Eva Fandiño
Eva Pena Fandiño naceu en Moaña no ano 1995. De cativa tivo unha relación moi estreita coa arte polo que recibiu formación na pintura ao óleo dende os dez anos. Na súa familia non tivo ningunha influencia artística agás a do seu avó que era pintor. O curioso é que este morre cando ela era moi pequena, polo que non tivo oportunidade de coñecer en profundidade as súas experiencias artísticas xa que nin sequera sabía a práctica que realizaba nin el coñeceu a capacidade da súa neta; ambos seguen conectados de maneira especial, de feito Eva acuña o apelido Fandiño na honra do seu antepasado.
Dende os dez anos ata a súa adolescencia recibiu leccións de pintura ao óleo, feito que condicionou o seu ingreso no bacharelato artístico no IES María Soliño en Cangas. Posteriormente trasladouse a Madrid para estudar o grao en Belas Artes na Universidade Complutense e ao rematar a carreira voltou a Galicia para realizar o mestrado en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual na Universidade de Vigo. Durante a súa formación mudouse a Alemaña cun Erasmus e alí estudou na Escola de Arte de Kassel. Esta cidade aportoulle moitos coñecementos e experiencias dende o punto de vista artístico xa que alí se celebra a Documenta, unha das bienais de arte contemporáneo máis importantes de Europa.
No ámbito profesional, a artista leva dende cativa impulsando a súa carreira, mesmo realizou a súa primeira exposición con dezaseis anos en Cangas. Mentres estudaba en Madrid expuxo algún traballo e, no seu regreso a Pontevedra, tamén o fixo na Casa da Luz.
Actualmente é autónoma e dispón dunha tenda online e unha conta de Instagram onde vende numerosos traballos. A parte de comercializar os productos pola rede tamén realiza encargos de deseño gráfico e participa en mercados de arte. Entre os que participou están varias edicións de Bazares nos Bares en Vigo, o de No Todo el Pescado Está Vendido, o mercado de Nadal de Pontevedra, ou o Berbena Marcket.
Eva Fandiño é co-fundadora do Galpón Lab. Esta asociación nace hai dous anos da man da ilustradora e de Iria Rodríguez coa finalidade de apoiar os artistas emerxentes. Contan cun espazo físico na cidade de Pontevedra onde realizan obradoiros de tipo cultural para darlles un impulso aos artistas e proporcionarlles formación e visibilidade, ademáis da celebración de performances, exposicións, recitais e demáis actividades que a xente lles propoña. Tamén apoian a creación de clubs como o de lectura ou o de costura, no que as persoas de maneira gratuíta poden formarse no que máis lles gusta.
A artista, ademais, imparte leccións de pintura para nenos e adultos no Galpón Lab, aínda que tamén o fai nalgún colexio como actividade extraescolar.
Produción artística
Eva Fandiño comezou no mundo da ilustración durante a súa estancia na Universidade Complutense de Madrid. Alí formouse no academicismo e nos estudos anatómicos, polo que quixo romper coas regras e optar por outro camiño de representación. Empezou así a debuxar dunha maneira moi persoal con tinta china sobre papel branco. Co tempo descubriu o formato dixital e iniciouse no Procreate no que xa engadiu cor. A pesar de sentirse moi a gusto coa tableta nunca deixou de ilustrar a man, mesmo experimentando coas cores das acuarelas.
O proceso creativo das súas ilustracións comeza nun caderno. A artista bosquexa a idea con grafito e tinta china e nalgunhas ocasións engade acuarela para elixir correctamente os tons. Como os seus debuxos non teñen complicación, no que máis se centra é na proxección da idea. Para iso, toma gran cantidade de anotacións, estudando a composición, a mensaxe que quere transmitir ou o texto que acompaña o deseño. Cando as ilustracións están dixitalizadas o que fai é serialas, realiza unha tirada de dez copias firmadas a man e numeradas.
Pronto decidiu explorar outros soportes e optou pola cerámica para plasmar os seus personaxes. Para a súa creación opta polo barro branco que pasa polo forno e por un proceso de bizcochado. Esta forma de elaboración consiste en cocer a arxila a metade de temperatura para eliminar nun primeiro momento a humidade e pechar os poros pouco a pouco. Seguidamente extraese do calor e esmaltase para logo volver a ingresalo no forno e rematar de cocerse.
No ámbito textil combina o patchwork con retais ademáis de explorar o bordado a raíz do club de costura do Galpón Lab, técnica na que segue traballando para mellorar.
A súa inspiración xeralmente está no día a día. As ideas que recolle no seu caderno de bosquexos están en calquera parte, nunha cafetería ou mesmo nunha conversación allea. As súas propias experiencias son as que a inspiran para crear. A visualización de obras de outros artistas tamén a condicionan enormemente, mesmo de maneira inconsciente xa que se sinte influenciada cando visita un museo ou lee un libro.
Os pilares nos que se basean as súas representacións son o feminismo, a liberdade e o fogar. No seu imaxinario as figuras son mulleres xa que a propia artista se considera feminista e os seus referentes están neste movemento. Tamén lle gusta moito investigar e coñecer temas relacionados co territorio e espazo, de aí a importancia que ten para ela o fogar.
No seu traballo de fin de mestrado realizou un libro sobre as dez casas nas que viviu en toda a súa vida, experiencia que a condiciounou grandemente. No medio desas dúas ideas está o concepto de liberdade. Está relacionado co empoderamento feminino e tamén cos lazos que nos unen ao fogar. Cada obra que realiza Eva é diferente e con cada unha quere transmitir unha mensaxe que faga reflexionar ao espectador. Non lle gusta impoñer unha idea, quere que a xente teña libre interpretación das obras. Detrás desta libre mesaxe interpretativa sempre están os conceptos de liberdade, fogar e feminismo.
Análise dunha obra
As Lectoras son unha serie de cerámicas que comezou a fabricar hai uns anos. O inicio destas pezas está nas siluetas de personaxes lendo que realizaba a artista para posteriormente realizar adhesivos. Eva é unha gran lectora polo que decidiu debuxar uns contornos de mozas con libros nas mans. Tras un curso de iniciación á cerámica na facultade de Belas Artes, optou por levar as súas figuras á arxila. O proceso consiste no modelado a man do barro fresco para posteriormente depositar a peza no forno.
Para pintar as pezas usa engobes, mais só aposta por dúas cores, o branco e o negro. Dependendo dos encargos aplica outro tipo de cores, xa que lle gusta experimentar neste ámbito e non pecharse a un modo de facer. Actualmente realiza Lectoras personalizadas onde o cliente pode elexir o peiteado ou o libro.
Eva quere transmitir a idea do feminismo a través destas Lectoras, mulleres que están lendo, unha referencia ao empoderamento do saber feminino. A liberdade de pensamento vai da man coa figura amable e divertida que transmiten as cerámicas.