Elvira López
Elvira López Rodríguez (1994) é unha artista nada en Ribadeo que, dende que ten uso de razón, recorda o impulso de estar garabateando en todos os cadernos da escola. Isto probablemente estivera motivado por uns pais moi creativos e enxeñosos que a educaron con esa sensibilidade. De feito, de cativa asistía a clases de cerámica, disciplina que engadiu ao seu repertorio.
Con todo, non foi ata o último ano de bacharelato cando se decantou por formarse na rama artística. Pese a adicar moito tempo aos seus debuxos, non sentía que foran o suficientemente válidos para este mundo. Isto lévaa a profundar na disciplina da fotografía, na cal se sentía máis cómoda.
A artista realizou os seus estudos en Fotografía na EASD Antonio Faílde, en Ourense. O cambio de ambiente favoreceu á súa creatividade, desenvolvendo e experimentando coa súa propia arte. Posteriormente, formouse en Deseño e Edición de Publicacións Impresas e Multimedia no IES Leixa de Ferrol, o cal a achegou a rama do deseño gráfico e fixo que retomase o debuxo.
Profesionalmente, a traxectoria de Elvira continúa desenvolvéndose, xa que ao rematar os seus estudos atopa traballo no campo do deseño gráfico. Malia a isto, non gozaba de tempo para crear obras propias con liberdade, polo que se limitaba a realizar o que lle esixían. O empurrón veu en tempos de pandemia, pois con tantas horas adicadas a unha mesma redescubre o que realmente lle gusta facer. Deste xeito a artista fomentou a súa relación ca arte, deixando que a súa creatividade fluíse sen normas preestablecidas.
Utilizou as redes como escaparate visual e obtivo unha boa resposta por parte do público. Deste xeito, creou unha páxina web que lle servise de portfolio e portal de vendas. Isto deu os seus froitos e saíron novos proxectos, como a posibilidade de crear unha asociación artística e cultural de artistas da zona chamada “As Vacas Fracas”.
Produción artística
Elvira experimenta con varias disciplinas artísticas, goza investigando novos campos e descubrindo os horizontes e posibilidades que aportan cada un deles. Móvese entre a pintura, a ilustración, o deseño e o muralismo... pero nos últimos tempos, está a profundar no que é a cerámica, unha labor máis manual que lle aporta unha sensación reconfortante.
A artista busca emocións novas en cada unha das manifestacións artísticas. Nelas aventúrase polo feito de explorar, experimentar, curiosear e incluso por puro inconformismo. Mergúllase no muralismo tras quedar finalista no Certame “Amarte”, unha magnífica creación de proxectos ao aire libre. Do mesmo xeito, a artista explora a disciplina da tatuaxe de autor. O seu interese e a súa creatividade parece non ter límites.
No relativo a súa metodoloxía, a propia Elvira fai unha diferenciación bipartita. Por unha banda, as obras que xorden dunha idea previa, as cales, presentan máis elaboración na busca dun obxectivo claro. Por outra banda, aquelas outras nas que a creación é automática, deixándose levar polos seus impulsos artísticos “máis puros e inconscientes”.
En canto ao estilo tan recoñecible que ten a artista, conta que chegou a el sen escollelo. Este xorde tras facer un estudo de autorecoñecemento dela mesma. “As miñas obras son unha mestura entre o figurativo, creando mundos oníricos e irreais onde todo é posible, con pinceladas e anacos da miña realidade. Gústame, sobre todo, xogar cas caras e corpos empregando figuras andróxenas, proporcións deformes” di Elvira.
A estas formas tan particulares, esta creadora engádelles a cor como recurso esencial. Adoita tirar por cores vivas e enerxéticas para reforzar as emocións e a mensaxe que pretende transmitir. Elvira emprega a arte como ferramenta de autocoñecemento, terapia e forma de comunicación co mundo. Expresa as súas ideas e sentimentos e transmíteos ao espectador.
Análise dunha obra
Cadrados (2021-2022) son unha serie de obras de Elvira López que xorden nun período de transición, marcado pola inestabilidade emocional e unha serie de cambios persoais. A artista sentiu a necesidade de expresar e plasmar eses sentimentos a través do debuxo, pois é unha persoa introvertida que non se sinte tan cómoda expresándose coas palabras.
Como punto en común das obras da serie aparecen os cadrados. Trátase dunha alegoría na busca da orde e do equilibrio. “Os cadrados acostuman simbolizar a detención, o instante afianzado, a idea de estancamento, de solidificación e de estabilización da perfección”, conta a artista.
Nestas creacións tamén se engaden corpos que forman parte doutro, é dicir, dualidades. Trátase dun imaxinario habitado por personaxes dunha corporalidade excesiva, cun grafismo plano e coa liña negra continua como elemento indisociable do seu estilo.