top of page
LEANDRO BAREA.jpg

Leandro Barea

  • Instagram
  • Negro del icono de Blogger
  • Negro del icono de Blogger
  • Negro Twitter Icono

Leandro Barea (1974) é un artista nado en Lugo. De cativo entusiasmáballe o feito de debuxar, e vía como non requería moito esforzo pola súa parte e gozaba facéndoo. Como el mesmo di: “de adulto decateime que hai xente que lle chama a iso vocación”.


A súa formación no ámbito artístico comezou na Escola Ramón Falcón de Lugo na disciplina de Deseño Gráfico e Ilustración. Empezou moi novo, o que fixo que non estivera tan centrado nos estudos, xunto ao feito de que a principios dos noventa o nivel de ensino das escolas de arte era discutible. Ao final, o seu rodaxe veu da experiencia na rúa realizando caricaturas aos turistas.


A súa andaina profesional comezou en Inditex como deseñador, empresa que abandonou por cuestións éticas. Posteriormente traballou na rúa -época de aprendizaxe á que facíamos referencia- realizando caricaturas e ilustracións durante case dous anos. De aí pasou a colaborar co xornal La Voz de Galicia e, tras un tempo, tamén con El Jueves. Esta etapa abarcou case catorce anos da súa vida, compaxinándoo con outras colaboracións dende RockdeLuxe a TMEO, incluíndo a publicación de recompilatorios. Ademais disto, Leandro participou en exposicións tanto colectivas como individuais, sendo galardoado con varios premios e, como el mesmo di: “pagando os meus impostos”.


No ano 2013 puxo as súas miras noutros proxectos, o motivo é que adicábase a facer sempre ilustración e sátira de actualidade e quería variar, ao que se lle sumou a crise da prensa, do papel. De aí que optase por xestionar e crear un escaparate da súa produción artística nas redes. O resultado disto é a súa tenda online na que expón á venda o seu traballo sendo libre de asistir tamén a mercados de ilustración, facer intervencións na rúa, murais, publicar libros ou colaborar con xornais e revistas.

Produción artística

A produción de Leandro Barea abarca diversas disciplinas, polo tanto, á hora de realizar as obras a súa metodoloxía varía. Se é sobre papel utiliza rotulador Posca ou ceras. Se é mural aplica pintura de exteriores e o spray. Cando é lenzo adoita tratar con acrílicos e se traballa sobre madeira experimenta cas texturas.


Este artista adoita facer un orixinal en lenzo e despois crea copias en forma de ilustracións. Destas obras fai fotografías en alta definición para que poidan reproducirse. “Eu persoalmente fíxome máis en como funciona a industria da música para o negocio que o mundo da ilustración. Por poñer un exemplo, a ninguén lle cabe na cabeza que un grupo faga series limitadas das copias dos discos. Fan dabondo, e cantas máis mellor para que o seu traballo chegue a todo o mundo. Non entendo por qué un ilustrador non pode reproducir a súa obra con prezos asumibles para que chegue a todo o mundo, ademais hoxe é ben doado que controles ti todo o proceso”, di Leandro.


En canto a temática, non ten preferencia por nada en concreto, aínda que si hai temas que trata máis ca outros, intentado poñer humor a situacións nas que habitualmente non se fai: a morte, desamor, frustración, monotonía... “é un xeito moi sinxelo de aforrar pasta nun psicólogo” comenta graza, algo característico do autor. Tamén adoita usar a ironía na vida cotiá, pois é parte do seu carácter, así que tamén queda proxectado nas súas obras.


As ideas para as súas creacións xorden do factor humano, pois ten en conta o que nos pasa. O artista di que esa inspiración non sabe de onde ven, nin cando, simplemente adícase a facer o que lle gusta e non está suxeito a algo imposto. “As ideas veñen como o hipo, telas sen saber por qué e logo marchan. Se soubera como se fai tería ideas moito mellores” di Barea. Agora produce libremente obras cun estilo e cun humor característico que deixa á interpretación de cada un de nós.

Análise dunha obra

Mas futvol por fabor é un proxecto de Leandro Barea no que se adica a realizar intervencións urbanas. Sobre un muro e “se non te ve a policía moito mellor”, aplica con trazadas grandes o spray.


Se vos preguntades que é este proxecto ou que significado ten, Leandro dinos: “Vendo a tele, dinme conta de que non había suficientes espazos adicados ao deporte rei. Tiña que haber aínda máis. Todos os días, non só venres, sábado, domingo, luns, martes mércores e xoves”.


Así que si, mais futvol por fabor.

bottom of page