Cris Torrente
Cristina Torrente nace no ano 1997 na cidade da Coruña. Dende que era pequena estivo relacionada ca arte posto que apuntárona a clases de debuxo ás que asistía para aprender especialmente a técnica ao óleo. Pese ao seu interese por este mundo, os seus estudos de bacharelato non a levaron por este camiño, poñendo novamente as súas miras ao acceder á EASD Pablo Picasso (Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso); a súa formación, polo tanto, débese esencialmente ao Grao de Deseño Gráfico. Ao mesmo tempo, gañaba un diñeiro exercendo como profesora de debuxo pola súa conta.
Pese a que sempre lle gustou debuxar, o que realmente lle chamou a atención foi o mundo das tatuaxes; isto foi a raíz de que aos dezaoito anos acudise a un estudo para facerse o primeiro, polo que a partir dese momento comezou a indagar e a interesarse polo o tema. Unha vez dentro da carreira de Deseño Gráfico, iniciou unha amizade cun tatuador, quen lle ensinou moito máis sobre ese mundo. Tamén conseguiu contactar con máis xente interesada pola mesma manifestación artística e, ademais, levouna a tatuarse con máis asiduidade.
No grao tiña materias de debuxo e de composición, as cales lle servíron de moito á hora de facer os seus deseños, controlar os programas necesarios que emprega como ferramenta, etc. Sen dúbida, isto foi un aliciente á hora de sacarlle máis partido ao que ía ser o seu futuro.
Xa no último ano do grao decidiu mercar unha máquina bastante simple para tatuar coa que empezar. Montou un pequeno estudo na súa casa no que poder practicar con pel sintética e de porco ata que se decantou posteriormente a probalo en si mesma e nos seus amigos, axudando na súa aprendizaxe.
Finalmente, un estudo contactou con ela como aprendiz durante uns meses, onde cultivou de maneira máis profesional o que desenlazaría como unha profesión. A día de hoxe, despois de levar metida no mundo das tatuaxes dous anos e medio, traballa na cidade de Coruña.
Produción artística
Cris Torrente á hora de tatuar controla varios estilos, pero destaca e ten predilección polo uso da liña á que despois engade o sombreado. De feito, ten un gusto especial por facer obras de pequeno tamaño nas que incluír moito detalle, achegándose case ao micro realismo.
Para a creación dos seus deseños utiliza o Ipad como ferramenta fundamental, concretamente mediante a aplicación Procreate. Aí é onde proxecta os seus bosquexos aos que dota dunha forma final. Se son encargos o que fai é guiarse por algunha referencia visual que móstralle o cliente, adaptándoo ao seu estilo e así pasalo despois a pel.
Está especializada en blackwork, un estilo concreto pero que abarca moito derivando nun estilo propio. Consiste nunha obra sen o uso da cor, tan só do negro. O seu toque persoal é o sombreado e non soamente a liña, complementando ambos.
A outra técnica que manexa é o puntillismo ou dotwork. Dentro disto pode traballar de dúas maneiras diferentes: ou ben mediante o puntillismo como tal trazando o deseño punto por punto, ou o puntillismo de arrastre que consiste en baixar a máquina e dar pinceladas como se rascáramos a pel. Isto pode levalo a cabo ao ter uns botes de tinta ou
caps nos que introduce, por exemplo, tinta negra ao cento por cento, outros con algunha mestura, tan só cunha gota de tinta... e o que fai é ir pinchando, limpando a agulla e recollendo de cada bote para facer un degradado. É unha técnica que cura rápido, que non doe e que normalmente non da problemas.
Á hora da temática móvese nunha infinidade delas, máis o seu gusto remítese aos animais, á botánica e os corpos femininos. En ocasións incluso mestura algunhas delas para crear deseños apaixonantes. De feito, no estudo no que traballa motivou unha iniciativa moi curiosa posto que fixo un xogo de “Tattoo ao azar” no que meteu en bolas deseños variados. A xente paga unha cantidade de diñeiro e cáelle unha destas bolas e o deseño que lle toque ten que tatualo, incluso algúns esperan ao resultado final para velo.
Este interese polo mundo dos tatuaxes non soamente o proxecta nas persoas alleas, senón que o seu propio corpo está cuberto de obras que plasman o estilo que máis lle gusta traballar: o ornamental, con sombras, con bloques negros, detalle e puntillismo.
Análise dunha obra
“Sen título” é unha obra realizada por Cris Torrente en 2021. Está composta por dous elementos: a lúa e a serpe, cun fin puramente estético.
O proceso que segue a artista para chegar a obra final comeza co deseño no programa Procreate. Esta ferramenta ten unha serie de facilidades como é un pincel especial para a técnica do puntillismo. Tras ter o deseño rematado, pásao a un calco que irá sobre a pel pero no que tan só aparece o contorno. Unha vez comeza a tatuar guíase polo deseño que ten no Ipad e así dunha maneira visual sabe onde debe facer os degradados pertinentes.
A técnica utilizada é a do puntillismo, semellándose moito a de Handpoke. Faise punto por punto con tres caps diferentes: uno cen por cento negro, outro cincuenta por cento negro é finalmente dun quince por cento. Iso si, debe ir limpando a agulla cando cambia de caps para que non contamine as mesturas. Comeza cas liñas da lúa, feitas cunha agulla de 3rl que é moi fina. Para iso a máquina configurouna nunha voltaxe normal. Sen embargo, para as zonas de punto baixa esa voltaxe case ao mínimo xa que así a agulla vai moito máis lenta. Nun primeiro momento fai o contorno con puntos da forma da serpe e despois enche o deseño. As zonas máis escuras consígueas facendo unha maior cantidade de puntos cun negro puro, mentres que para as zonas claras reduce o número de puntos e o negro é máis augado. O último que fai é o degradado.