María Montes
María Montes Sueiro naceu en Pontevedra no ano 1987. Dende nena sentiu un especial interese polo debuxo e acuarelas, xogando a realizar exposicións de arte no salón da súa casa. Pese a estes intereses, no entorno familiar non tivo ningún referente artístico agás os seus primos que gustaban de debuxar. Aínda que María admiraba grandemente esas capacidades, os seus familiares non se chegaron a formar na rama da arte e optaron pola vía centífica-técnica ou biosanitaria.
O que si estivo moi presente durante a súa infancia foi o amor polo libro ilustrado, xa que seu pai era encadernador. Grazas a que a figura paterna traballaba nunha imprenta, medrou rodeada de libros, especialmente da editorial Kalandraka, os cales condicionaron o seu amor pola ilustración.
Tras a realización da proba de acceso á universidade, entre as súas opcións de estudo estaban as belas artes, pero logo rexeitouna a causa dos prexuízos que tiña cara a saída profesional artística. Dese xeito licenciouse en en Bioloxía na especialidade molecular cun mestrado en Biotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Nese momento a arte pasou a un segundo plano e só debuxaba de maneira anecdótica.
Posteriormente, trasladouse a Islandia por traballo e foi nese intre no que se decatou de que a arte era o seu camiño e que precisaba seguir practicando e formándose no que máis lle gustaba. Por esa razón, cando voltou a Galicia non dudou en matricularse no Ciclo Superior de Ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña. Actualmente e dende que rematou os seus estudos, compaxina o seu traballo de ATV nunha clínica veterinaria coa ilustración.
En canto á súa traxectoria profesional, é ben curta, duns cinco anos, dende que acabou a súa formación en 2017 ata a actualidade. Nese periodo de tempo adicouse ao que máis lle interesa, a editorial. María enviou o seu primeiro portfolio a unha pequena editora santiaguesa que traballaba reeditando obras de María Victoria Moreno. Conseguiu participar coas súas ilustracións na reedición de A Brétema (2017), e facendo as capas e as portadas de Nosoutras (2018), unha antoloxía de obras da mesma autora.
No ano 2020 colaborou no poemario Irmá Paxaro de Tamara Andrés pola editorial Cuarto de Inverno, da que segue formando parte hoxe en día con labores de ilustración e maquetación. Ese mesmo ano o proxecto recibiu o galardón a mellor libro ilustrado na Gala do Libro Galego.
A colaboración máis recente ven da man da editorial Bululú, coa que María traballou na elaboración das ilustracións interiores e da cuberta dunha historia que pretende achegar a mitoloxía a rapazas e rapaces de máis de sete anos, do escritor Sergio Sánchez Benítez.
Para rematar, nomear que participou en labores de autoedición e outros encargos como a realización de axendas escolares das ANPAS galegas dos anos 2019, 2020 e 2021, na cartelería das Noites Abertas da Deputación de Pontevedra do 2019 e 2020, ou no XV Simposio "O Libro e a Lectura Poesía a Luz Apagada", do ano 2018.
Produción artística
María Montes comezou debuxando as súas ilustracións a man, co grafito, e dando cor de maneira dixital con Photoshop e unha tableta gráfica. Posteriormente decidiu mercar un iPad para probar o Procreate, e tras comprobar que era unha ferramenta coa que se sentía moi cómoda pasou a empregar este método de traballo exclusivamente.
Aínda que os instrumentos dixitais sexan as súas vías favoritas de traballo, ao comezar un plantexamento do que quere facer emprega o lapis e o papel para realizar os bosquexos precedentes. No caso dos libros ilustrados, traballa previamente con maquetas de pequeno tamaño que lle permiten visualizar o proxecto no seu conxunto, mais gustaríalle probar outras opcións. O acrílico e o guache son expresións que lle parecen moi interesantes, e admira a labor dos seus compañeiros e compañeiras que empregan as técnicas tradicionais, pero polo momento non quere abordar plans fóra do mundo dixital.
