Iris Branco
Iris Branco nace en Ourense no ano 1989. Dende nena sentiu unha conexión especial coa pintura, coas manualidades e a escritura, polo que estivo moi ligada á arte dende os seus comezos. Antes sequera de encamiñar a súa vida coa carreira de Belas Artes formouse en pintura e teatro, e foi durante os anos estudando o grao cando se decatou de que as disciplinas que máis lle gustaban eran a escultura e o debuxo. Ao rematar a carreira quería ampliar a súa formación e decantouse por estudar máis sobre cerámica e moldes.
Dende o ano 2012 Iris adícase á produción de artesanía artística e tamén á ilustración. Actualmente forma parte de Artesanía de Galicia, dentro das especialidades de debuxo e escultura. A artista conta que: “dende a miña etapa de estudante sempre me interesou facer unha arte que chegue a xente por iso comecei facendo produtos artísticos de artesanía”. Pois dende fai anos leva compaxinando o seu proxecto artístico co seu traballo de profesora de artes plásticas con persoas con diversidade funcional.
En canto a súa traxectoria profesional neste ámbito, a artista participou en varias exposicións colectivas, como a do centro cultural Valcárcel en Ourense e a do Museo Gaiás. Tamén estivo na mostra MiiC3 nas sedes da Abanca, tanto na Coruña como en Santiago e na Fundación RAC en Pontevedra.
Produción artística
A obra de Iris, como ela di, foi mudando co paso do tempo. En todos os anos da súa carreira profesional traballou con diferentes técnicas como a da cerámica esmaltada, que podemos ver en obras primitivas da artista que dan comezo aos Corazóns Sonoros. Estas pezas vémolas relacionadas estreitamente coa obra A mente minte, a escultura da moza que arranxa o seu corazón. Iris conta que esta obra mais a de Silvas no corazón xurden da etapa na que viviu a perda de súa nai, un momento de tristeza e melancolía que impregna cada peza; a artista fai referencia ao uso das silvas en varias obras como metáfora de súa nai.
A técnica do gouache, sendo esta unha mestura de pigmentos e aglutinantes solubles en auga que unha vez seca adquire un resultado opaco, é a que a artista emprega para a obra do Corazón pendurado entre as dúas pernas. Esta obra correspóndese cunha etapa máis naturalista e cruda, sendo a ilustración dun soño. “A esas obras chámolles pinturas introscópicas no interior do lenzo, facendo referencia a introspección dun arte máis visceral”, comenta Iris.
En relación aos bustos femininos, ao comezo a artista fala de que partiu de autorretratos que relacionaba tamén coa obra A mente minte, pero que ao final servíronlle para ir soltando ese naturalismo desgarrador e duro, axudándose do tratamento que lle daba ás cores. Estas foron evolucionando en canto a súa luminosidade ata chegar a unha violencia cromática chea de vida, deixando paso a unha nova etapa da artista, a un renacemento no que ela mesma se atopa e fala tamén dun reencontro de antigas motivacións.
Dende o seu Traballo de Fin de Grao, Iris quixo traballar, como di ela “nun proxecto no que a arte servise para mellorar o mundo”, polo que esta visión positiva e utópica é a que volve a alimentar o seu pensamento dende fai uns anos. E entón cando traballa co concepto de persoa ideal, que quere un mundo mellor, máis xusto e igualitario; traballa con ilusívoras. Ilusívoras é o nome que se lle da a unha persoa que se alimenta de ilusións ou pode facelo, polo que así é como a artista chama a estas mulleres que crea.
Falando dos referentes que ten a artista á hora de realizar a súa produción, vemos que ten un amplo abano no que mergullarse. Últimamente síntese máis influenciada por movementos que reaccionaron ao establecido pensando que a arte era unha arma moi válida para mudar e rexeitar os desastres do sistema, algo que podemos ver en todo o espíritu das Vangardas como na Bauhaus, De Stijl, Miró, Sophie Taeuber, etc., e tamén para a creación dun novo mundo. En canto á escultura, a artista referencia a Camille Claudel e afirma que desfruta moito vendo a evolución que esta disciplina ten xunto á cerámica na historia da arte e no deseño.
Iris Branco considérase a si mesma como escultora, traballando xeneralmente con cerámica, aínda que neste último ano comezou a experimentar con outro material: a madeira. A maiores das esculturas de bulto redondo que ten en cerámica, tamén ten algún collage realizado en madeira que segundo a súa vocación escultórica poderíanse considerar baixorelevos. Exemplo disto temos a súa obra Senlleira.
Neste momento, Iris atópase traballando nunha nova linguaxe que denomina “utopictogramas”, sendo este o sistema de comunicación que teñen as ilusívoras. A través disto, está a levar a cabo un poemario revolucionario cos pictogramas desta linguaxe.
Análise dunha obra
Ilusívoras e un mundo mellor é unha obra da artista Iris Branco. O título xorde da idea de representar a unha persoa que se alimenta de ilusións. O que quere plasmar nestes cinco bustos policromados que forman unha serie ou colección é o propio significado de persoa ilusívora. As obras están realizadas en barro branco e pintadas coa técnica do óleo. As cores que emprega son de tons moi vivos que destacan sobre o fondo branco, cheo de luz e de paz.
As cinco esculturas se corresponden con cinco figuras femininas representadas aparentemente felices en medio dunha posible “ensoñación” cun mundo mellor. Esta serie defínea a propia artista como: “Un reencontro cás ansias perdidas de cambiar o mundo a pesar da dor, das decepcións e das dificultades formais. A pesar de sentir que somos a peor das especies e que solo a misantropía pareza a veces a posición sensata. Un voltar a inocencia perdida do idealismo utópico pero menos inxénuas. Coller as formas, as cores, e a poesía el voltar as trincheiras, para que as distopías non gañen a batalla.”