top of page
IMG-20210727-WA0073.jpg

Isa Bermúdez

  • Instagram

Isa Bermúdez é unha artista do 2001 que naceu en Hadamar (Alemania). Pese a isto, goza das súas raíces galegas e a súa temperá residencia en Carballo. Dende cativa estivo ligada ao mundo da arte mediante os debuxos, tendo un especial recordo de cando cursaba sexto de primaria e unha das súas profesoras díxolle que lle encantaba o arte, pero valía para miralo e non para crealo. Isto espertou un interese especial en Isa, que quixo tomar esa faceta de creadora e inmiscirse no mundo da pintura.

 

Á hora dos seus estudos continuou este camiño ao realizar o bacharelato artístico no IES Adormideras, na Coruña. Na mesma cidade optou por un ciclo superior de Dourado, Prateado e Policromía na EASD Pablo Picasso; precisamente nesta escola, está actualmente cursando o Grao en Deseño de Interiores, mais a súa intención é cambiar para o Grao en Deseño Gráfico.

 

A súa produción comezou co debuxo, pero virou o seu futuro cara a disciplina do muralismo. Este interese mana do festival de murais Rexenera, no que vía como os artistas facían obras de grandes dimensións na súa propia cidade. Tras investigar sobre o tema, xurdiulle a oportunidade de asistir a unha conferencia de Mutante Creativo. Mediante a intervención da titora naquel tempo entre Isa e o interese da mesma, conseguiu que a aceptaran como estudante en prácticas. Así fixo o seu primeiro mural, en Sobrado dos Monxes, algo que en principio ía ser tan só a acción de recheo do muro, pero que finalmente confiaron no seu deseño para a creación completa.

 

No Rexenera tamén estivo como axudante, o que lle favoreceu á hora de aprender de artistas consolidados, que significaba para eles pintar murais, o que era unha xornada laboral dun muralista, etc. Tamén fixo outros traballos na Casa do Peixe ou en Carballo.

 

Isa é unha artista que tamén avogou por dar clases de debuxo, crear láminas e fanzines. Con todo, ten claro que é a súa faceta como muralista a que quere salientar e a que se quere adicar.

Produción artística

O muralismo é a disciplina ca que máis lle gusta experimentar á artista. Para ela os muros son unha oportunidade de facer cousas distintas. É certo que gusta de pintar láminas, lenzos, deseñar na súa libreta... mais hai algo que non a acaba de convencer. Pensa que é o tema institucional, a maneira de ter que expor a arte nun museo ou nunha galería. Uns espazos que parecen non estar ao alcance de todos senón do mundo máis elitista. É dicir, que a xente que vai ir ver unha obra é porque habitúan visitar ese espazo, porque son seguidores da túa obra ou porque pasan a botarlle unha ollada. Un sentimento que non se comparte, pois hai moitas persoas nas que non se consegue espertar o interese por acudir a este tipo de institucións. Ó contrario disto, os muros ofrecen a posibilidade de que todo o mundo observe a túa obra, de que a xente teña que consumir arte. Aínda que a persoa que vai pola rúa non lle guste a arte vai estar obrigado a ter unha interacción ca obra, obrigado a mirala e ter unha opinión. Iso é o cree esta artista.

 

A metodoloxía de traballo que segue para levar a cabo a creación dun mural ten que ver ca adaptación dun deseño previo en papel e o seu traspaso a unha gran escala. Ben é certo que como é nova, o seu proceso está por asentarse. Polo momento ten claro a importancia do muro que vai pintar, do barrio no que se sitúa, a xente que habita preto... pois quere que maiormente sexa desfrutado polo veciños. Ademais, ten un maior interese polas zonas máis rurais ou abandonadas que polos centros das cidades.


