top of page
foto-Ivan-Pan.png

Iván Pan

  • Instagram

Iván Pan Lavandeira (1985) é de Culleredo, A Coruña. Este creador comeza a interesarse pola arte xa a unha idade adulta, entre os 21 e 22 anos. A súa inmersión neste mundo foi incrementándose de maneira lenta, pero constante.


Estudou Enxeñaría Técnica en Deseño Industrial na Universidade da Coruña, no campus de Esteiro, en Ferrol. Nesta etapa formativa contou con materias como Historia da Arte, Estética, Deseño Gráfico, Expresión Artística e Expresión Gráfica. De todos os xeitos, non vía a posibilidade de adicarse á ilustración, posto que estudara para crear deseños de produtos e utilizaba a arte coma unha ferramenta ou un medio máis que coma un fin.


Tras rematar os seus estudos no 2010, comezou a súa vida laboral como deseñador gráfico e industrial nunha empresa de Vigo que habilitaba internamente barcos. Un par de anos despois, comezou a traballar nunha empresa como auxiliar da automoción na mesma cidade, compaxinándoo co deseño industrial e o deseño gráfico. Nese momento as súas miras estaban postas no mundo do deseño industrial, pero oportunidades laborais que foron xurdindo aportáronlle experiencia no sector do deseño gráfico e da comunicación.


Xa no 2015, embárcase como autónomo na Seele Comunicación, unha empresa adicada totalmente ao deseño gráfico, creación de marcas, e á comunicación. É neste intre cando comeza a medrar notablemente o seu interese polo mundo da arte, máis concretamente na ilustración. Presentóuselle a oportunidade de crear ilustracións para a súa posterior aplicación en medios gráficos e creación de marcas.


En xuño de 2020, froito de unha serie de circunstancias, a etapa como deseñador gráfico en Seele remata. Dende entón, Iván somerxeuse de cheo na disciplina da ilustración, pois a súa paixón é a arte, un mundo do que continúa aprendendo.

Produción artística

A produción de Iván móvese entre o deseño gráfico e a ilustración. Este creador fórmase profesionalmente no ámbito do deseño, pero a ilustración espertou nel un interese especial.


A súa metodoloxía de traballo baséase en varios pasos que vai afinando segundo crea. Primeiramente, precisa ter unha descrición clara do que vai facer e, unha vez definido, desenvolve unha serie de ideas a través de bosquexos con papel e lapis. É entón cando entra en xogo a inspiración, pois nútreo de novas ideas. Para iso, adoita facer sesións de inspiración enfocadas nun traballo, sendo esta unha parte indispensable do proceso creativo.


O seguinte paso é plasmar nun bosquexo aquelas ideas e anotacións: “Comeza entón o proceso de creación pura, coas diferentes ferramentas dixitais, a través de numerosas probas de ideas, formas, composicións e cores, moitas veces facendo uso do esquema proba/erro, mesturando conceptos, volvendo a etapa de inspiración se sinto que é necesario... Esta etapa so remata en canto consigo conectar ca obra que estou facendo, cando estou satisfeito, a partir de aí, mais probas” di Iván. Unha vez está satisfeito coa súa labor, prepara a correspondente presentación e exposición para unha impresión final.

 

A inspiración é unha parte fundamental na creación das obras de Iván. Provén de diferentes fontes, entre as que se atopa a arte dos séculos XIX e XX, todo o que son as vangardas, ilustradoras contemporáneas...


A obra de Iván ten uns matices ou elementos que a fan recoñecible. Ditas cuestións son a xeometría e as cores. “Creo que a cor (ou a ausencia dela) é a parte na que máis se poden enfatizar as emocións que queremos transmitir e os sentimentos que tratamos de provocar no público”, comenta Pan.


Na súa produción destacan, ademais, temáticas como son os universos fantásticos, a historia, os espidos, as paisaxes, o atardecer... Pero cando se lle pregunta por aquilo que pretende inspirar, coméntanos: “Depende moito de cada obra. Moitas veces a miña intención ao seu comezo remata diferindo por completo do que creo que transmite ao final, como se tivesen vida propia. Eu non controlo o meu traballo por completo. De todas formas quizais o que creo que é común na miña obra, polo menos neste momento, é a intención de crear imaxes agradables, sinxelas, mínimas e amables, que transmitan acougo, paz, silencio e quizais tamén nostalxia a través da evocación de recordos xa vividos”.

Análise dunha obra

Horizonte Mínimo #006 (2022) é una obra de Iván Pan. Pertence a unha serie de ilustracións onde a temática presente céntrase no solpor sobre o mar, nunha mirado ao horizonte, a todo aquelo que pode abarcar a nosa vista mentres os sentimentos de nostalxia e saudade inundan o noso pensamento a través do recordo de atardeceres de verán, vividos hai tempo.


O proceso creativo comezou ca decisión da temática e uns primeiros bosquexos. Despois buscou a inspiración, que neste caso provén dos mundos creados en videoxogos, na ciencia ficción, en fotos, ilustracións e recordos de atardeceres. A continuación, plasmou ideas máis complexas en novos bosquexos, mesturando imaxes que lle inspiraron, os recordos e a espontaneidade do momento. É entón cando comeza a traballar cas cores en tonalidades que representan o equilibro e a calma. Tamén cos detalles finais, xoga coa xeometría, e engade un texto que representa o que lle fixo sentir no instante que contemplou a obra case rematada.

bottom of page