top of page
carolinabouza.jpeg

Carolina Bouza

  • Instagram
  • Negro del icono de Blogger

Carolina Bouza naceu no ano 1997 en San Sadurniño. Durante a súa infancia pasou longo tempo na casa da súa avoa onde comezou a ter contacto directo coa creación debuxando nas guías telefónicas das Páxinas Amarelas. Aínda que a súa nai lle mercou un caderno violeta, sempre lle gustou máis bocetar e deixar voar a súa imaxinación nestes libros cheos de números. 

 

No ámbito escolar, foi unha rapaza que destacou nas disciplinas artísticas. Acostumaba gañar concursos infantís de debuxo como o das postais de Nadal ou o da Feira de Prantación celebrado preto da escola. Mentres outros compañeiros deixaban de debuxar co paso do tempo, Carolina seguiu realizando esta actividade ata que chegou ao bacharelato. Esta práctica era para ela un entretemento polo que posteriormente optou polo grao en Arquitectura. Nos dous anos nos que se estivo formando como arquitecta, decatouse de que o que máis lle chamaba á atención desos estudos era a parte proxectual e as actividades de debuxo a man alzada. Dese xeito, pese a que foi unha decisión difícil, ingresou en Belas Artes, grao que rematou este mesmo ano. Actualmente está cursando o mestrado de Deseño e Dirección Artística en Moda en Esdemga, escola de Moda de Pontevedra. Optou por esta formación pola saída profesional e para facela evolucionar debuxísticamente, xa que considera que pode levar as súas creacións a outros niveis. 

 

Carolina comezou no mundo laboral a través da creación dunha conta artística en Instagram na que ía publicando diariamente debuxos en cor e tinta, técnicas que empregaba nese intre xa que ficaba estudando arquitectura. Tivo unha boa acollida polo público virtual e cada vez evolucionaba cára unha linguaxe propia caracterizando os seus personaxes con antromorfismos e grandes narices. O empuxón decisivo chegou cando recibiu o seu primeiro encargo. Tratábase da realización de dúas ilustracións que lle fixeron crer que o debuxo era o seu camiño e que debía deixar a arquitectura para adicarse ao seu soño.

Posteriormente, durante a súa participación nun mercado urbán no que levaba prints e camisetas, as responsables da Concept Store ofrecéronlle expoñer as súas creacións. Tras ese primeiro contacto co mundo expositivo foron chegando máis oportunidades como a exposición individual no Castelo de Moeche ou no concello do seu pobo. Unha antiga mestra de debuxo tamén lle propuxo expoñer colectivamente no Centro Torrente Ballester e ese mesmo ano estivo co seu traballo de fin de grao no Pazo da Cultura de Pontevedra, xunto con outros compañeiros.

Actualmente, rematou de traballar na súa páxina web (carolinabouza.com) onde publica os seus proxectos artísticos, a súa biografía e a parte da tenda online. A conta artística en Instagram sérvelle para publicar os procesos creativos e promocionar os productos que ten á venda, a maioría prints de edición limitada firmados á man e algún que outro orixinal. Tamén vende as súas obras a través da plataforma na rede dun proxecto artístico chamado La Nona Olimpia, onde moitos artistas expoñen e comercializan con todo tipo de expresións e creacións.

Produción artística

Para a elaboración das súas ilustracións, as técnicas que máis emprega a artista son a da tinta e o grafito. Con este último é co que máis cómoda se encontra á hora de traballar xa que lle interesan máis os resultados monocromos. Aínda así, o toque de cor que en poucas ocasións emprega ven da man dos lapis acuarelables ArtGraph ou das ceras Manley. Recentemente comezou a utilizar o gouache para colorear as súas ilustracións, e mesmo nun futuro lle gustaría experimentar coas técnicas do óleo e o acrílico pero polo de agora o tempo non llo permite. No ámbito da cor a artista sintese insegura xa que é un aspecto que emprega pouco e no que ten que seguir formándose. É por iso polo que carece dunha paleta cromática persoal e adoita empregar o pigmento vermello, polo que ten predilección dende nena por ser estético e chamativo.

O soporte que utiliza é o papel xa que se trata dun material barato e conta cunha ampla variedade  de tipoloxías de fácil alcance. As follas non precisan unha preparación previa para ser empregadas e son as máis adecuadas para traballar coa tinta e o grafito. Aínda que non ten un formato permanente, sí opta pola elaboración de obras en maior formato, partindo dos 50x70 cm.

 

A cuestión en canto á súa inspiración é algo que lle quita o sono a Carolina. No seu traballo de fin de grao tentou aclararse e chegou á conclusión de que as súas ideas habitaban ‘’nun mundo imaxinario distópico con regras cambiantes e unha chea de personaxes convivindo entre sí, con moitas ganas de facer e de mostrarse’’. Pero sen dúbida o que máis lle axuda para exercitar a súa imaxinación é o consumo de obras de diferentes artistas. Encántalle viaxar a Madrid para visitar as mellores exposicións ou moverse polas distintas rexións se hai contido que lle chame a atención. Esta actividade dalle o impulso necesario para seguir traballando e creando para que todo o mundo coñeza o que fai.

Grazas a todos estos estímulos, a artista opta pola figuración, creando personaxes con deformacións en diferentes situacións. A artista conta: ‘’gústame o figurativo porque creo que debuxo dende min, dende o meu interior’’.

Carolina mostra nas obras a súa personalidade e o seu mundo interior xa que precisa que sexa visto dalgunha maneira. É consciente de que o que mostra pode ser xulgado, admirado ou condenado, xa que as vivencias e as propias ideas de cada un condicionan a visualización e entendemento das ilustracións. A pesar do que ela quere transmitir, existen máis puntos de vista e lecturas totalmente válidos. 

Análise dunha obra

Yo conmigo trátase dun proxecto composto por dez debuxos realizados a grafito sobre papel artesán Magnani de 140g. Conta Carolina que nel explora ‘’o que é habitar nun mesmo a través de personaxes de gran masa na cal a gravidade e o tempo actúan máis rápido do común’’. 

 

Alfred Kubin fala no seu libro O traballo do debuxante de pantasmas que nos rodean toda a vida, máis o que está máis preto é o do noso propio corpo. A través das posicións imposibles e deformidades dos corpos quere reflexar os seus estados mentais. O espectador desa maneira pódese sentir reflexado grazas ás súas experiencias neses corpos amorfos e nas posturas retorcidas.

YoConmigo1.jpeg
YoConmigo2.jpeg
bottom of page