Jose Perozo
Jose Perozo nace en Vigo no ano 1978. Dende sempre estivo fascinado pola arte, admirando á xente capaz de debuxar, pintar ou esculpir ben, pero nunca o pensou de si mesmo. Como inicios nesta disciplina alberga na memoria un recordo durante a EGB no que colleu unha cortiza de piñeiro e a frotou contra o cemento para acabar facendo unha pequena barca. Xa con dez ou doce anos, xunto cos colegas, facían debuxos, graffitis, firmas, etc. Noutra época da súa adolescencia tamén recorda estar cos amigos no monte que hai preto a súa casa, no barrio de San Pelayo, el cunha navalla sempre tallando pauciños; ao igual que na pequena horta de seus pais fixo algunha talla en pedra coas que atopaba no chan.
Decidiu estudar escultura na Mestre Mateo, en Santiago de Compostela e, dende entón, continúa na mesma cidade. Mentres estaba na escola de artes, grazas a que súa irmá formaba parte dun grupo de teatro, Jose e unha colega súa empezaron a realizar decorados e escenografías para as obras de teatro, o cal lle pareceu unha saída interesante para poder vivir do que a el lle apaixonaba. Por este motivo decidiu ir a Granada durante un ano para formarse nun curso de Maquinaria Escénica e Construción de Decorados en Escénica.
Aínda así, non foi ata o 2017 cando arriscou un pouco tras deixar un traballo de decorados para centrarse na a súa primeira exposición: Bastións. Esta tivo lugar na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. Ao ano seguinte volve a expoñer, pero neste caso en Vigo, no Círculo de Empresarios de Galicia: Bastións II, e en 2019 volve a Santiago de Compostela con Fragmentaria, unha colección que se expón na Fundación Eugenio Granell.
O artista expuso en Portugal, sendo esta a primeira fóra de Galicia e do país tamén. Continúa creando e expoñendo as súas obras, pero ademais volveu ao teatro, compaxinando ese traballo de escenógrafo co seu máis persoal.
Produción artística
O artista traballa máis a partir de imaxes ou sensacións que de ideas preconcibidas ou conceptos, é dicir, que fai todo dunha maneira máis emocional que intelectual.“É como que imaxino algunha cousa que me provoca unha sensación e a partir de aí intento facela. As veces cando a rematas é parecido ao que pensaras ou todo o contrario”, conta Jose.
O surrealismo é o que máis lle chama a atención ao artista, todo ese mundo onírico e imaxinario que poder crear é fundamental dentro das súas influencias xunto co mundo do teatro e os decorados, que ao final é unha forma de representación disto. O movemento das vangardas é considerado por el unha época moi fértil e desenfreada a nivel creativo. Artistas internacionais como Gehard Demetz, Bruno Walpoth, Grzegorz Gwiazada, Laura Eckert, Emil Alzamora ou Susannah Zucher son algunhas das diversas referencias ás que Jose Perozo mira, ao igual que a Leiro ou a Xavier Cuiñas, máis preto da terra.
En canto aos materiais que emprega, o que máis lle gusta é sen dúbida a madeira, xa dende a escola. Considera que é moito máis cálido e maleable xa que ten unha dureza moi gustosa á hora de traballar a talla. A pedra non lle desgusta, pero persoalmente vea algo máis fría. Pouco a pouco introduciu tamén a cerámica nas súas obras debido a que aporta moitas posibilidades, xa que podes modelala de mil formas e quitala ou poñela a gusto. É certo que ten un proceso máis longo que o resto, de baleirado e cocción, pero para o artista é un material moi nobre. Tamén se encontran outros materiais interesantes, como pode ser o metal ou o cristal.
Ultimamente quixo probar cousas máis novas e modernas como escanear en 3D pezas modeladas, cortar a láser en metacrilato ou en contrachapado as pezas. “É unha liña curiosa. Paréceme un pouco máis fría, pero moi interesante a nivel técnico”, di o artista.
Cando traballa con madeira, salvo se se trata dunha figura humana, é raro que realice un bosquexo previo, senón que fai talla moi directa. No outro caso, usa unha técnica a través de puntos que consegue grazas a unha máquina, esta ten unha serie de engrenaxes que se colocan no modelo e na peza a tallar para ir sacando certos puntos clave, coma se fosen coordenadas. O autor recorda unhas tres pezas realizadas deste xeito.
Coa cerámica é algo parecido xa que realiza un modelado directo e, despois de cortala e baleirala volve a pegala e cócea de novo. As veces tamén realiza modelados con moldes de escaiola coa técnica de apertón, é dicir, facer láminas de barro e ir apertándoas contra ese molde para obter un grosor uniforme.
En canto ao metal, sendo un dos materiais que menos emprega, as poucas que ten en forma de placas e pequenos anacos que van dentro de obras máis grandes, están realizadas coa técnica da soldadura de arco.
Por último, é importante falar da temática que Jose Perozo ten en conta á hora de realizar as súas obras. O tema de construcións e edificacións sempre foi algo que atraeu especialmente ao artista. Comezou coa realización da súa colección de Bastións I e II, esa especie de torre que contén no seu interior algún elemento definitorio coma un cepelín, un barco, un tranvía, etc. Despois foi encamiñando estas construcións á formar parte de pezas xunto a figuras humanas, o que podemos ver coa serie Fragmentaria, é dicir, persoas que están invadidas dalgunha maneira por algún edificio. Na súa última exposición, na galería La Doce, existe a evolución desta idea, de ir máis alá e de entender o corpo coma unha edificación na que habitar, dunha vivenda para a nosa mente.
Análise dunha obra
Bastión VI, tres corpos (2021) é a sexta e penúltima obra pertencente á colección que comezou o artista no ano 2013: Bastións. A idea xorde polo feito de que tiña seis vigas que recolleu da Casa Encantada de Santiago de Compostela, un centro social que terminou derrubado. O artista quixo aproveitar esas vigas para darlles “unha nova vida”, facendo algo relacionado co seu pasado, por iso quixo recrear esas construcións coma lugares utópicos.
Todas estas obras teñen no seu nome a palabra “bastión” xunto cun número que corresponde á orde cronolóxica de fabricación e logo unha palabra ou descrición, sendo esta a que define o título en si. Neste caso, tres corpos, non se relaciona co que se ve na obra, senón que se trata dunha inspiración. Ven dunha novela de ciencia ficción de Cixin Liu chamado “El problema de los tres cuerpos”, baseado nunha teoría do matemático e físico Henri Poincaré na que a física é capaz de predicir os movementos gravitacionais de dous corpos que están no baleiro e como se atraen entre eles, pero non con tres. Jose Perozo deuse conta disto xa que ao estar a realizar a obra, estáballe pondo xustamente tres elementos, coma unha especia de globo feito en tres partes.
Esta obra representa o mundo utópico que tanto lle gusta ao artista, e aínda que neste caso non apareza a figura humana, si que ten moita presenza a través de elementos como son as pequenas fiestras, as escaleiras, etc. Bastión VI está formado con tres materiais, os tres que máis emprega o artista. Por un lado a madeira en todo o seu corpo, o metal nas tres bolas douradas e o que fai que se suxeiten no espazo e por último, a cerámica, presente nos ocos dos arcos como se fosen baldosas e no corpo da figura máis baixa a modo de cúpula que foi torneada e logo cocida. O interior das bolas está feito con pórex.
Finalmente o artista resume a súa peza como “unha nova maneira de dárlle vida a unhas vigas, creando un mundo utópico moi influenciado polo teatro”.