Julia González
Julia González Yánez é unha artista do 1994, natural de Cambados e residente en Santiago de Compostela. A súa unión ca arte provén da época da infancia, pois xa nese tempo gañou algún concurso do colexio relacionado ca creación de collage. De igual maneira, estivo influída pola súa familia xa que levaban unha compañía de teatro infantil que lle espertou moita curiosidade e, de feito, dende fai uns anos é a encargada de realizar a parte de imaxe.
En canto a súa formación, encamiñouse cara a Comunicación Audiovisual co grao na Universidade de Santiago de Compostela. Unha vez rematado entrou nun ciclo superior de Produción Audiovisual que abandonou, pero que acaba de retomar. Nese tempo decidiu facer un Mestrado de Dirección de Arte Publicitaria na Universidade de Vigo e foi cando realmente comezou a ser coñecedora do que podía proporcionarlle as ferramentas como o Photoshop para o seu desenvolvemento como artista. A maiores, implícase de tal maneira que asiste a cursos e obradoiros que fan que adquira novos coñecementos continuamente.
A súa produción baséase non só no collage, senón tamén na fotografía e nos deseños. Aquí influíu a formación escollida pola artista, cando fixo Comunicación Audiovisual a parte práctica non estaba moi presente así que tivo que probar e experimentar pola súa conta en base á teoría aprendida. Algo similar pasou co tema do deseño posto que o final Julia escolleu a súa maneira de crear e impuxo o seu propio ritmo. En canto ó collage, comezou debido a que quería expresarse de maneira máis persoal, para ela non era suficiente cas disciplinas que xa manexaba.
A maiores, foi partícipe dalgúns concursos como o de Carteis da Festa do Albariño do Concello de Cambados, da que foi gañadora dúas edicións. De igual maneira, foi elixido un deseño seu para anunciar o concurso de Xuventude Crea. En relación ca fotografía e co vídeo, destaca o seu Traballo de Fin de Grao co que percorreu Europa xunto con máis creadores e músicos clásicos facendo un documental sobre as cidades en torno a música e as Belas Artes.
Produción artística
Julia é unha artista multidisciplinar, mais é o collage a disciplina que desenrola cun gusto especial. Combina o collage dixital co analóxico pois moitas das imaxes que utiliza son de revistas en papel. O tratamento si que está feito dende o ordenador e, de feito, moitas das súas búsquedas son directamente en bancos de imaxes, revistas dixitais, páxinas webs, etc. Incluso traballa combinando o seu gusto pola fotografía co collage sendo imaxes sacadas pola propia creadora.
A súa metodoloxía de traballo baséase en botar unha primeira ollada ao contido que ten gardado. Primeiro escolle o que pensa que vai ser a parte principal da obra e despois busca os elementos restantes. Se o centro é analóxico fai unha fotografía e pásaa ó ordenador; se é dixital directamente traballa con ela dende aí. Para a creación das súas obras utiliza a ferramenta Photoshop, así pode individualizar os elementos, quitarlle a cabeza as imaxes, retocar o ton das cores, incluír texto, engadir certas texturas, etc. Cando comeza ca combinación para obter o resultado final, proba con diferentes cores e formas ata que está a gusto ca obra.
En canto ás influencias que levárona a interesarse polo mundo do collage están presentes unha serie de mulleres, artistas cun contido que ten certa carga significativa feminista e que son capaces de plasmalo na súa obra. Entre elas está Lara Lars ou Ana Peñas, creadoras das que gusta Julia e das que tivo a oportunidade de coñecer o seu método de traballo a través de cursos.
A inspiración desta artista non é algo concreto, maioritariamente ela busca elementos dos que despois xorden as ideas. Outras veces pensa nunha imaxe ou concepto concreto e busca compoñentes que o completen. Por outro lado, a súa temática é diversa. O patrón que adoita seguir é o de cortar as cabezas das imaxes pois non quere que se vexan caras para non personalizar as obras. Prefire optar por completalo con obxectos que saen dese oco, poden ser bolboretas, poden ser libros... segundo o que queira expresar. Trátase de representar ideas básicas pero reais dos sentimentos e pensamentos das persoas. Con todo, non é algo implícito á hora de crear a súa obra, senón algo recorrente.
Ó fin e ó cabo, Julia como artista quere facer algo persoal, algo co que ela mesma disfrute cando o realiza e que permita despexar a súa mente levándoa a un illamento creativo.
Análise dunha obra
Fefiñáns é un collage creado no 2021 por Julia González. É sabido que Cambados é unha vila cunha estreita relación co tempo da vendima e iso mesmo é o que quere plasmar a artista nesta obra. Para levalo a cabo utiliza a imaxe da Praza de Fefiñáns, a máis grande do concello natal de Julia.
É un collage traballado de maneira dixital. Para a súa combinación acudiu a varias fontes, por un lado, a un banco de imaxes gastronómicos para as uvas; para a foto da rapaza optou por unha fotografía da revista Vogue; e, para a representación do pazo e a praza, utilizou unha imaxe propia da artista. Desde xeito, combinou o seu gusto por ambas disciplinas artísticas.
Como se pode observar, unha vez máis seguiu o patrón característico propio da artista de non amosar a cabeza da imaxe da rapaza. Un recurso que consegue que non se personalice á persoa. Esta imaxe mantívoa en cor, pois quere representar xunto cos teléfonos a xestión tan aturada no tempo de vendimar. O feito de mesturar a cor con imaxes en branco e negro ten que ver co protagonismo do que quere dotar a cada elemento. O pazo xa é algo moi recoñecido por si mesmo, chama a atención sen ter que resaltalo. Ao deixalo desta maneira, o que fai é que o espectador poña as miras nos restantes elementos. Así é como consegue que haxa unha atención similar para todos os compoñentes da obra.