A cor que elixe para as ilustracións non é algo destacable dentro da súa obra. Fai uso de tons suaves, agradables e harmónicos, pero é algo que lle gustaría mellorar e explorar. Aprecia o valor que lle dan á cor moitos e moitas artistas, uns tons que fan os seus traballos recoñecibles e con selo propio, mais este non é o caso de María, xa que se mostra máis interesada pola liña; xoga máis co debuxo e cos detalles, engadindo elementos especiais para ela que sexan difíciles de localizar xa que non quere que sexan moi evidentes, pero si que o espectador se decate deles e poida adicar tempo ao seu entendemento.
A artista atopa inspiración na vida cotiá, na rúa, ou mesmo na lectura, pero sen dúbida o que máis a move é a figura feminina. A muller que ilustra é de composición robusta, con ancho pescozo e grande nariz. Inflúea moito a obra Mujeres que corren con los lobos de Clarissa Pinkola Estés, onde explora os arquetipos da psique e a promesa de que ‘’en toda muller hai forzas poderosas pendentes de descubrir’’. Polo tanto, a presencia feminina é a protagonista dos temas que representa nas súas obras; a feminidade nunha paisaxe urbana ou natural, a súa propia natureza salvaxe....
María Montes deste xeito quere falar ao público da muller que imaxina, que constrúe o seu propio camiño, soñadora e independente. Quere que o espectador se decate de que nas súas ilustracións a presenza feminina ten forza e que a rapaza que se ilustre transmita unha liberdade para chegar a onde se propoña.
Análise dunha obra
Irmá Paxaro é un poemario escrito por Tamara Andrés na editorial independente Cuarto de Inverno. María Montes participou moi preto en toda a creación xa que traballou tanto na imaxe da editora como na maquetación. Este proxecto tivo unha estupenda acollida xa que foi galardoado co premio ao mellor libro ilustrado na Gala do Libro Galego 2020 e estivo nominado en tres categorías máis, ao mellor libro de poesía, mellor libro xuvenil e mellor libro editado.
‘’Irmá Paxaro é o relato da perda da complicidade entre dúas irmás descoñecedoras de que o golpe máis duro é o paso do tempo. Tamara Andrés emprega a poesía nun texto profundamente narrativo para mostrarnos a dispar evolución de dúas irmás que mantiñan un elo na infancia que lles permitía ser elas mesmas até que quebrou co despregar das ás da irmá pequena, a irmá paxaro.’’
O proceso creativo comezou con moita lectura e moitos bosquexos. Nun caderno ía esbozando ideas que posteriormente descartaba ata que chegou ao concepto que lle interesaba e realizou unha maqueta en pequeno tamaño para poder visualizar con claridade. As ilustracións foron debuxadas a man e coloreadas co Photoshop coa tableta gráfica, de maneira dixital. Por último, realizou probas de impresión e retocou as ilustracións definitivas, maquetou e enviou á imprenta.
Para o proxecto emprega unha gama cromática primaria con cores como o vermello, o azul, o amarelo e o verde, agás a cor rosa empregada para a cuberta e a pel das rapazas. A figura da irmá pequena vaise modificando a medida que avanzamos a lectura, xa que nun primeiro momento identificámola cunhas pequenas ás que a outra personaxe non ten, e remata por transformarse nun paxaro que emprende o seu propio voo. Dentro das súas influencias para a creación do proxecto están as fotografías de Koo Koo, la mujer ave e as ilustracións de Anton Yakutovich.
Desfrutou moito de ilustrar poesía porque os versos teñen máis dunha lectura e interpretación. As frases de Tamara proporcionáronlle unha serie de ideas e esas opcións foron debatidas coa editora para elixir en conxunto a máis axeitada, feito que foi moi enriquecedor para a artista. O proxecto foi desfrutado plenamente por María Montes, xa que estivo sempre moi agradecida de poder tomarse o seu tempo de reflexión e traballo, sen ter que entregar as cousas axiña e con présas.