Doa Ocampo
Doa Ocampo Alvarez é unha artista lucense nada en 1986. Na súa nenez xa se encontraba en contacto ca arte a través de persoas do seu entorno que mantiñan unha visión moi creativa da vida. Isto debíase principalmente a adicación da súa familia á artesanía de esmaltes sobre metais. O simple contacto da artista durante a súa infancia co taller de seus pais resultou nela como unha primeira conexión moi potente.
Estudou o bacharelato artístico en Ourense, posteriormente fotografía artística na Escola Pablo Picasso na Coruña, e Belas Artes en Pontevedra. Tivo a sorte de realizar un convenio bilateral en Guadalaxara (México) e Erasmus en Lisboa. Os seus estudos foron sempre multidisciplinares aínda que a súas obras actuais tornasen a un só camiño. Comezou enfocada a fotografía, nas instalacións (e vídeo-instalacións) collages e debuxos.
Acabou por crear murais xa que considera que é unha maneira poética de recuperar espazos perdidos e reforestar estruturas. Aquilo que quedou abandonado polo ser humano e que o abraza o entorno natural.
Ó longo dos seus anos creativos participou en numerosas exposicións colectivas, coma a do ano 2021 no CGAC “Cultivar incertezas”. Da mesma maneira realizou un gran número de residencias en prol de ampliar a súa obra.
Produción artística
A produción artística de Doa é prolifera e varía, polo que podemos falar de obras moi distintas ó longo da súa vida artística; dende a fotografía, o collage de materiais, intervencións, pintura, etc. Máis aló da experimentación en si de diferentes vertentes artísticas o que máis desfruta é de desenvolver as súas ideas e darlles forma.
Á hora de escoller o soporte que máis desenvolve elixe o muralismo xa que considera que realizar intervencións no espazo público é un medio de intervir no mundo real. Cando a obra se encontra na rúa é posible dialogar cun maior público, ca súas percepcións das obras e de influír dalgunha maneira nas súa vidas.
O proceso que usa para realizar os murais é sempre moi similar. Comeza avaliando o muro no que vai realizar obra e vendo como podería ser posible abarcar a obra para que quede compensada. Posteriormente investiga a zona en termos de flora para saber cales son as máis habituais e poder plasmalas no muro. Da mesma maneira intenta conectalas ca vida das persoas da zona, ver como pode crear lazos entre o que retrata e o que se encontra ó seu arredor. Á hora de realizar a obra usa pinturas plásticas e de minerais de silicato, nesta última tempada prefire primar estas últimas porque son máis duradeiras e menos contaminantes.
A maior inspiración da autora é a súa relación co mundo da ciencia, da botánica, da xeografía e da física. Considera que é a maneira na que se relaciona co mundo e como este se lle descubre ante ela. Indagando no mundo que está ó seu arredor e como quere plasmalo crease unha simbiose na súa arte.
En canto a paleta cromática usada nas súas obras varia ó longo do tempo e dos diferentes proxectos que vai abarcando. Comezou usando de maneira moi prominente o branco e o negro e o dourado para os debuxos, nos primeiros proxectos de reforestando tivo predilección polos verdes azulados e as cores pasteis para as flores e as froitas. Actualmente usa unha gama de cores máis apagadas e con verdes cálidos en contraste.
Nas súas obras pretende transmitir unha idea multiperspectivista do universo. Está especialmente interesada nos diferentes puntos de vista, tenta deslocalizar o ángulo de visión do ser humano para poñerse no lugar das estrelas, do outro, de aquilo que non está sendo ollado. A artista bríndanos un exemplo actual:
“No proxecto de Reforestando no que traballo actualmente, o que procuro transmitir é o interese pola vida de esas outras, as plantas; para pensar nelas como seres e individuos, nas súas particularidades, colocalas nun lugar se suxeito e non só decorado; pensar na importancia do reino vexetal e toda a relación da humanidade con elas; un pouco de ampliar a conciencia sobre a vida das outras, esas outras vexetais”
Análise dunha obra
Rosa canina, rosa silvestre (2020) é unha intervención realizada sobre unha parede no espazo público de Ferizaj (Kosovo) durante unha residencia artística con Muralfest Kosovo e Void Projects. Durante dúas semanas a artista encontrase nun proceso de investigación da flora da zona, busca que plantas usan as persoas do lugar de xeito diario e cales son as que crecen silvestres.
Finalmente elixe a rosa silvestre porque predominaba ós arredores de onde se faría a intervención. Da mesma maneira tivo moita influencia na súa elección ver que o fruto era utilizado para facer infusións ou marmeladas, é dicir, que formaba parte da vida común das persoas que vivían alí.
Á hora de afrontarse a obra primeiro realizou un bosquexo cas diferentes partes da planta e nos seus diferentes estados (follas, flores, froitos, sementes, etc.). En canto a preparación do muro previo a pintar pensou en respectar o deterioro do mesmo, xa que reflexa dalgunha maneira a memoria do lugar: a destrución, o esquecemento, os coidados... Finalmente opta por usar pintura plástica de parede e plasma os bosquexos que tiña na gran parede.
Agarda con esta obra plasma con sinceridade e dun modo que poda chegar os habitantes da vila a rosa silvestre. Esta sempre foi coñecida pola súa beleza e propiedades beneficiosas. Da mesma maneira se espera que actúe no muro intervido, que renaza un muro deteriorado polas marcas da época bélica de Kosovo.