BELÉN POTEL
Belén Potel Conde é unha artista do ano 1996 procedente de Valga, provincia de Pontevedra. A pintura foi un atractivo para a súa persoa dende que era pequena, acudindo a clases de pintura ca idade de seis anos. Neste tempo aprendeu e practicou a técnica ao óleo, ademais de coñecer as pinturas de grandes mestres da arte.
A súa época de formación foi na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Nestas ensinanzas inclúese nun primeiro momento un pouco do que é a Historia da Arte, polo que Belén recreouse aínda máis na súa afección pola pintura. Comezou entón a consumir máis arte e, especialmente, interesouse polo Impresionismo.
Iniciouse no mundo da maquillaxe de maneira autodidacta a través de vídeos que atopou na rede e, decidiu mesturar o gusto que tiña dende cativa pola arte co seu novo descubrimento. É así como pasou dun soporte coma o lenzo á pel. A zona que optou por abordar nun primeiro momento foi o seu propio rostro.
Medrou como artista grazas ao apoio da xente, pois motivouna a continuar con este “experimento” que levou a cabo. Desde xeito, incluso foi partícipe en curtametraxes e sesións de fotografía como maquilladora.
Produción artística
O proceso creativo da artista comeza ca indagación en libros de arte, pois é o medio principal para atopar a inspiración. Non vai ca idea de representar un cadro concreto senón que espera a que algunha obra, no preciso momento, chame a súa atención. É entón cando intenta cadrar e encaixar esa pintura no rostro en forma de maquillaxe.
Para levar a cabo esta labor utiliza pintura á auga xa que é a máis sinxela á hora de lavar o rostro. Os pinceis cos que plasma a súa obra son propios de maquillaxe, aínda que pode chegar a usar os de belas artes. A mestura das cores faina nunha paleta. Ao final a metodoloxía é similar á dunha pintura en lenzo, pero o cambio máis notorio é o soporte.
Principalmente opta por cubrir o seu propio rostro. A ferramenta esencial entón é o espello con aumento. As zonas máis sinxelas son aquelas que están no centro da faciana, mentres que ao achegarse ós laterais e as orellas complícase. Tampouco é doado o relacionado co peito e os ombros. Tivo que aprender a traballar a través do reflexo, polo que necesita cadrar todo ao milímetro e que así non suceda que algunhas partes queden desproporcionadas.
O reflexo é un elemento que manexa para darlle forma ás obras que plasma na súa faciana, mais aventurouse e tivo un acercamento ao que poderíamos definir como body painting. Dende os seus comezos tivo curiosidade por probar a pintar nun corpo alleo, pero nunca se dera a situación, non tiña ese soporte. Xunto cun compañeiro dotaron de forma a este proxecto e representaron unha obra que para o rostro quedábase pequena: “Sueño causado por el vuelo de una abeja alrededor de una granada un segundo antes de despertar”, de Salvador Dalí.
A influencia na que pon as miras é principalmente o Impresionismo. Sen embargo, non descarta outras correntes artísticas pois intenta representar obras de grandes mestres que sexan inspiradoras para ela, tanto pola cor como pola pincelada. Ao final no que máis empeño pon é nas cores e o uso da mancha, que é o que máis chama a súa atención.
Con todo, o final trátase dun arte que é efémero, no que tan só queda a inmortalidade da fotografía. É por iso que adquiriu material e un pouco de coñecemento sobre fotografía para deixar esa mostra da súa obra. Aínda así, a artista non considera que sexa suficiente nin que realmente sexa un reflexo das horas de traballo, polo que optou por gravar en vídeos o proceso creativo. Así queda constancia real da súa labor.
Análise dunha obra
“Sen título” (2020) é unha obra inspirada no artista Alex Voinea, o cal fai cadros a través do uso da mancha mesturando cores rechamantes. Belén fixo unha reinterpretación da súa produción inspirándose no degradado do fondo e as cores.
Trátase dunha maquillaxe diferente ó resto posto que incorpora un novo material: os fíos. Comezou co degradado do fondo ca mestura de cores vivas, enmarcando os seus ollos co branco. A esa maquillaxe aplicada mediante a pintura á auga, engadiulle entón a textura co enrolamento de fíos, tamén de diversas cores. A estes fíos dáballe voltas para crear formas abstractas que representaban as manchas do artista no que se inspirou, e que finalmente adheriu a súa faciana.