosa vida. "Temos que reconciliarnos coa nosa parte escura, non odiarnos fai que podamos seguir adiante" comenta Mar.

Nas súas obras a natureza e a muller son as protagonistas. A temática e moi persoal, está relacionada con todo aquelo que lle produce admiración e a rodea no día a día. Interésalle plasmar a beleza monumental da natureza, quere descubrir a sensación de describir o que sinte no mundo. Considera que o debuxo é un proceso terapéutico que a axuda a coñecerse a si mesma. Por outro lado, a muller ten unha presencia especial en cada un dos seus debuxos, xa que considera que é un ser superior en tódolos sentidos e que merece un respecto e recoñecemento maior. Muller e natureza mestúranse nun mesmo concepto, dous suxeitos que axudan a transmitir as inquedanzas que Mar ten no seu interior. 

Análise dunha obra

Ascensión é un álbum ilustrado sen texto que conta a historia da vida. Mar sitúa a unha personaxe, prácticamente efémera e impalpable, que inicia unha ascensión en medio da natureza cara o cume dunha montaña. A través do debuxo e o propio concepto de ascensión, Mar reflexiona sobre tódolos procesos, metas a alcanzar, ós que nos enfrontamos ó longo da nosa vida. Considera que o ser humano está nunha ascensión continua, algo que considera positivo, porque é a capacidade que temos de superarnos, autocoñecerrnos, e seguir progresando. 

 

Este proxecto naceu cá idea e fixación que ela ten polas pirámides, tanto a nivel conceptual como estrutural. Tomou prestado o concepto e a forma triangular destas construcións para plasmar a serie de montañas que podemos apreciar na obra. A culminación é a unión entre o terreal e o celestial, entre o proceso e a superación de todos os nosos propósitos na vida. 

 

Para a creación deste concepto serviuse de elementos como as árbores, as cales simbolizan todo aqueles obstáculos que se interpoñen na nosa vida, e a cor branca como baleiro e liberación da persoa. A paleta cromática utilizada fala da sinal persoal da artista, a súa forma de apreciar a realidade, pero tamén dun interese no uso das propias cores que nos proporciona a natureza. A modo de broche final, amósanos a esa personaxe, un reflexo de Mar e de nos mesmos, na meta da ascensión, no cume da montaña. O momento onde conseguimos ese logro e podemos proxectar a nosa luz, alegría, e formar parte do espazo. 

Ascensión(1).jpg
Ascensión(2).jpg
bottom of page