top of page
Blanca Vila.JPG

BLANCA VILA

  • Instagram

Blanca Vila nace no ano 1993 na cidade de Ferrol. A artista admite que non ten recordos de estar interesada na arte como tal cando aínda era pequena, pero segundo súa nai si que lle gustaba moito debuxar e xa apuntaba maneiras. Por isto decide que sería algo moi enriquecedor apuntala a clases de debuxo con oito anos tras ver nela algo especial; acaba deixándoo pouco despois.


Pasa o tempo pero non deixa de debuxar, recordando sempre o seu gusto pola creación de personaxes, debuxos animados, caricaturas, etc. Non se lle pasara pola mente nunca o feito de querer ser debuxante, xa que o máis coñecido para ela e para moitas persoas era a figura do pintor ou da pintora. O que é unha problemática da que pouco a pouco estamos tomando máis conciencia. Ela mesma fai referencia a isto: “Eu nunca souben que podía ser debuxante, sabes? Porque claro, pintor si, pero debuxante, ilustradora... Non se me ocorreu pensar que os debuxos animados están feitos por persoas”.


Despois da ESO quixo facer o bacharelato artístico, pero tiña que cambiar de instituto, polo que acabou apartando esa idea. O que si fixo foi volver ás clases de debuxo xunto ao mesmo profesor de facía anos, pero volveu a deixalas co paso do tempo. Blanca descubre que hai un ciclo de ilustración ao que non chega a entrar e fai algo que non ten nada que ver con ningunha disciplina artística; aínda así non deixa de debuxar.


A academia onde a artista acudía en diferentes fases da súa vida era dun amigo da familia, polo que tiña a confianza suficiente para volver a apuntarse cando ela quixera, o que fixo que volvese no momento que el tamén precisaba axuda cos nenos que acudían, polo que Blanca empezou a dar clases alí tamén. Nesta época entrou no ciclo de Ilustración da Pablo Picasso e ao rematar traballou nunha tenda de roupa deportiva mentres seguía coas clases.


Neste momento é cando empeza a recibir solicitudes para encargos personalizados, sobre todo polo boca a boca, chegando a moitas persoas da súa cidade natal; tamén fai traballos para algunha marca, tendas, carteis, etc., algo moi puntual pero que lle permitiu darse de alta como autónoma e adicarse plenamente a isto.


Actualmente a artista non conta con ningunha exposición feita, pero si que é algo que lle gustaría nun futuro. A problemática disto é que lle gustaría realizala tendo un tema en concreto ao que aludir, é dicir, non facela de maneira que presente as súas obras sen ningunha conexión entre elas. A maiores un dos soños sería a creación dun espazo artístico para poder seguir coas clases de pintura e ampliar isto a talleres con distintas disciplinas, charlas, profesionais, etc. É dicir, “crear un lugar que lle guste a calquera sen ter que ser una persoa creativa”, di Blanca. Onde se poida ir a pasar o tempo dunha maneira diferente.

Produción artística

Como a maioría das obras da artista están atadas aos encargos personalizados, o proceso creativo que leva a cabo é moito máis sinxelo. Nun primeiro momento o cliente ponse en contacto a través das redes con ela, expresa o que quere – case sempre algún retrato concreto a través dunha fotografía ou dunha idea ou recordo – e a artista fai bosquexos a partir desa información. O seu gusto pola moda, especialmente a urbana, fai que Blanca poña moita atención nos detalles da roupa das súas personaxes, é dicir, que se poidan identificar con claridade as marcas e a moda dese momento. Por este motivo unha das súas maiores canles de inspiración a dia de hoxe son as redes sociais, tanto instagram ou pinterest, nas que pode ver todo tipo de arte, dende fotografía, contido audiovisual ata moda, pintura, escultura, etc. Tamén toma moita referencia da xente que ve pola rúa, pois é moi observadora e ve como cada persoa combina a súa roupa de diferente maneira, encontrando novos modelos que poder ilustrar.


A súa obra é completamente dixital, dende que emprega o Ipad Pro non quere deixalo, di a artista. Ten unha ampla funcionalidade coa variedade de ferramentas para a súa creación, empregando o lapis para os primeiros bosquexos e as liñas e logo para colorealo por dentro, sen contar a gran rapidez que lle aporta na súa creación. Aínda así non abandona de todo os bosquexos en físico, o lapis e a pintura grazas ás clases de pintura que segue a dar a nenos.


Normalmente sérvese dun fondo plano, feito que a artista achaca a que non o controla totalmente, e como para ela o resultado ten que ser perfecto, considera que é mellor deixalo deste xeito. Tamén se considera unha persoa impaciente, polo que pode pasarse horas debuxando, pero non nun mesmo debuxo porque é algo que a frustra. Gusta das expresións faciais neutrais que mostren un instante concreto máis que un sorriso forzado ou sen contexto.


En canto ás cores que emprega no seu traballo, a artista explica que sempre foi algo que lle custou moito xa que dende cativa ela debuxaba moito en branco e negro, a lapis. Por iso as veces recorre a páxinas web con paletas xa feitas. Pero como lle gusta combinar a vestimenta das súas personaxes fíxase máis niso que na propia paleta cromática final. Fai pouco realizou a portada para un libro da editorial – Cuarto de inverno –, onde si se arriscou a empregar unha paleta de cores en morados.

Análise dunha obra

Patín (2021) é unha das obras favoritas da artista ata agora. Normalmente fai debuxos con liña para logo colorear o seu interior, sobre todo para encargos, pero as veces apetécelle cambiar e facelo directamente en cor, sen perfilar como neste caso. Quería variar con esa técnica e con ferramentas distintas.


Dende o principio sabía que quería facer a unha rapaza montada en monopatín, pois tiña esa idea predeterminada xa que é un deporte que lle gusta moito, sendo tamén o que practica a súa parella e o estilo de vestir que se asocia a el, pero non sabía como o quería ilustrar. Primeiro realizou moitos bosquexos sobre as diferentes posturas, buscando a que máis se axustase ao seu gusto.


Tiña claro tamén que quería representar a unha rapaza xa que en Ferrol apenas as hai, pero sabe da existencia dunha revista, Dolores Magazine, que lle encanta mirar de vez en cando. Delas recolle moita da inspiración para esta obra.


O resultado final foi o dunha rapaza sobre un monopatín que ten o pelo louro e longo, que leva unha gorra vermella na cabeza, piercings e unha vestimenta moi recoñecible dentro do estilo urbano que gusta á artista. Ela non os disfraza, senón que os viste como ela se vestiría. Aquí vemos unha camiseta solta, sobre todo nas mangas a raias negras, unhas bermudas, uns calcetíns altos e unhas Nike de cor pistacho. Despois sentía que lle quedara algo “soso”, polo que quixo esaxerala máis agregándolle algunha tatuaxe nas pernas de nocello de elefante, remarcando así máis a planimetría do debuxo.


Por último, para agregar algo de movemento emprega as tres pequenas liñas da parte de atrás do monopatín xunto á postura da propia rapaza co pelo ondulante, a camiseta negra e os cordóns dos zapatos.

Patín .jpg
bottom of page