Primeiramente a artista fai unhas fotos ao muro para ter a súa forma presente á hora de crear os bosquexos a lapis. Fai un deseño en relación co entorno que despois pasa ó dixital pola nitidez das cores. Unha vez rematada esta fase comeza a imprimar e a facer unha cuadrícula. Posteriormente ponse co tema do debuxo, cas zonas máis detalladas. Antes de continuar e aplicar as cores asegúrase de que a adaptación ao muro da súa idea é a correcta. A pintura que utiliza para as súas creacións é pintura plástica para exteriores, a que adoita utilizarse para pintar fachadas. Mestura as cores e aplícaas para facerse unha idea de como quedarían. Esta pintura cando seca escurece bastante polo que precisa axustala unha vez seca.

 

En canto a temática, o que máis lle importa a esta artista é o amor. Pero non só o amor romántico senón o resto de relacións que temos. Tamén se interesa por plasmar unha obra intimista, que sexa sincera consigo mesma e que a faga feliz. Así pensa que a xente se achegará e comprenderá máis os sentimentos da propia creadora.

 

Por outra banda, o muro é un soporte que contén unha obra á mercé das condicións atmosféricas. Neste caso a artista pensa que se é necesario intervir na creación debe ser a propia artista quen decida que facer. Ben é certo que a natureza pode dotar á obra dun valor especial pero tamén o muralismo é un arte para acabar co feísmo arquitectónico.

Análise dunha obra

Herdanza é unha obra realizada en agosto de 2021 en Carballo, entre as rúas Tomiño e Xasmíns. A idea xurdiu porque a artista estaba no Rexenera asistindo á creación dun mural. Era nunha zona onde remataban os grandes edificios e comezaba unha vida máis rural cunha poboación máis envellecida. É neste momento cando viviu unha situación que a deixou impactada e que foi clave para a súa creación. Isa cóntanos que estaba de descanso nun parque cando viu como unha nai lle berraba a un neno por andar xogando no campo da súa casa polo feito de que se ía a manchar. Aquí reflexionou sobre a problemática actual de que os nenos xa non xogan máis que ás máquinas, pero á vez parecen non deixarlles desfrutar daquilo que teñen na propia casa. “O teu neto ou o teu fillo podería herdar uns coñecementos sobre o cultivo da terra, sobre o coidado do lugar e é algo que estase perdendo por este tipo de cousas”, di a artista.


Tivo a oportunidade de plasmar isto nun muro preto de onde viu esa escena, pois contactou cunha casa que parecíalle ideal para completar todo ese proceso creativo. Optou por plasmar este suceso dunha maneira máis agradable pero transmitindo esa idea primaria. O mural consta de dúas figuras: a súa avoa e un neno. A avoa estalle dando os coñecementos de como facer crecer unha planta, de aí o propio título, pois herda o poder de facer crecer a terra. Ademais, engadiu un detalle cara ao pobo veciño que é Malpica, facendo referencia ó mar. Relaciónao porque igual que en Carballo poderían aprender da terra en Malpica do mundo do mar. Esta referencia pode apreciarse no azul do fondo e na camiseta do neno cas raias e as áncoras.


Para realizar este mural fixo tres ou catro composicións xa que non funcionan do mesmo xeito nun papel que na parede. Despois, observando o entorno e a temática, busca as cores que encaixan na súa creación baseándose nunha paleta cromática limitada. Como para o resto dos traballos, fai bosquexos do deseño a lapis e despois pasouno ao dixital. Fai a imprimación e a cuadrícula e comeza ca montaxe do debuxo. É unha obra que, ademais, deixa ver o interese da artista en non detallar ao máximo e utilizar tons claros para traballar a luz e a sombra. A maiores, nas zonas nas que hai realismo non adoita meter liña, pero onde só hai cores planas si, facendo que chamen máis a atención as formas.


Isa, esencialmente, o que quere é transmitir a sensación do traslado de papel a parede, non de facer un lenzo a gran escala. É por iso que cree na utilización de cores planas e das texturas.

bottom of page