top of page
IMG_20200712_215043_354.jpg

Mariano Casas

  • Instagram
  • Negro del icono de Blogger

Mariano Casas Gil é un artista nado en Madrid no 1971. A súa infancia, en parte, adicouna a debuxar e modelar, pois estivo na procura de entender o mundo a través da manipulación dos materiais e dos obxectos, camiño que semellan continuar os seus fillos. Este interese perdurou, polo que os seus pais decidiron apuntalo á idade de dez anos a clases de pintura. A súa experiencia non foi todo o satisfactoria que esperaba pois maiormente copiaba láminas. A educación que recibiu neste centro e máis na escola realmente non potenciaba as aptitudes artísticas nin a creatividade.

 

Na familia, concretamente por parte do seu pai, tamén existía un interese polo mundo da arte, resaltando tamén o cine. Conta o artista que tiñan unha enciclopedia de grandes mestres da pintura, cunha edición das obras a gran tamaño que lle chamaba moito a atención. Pensa que grazas a iso realmente puxo as miras no mundo da arte como profesión.

 

Desta maneira, decidiu formarse en Pontevedra no Grao de Belas Artes. Permaneceu nesta cidade pese a que non estaba realmente contento co que lle estaba aportando a facultade, debido a que comezou a traballar como escaparatista. Nesta época sacou en claro que o aprendizaxe foi grazas ao colectivo que formaron os alumnos que tiñan inquedanzas similares.
 

A súa traxectoria comezou a unha idade temperá xa que participou e gañou varios concursos na modalidade de artes plásticas. Con todo, a carreira desvinculouno do academicismo do mundo da arte pois a pintura non parecía ter nada que dicir. Deste xeito achegouse ó deseño, realizando labores de escaparatista e creativo publicitario.

 

Tempo despois, apreciou no cómic unha linguaxe diferente que reunía os requisitos para expresarse artisticamente, pois consideraba que tiña unhas posibilidades narrativas das que carecía a pintura. Co cómic xa conectara dende pequeno pois incluso na súa estancia nas Palmas acudiu a un curso de Miguel Ángel Gallardo. Grazas a isto comprendeu o potencial da BD e, a mediados dos 90, comeza a facer proxectos do estilo fanzine. No 2004 decide inmiscirse na creación de álbums de BD maioritariamente autoeditados, con debuxos e guións propios. Empezou cas Historias de Mariano, unha recompilación de historias reais e inventadas que puido sacar a diante grazas a un crowdfunding ca preventa do libro aos seus coñecidos e amigos. No 2008, Mariano, foi gañador do Castelao con Mensaxes.


Na actualidade continúa creando proxectos relacionados co cómic e cas artes plásticas, compartindo estudo con Sebas Anxo na cidade compostelá.

Produción artística

Mariano é un artista que non se considera exactamente un ilustrador. Realmente o que motiva a creación das súas obras é poder facer de cronista visual do que percibe na rúa a través do debuxo. “Observar a cidade como un escenario, sobre o que pasa a vida como se fora unha obra de teatro”, di o artista.


O resultado disto é unha obra sen fin, un proxecto no que vai retratando a narrativa, como se fose unha secuencia, e vai transformando a cidade e o espazo. Isto refléxao no proxecto Santiago Para Picheleiros, no que plasma a cidade compostelá a partir dunha serie de debuxos realizados durante anos e recollidos nunha serie de libros.

 

A técnica de traballo do artista baséase no uso de papel e o parallel pen (unha especie de pluma para facer lettering). A este debuxo despois engádelle a cor en formato dixital. Desta maneira é un traballo rápido que fai que flúa a súa creación. Esa procura da axilidade e a rapidez é algo imprescindible á hora de debuxar na rúa, pois quere recoller en pouco tempo o que ve para que os cambios da luz non afecten a imaxe.

 

A súa metodoloxía é diferente cando realiza, por exemplo, o BD Alter Ego, xa que usa lapis acuarelables. Traballa así unha técnica na que non pode levar todo o control da ferramenta xa que está o compoñente do azar. Un modo de crear do que o artista desfruta mais.

 

A maiores, ten feito obras con collages de debuxos e creacións previas, incluso con material reciclado. Ó final, o artista vai cambiando a técnica e adaptándoa ao que se lle presta mellor para o resultado que pretende ter na súa obra. Con todo, é destacable na produción de Mariano o estilo das súas liñas e da perspectiva.

 

As influencias de Mariano son as súas propias vivencias e inquedanzas, particularmente temas en relación co decrecemento e a necesidade de repensar a nosa relación ca natureza, a forma de vivir, de viaxar... Uns temas que lle interesan moito e que plasma en obras coma Alter Ego, unha BD por entregas que está a realizar no fanzine do estudo que comparte con Sebas e do que sacan número cada tres meses. Este artista tamén foi partícipe na creación de pezas audiovisuais como Mala Herba (2007) e Filmiños (2008). Ambas tocan temas similares centrándose na relación truncada ca natureza e na preocupación polo futuro do mundo neste aspecto. Unha temática que na súa época foi bastante curiosa xa que non era una tema moi tratado.

Análise dunha obra

Santiago Para Picheleiros (2018-2021) é un proxecto do artista Mariano Casas que xorde en Roma. “Alí estabamos nun piso no Trastevere, e saía a debuxar moi cedo, antes do amencer. As horas as que ía podía observar como os romanos saían das súas vivendas para traballar fora, coas motos, camións de lixo... En canto saía o sol, o barrio transformábase nun escenario onde os habitantes desaparecían ou eran figurantes, e a escena ocupábana os turistas. A cidade deixaba de ser unha cidade e pasaba a ser un decorado”, conta Mariano.


Esta visión da cidade e do turismo de masas reflexouno no libro Trastévero (2018) editado por Cuocio. Ó voltar a Santiago decatouse de que o problema do turismo ía estar tamén nesta cidade. Polo tanto, decidiu facer unha creación similar para poñer en valor o que temos preto, ollar a nosa propia terra como se fai cando es un turista.

 

Trátase dunha creación que conta de momento con catro volumes con debuxos realizados en distintos anos. O máis singular quizás é o volume terceiro polo tema do confinamento e como se reflexa e integra no libro. O seguinte número ten intencións máis claras e é máis rotundo no aspecto conceptual. O artista pasea pola cidade e percorre os seus barrios para debuxalos, sen premeditación nin esquemas previos. Á hora de pórse a debuxar faino de maneira inmediata, como bosquexada e con tinta. Como referencia para engadirlle a cor en formato dixital, fotografía o lugar que debuxou.

 

Por último, busca darlle unha forma e sentido con axuda de textos que parodian as guías turísticas, pero cun sentido case antagónico a elas. Trátase de comentarios sobre os lugares debuxados baixo a óptica dun picheleiro.

bottom of page