Bea Gregores
Bea Gregores é unha ilustradora editorial nada en Vigo no ano 1995. Nunca tivo uns intereses destacables pola arte nin medrou con ningún referente artístico ata que, sobre os oito anos, ocorreu un feito que lle fixo cambiar a súa opinión e perspectiva.
Cando era cativa, observaba como o seu irmán maior era unha persoa moi polifacética que tocaba varios instrumentos, sacaba boas notas e mesmo debuxaba. Tras gañar un concurso de debuxo do colexio, a mestra de Bea colgou o seu traballo do armario da aula para que todos os nenos puidesen aprecialo, e dese xeito quedaban abraiados coa creación de seu irmán. A Bea amoláballe a situación, ela tamén quería ser boa nalgunha habilidade como tocar a guitarra ou sacar boas notas, mais acabou cun lapis na man que non volveu a deixar nunca.
Tras ese capítulo da súa nenez, Bea adicouse sempre ao mundo artístico graduándose en Belas Artes na Universidade de Vigo, na Facultade de Belas Artes en Pontevedra e máis tarde realizando o mestrado especializado en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual.
Durante os anos finais da universidade inverteu parte do seu tempo na montaxe de exposicións, colaborar en proxectos e presentarse a concursos como preparación para o mundo laboral e profesional. Nalgunhas convocatorias ás que se presentou resultou premiada, entre eles están o Premio Xuventude Crea. Sección Banda Deseñada 2017; primeiro premio A Palabra Pintada da Fundación Ankaria, na categoría Artista Xove 2017; o primeiro galardón no IV Concurso de Cómic de Reinosa no ano 2019 e o segundo premio nos Premios Curuxa 2019, na categoría Curuxa Nova.
Entre as exposicións nas que traballou están a da Sala Municipal de Exposiciones Las Francesas; A Palabra Pintada coa Fundación Ankaria en Valladolid no ano 2018; o Salón do Libro do 2018; a FIG Bilbao 2017, a Feira de Gravado coa Fundación Ankaria; a chamada Do Final e Do Comezo, ano 2017, e o comisariado da exposición do 2017, A Loba da Fada en Pontevedra.
No ano 2020, despois de realizar as prácticas na empresa da Editorial Galaxia e ilustrar o libro de Antonio García Teijeiro, ‘’Bicos e non Balas’’, decidiu encamiñarse cara a ilustración rofesional. Deste xeito publicou o seu primeiro álbum ilustrado xunto coa escritora Eva Mejuto titulado ‘’A lavandeira de San Simón’’.
Ese foi o punto de partida para os demais álbums ilustrados que viñeron despois, como o de ‘’Emilia Pardo Bazán, unha mente poderosa’’ de María Canosa coa Editorial Bululú, ‘’Douche a miña palabra’’ de Fran Alonso con Xerais, ou a ‘’A caca cuca’’ de Irene A. Gasalla, Editorial Galaxia. Tamén traballou en colaboracións co Consello da Cultura Galega como a do libro homenaxe a Xela Arias ‘’¡Non te amola!’’ e a iniciativa Xela & Gianni.
Produción artística
A técnica que emprega Bea Gregores para realizar as súas obras é a do acrílico sobre papeis con alto gramaxe. Gústalle moito tratar a arte dunha maneira máis tradicional, traballando coas mans, xa que o papel proporciónalle máis posibilidades á hora de adaptarse ás súas necesidades. Dese xeito ten máis liberdade para a manipulación do papel, podendo xiralo, dobralo ou mesmo manchalo. Aínda que sinte amor polo facer convencional, non rexeita explorar os medios dixitais para futuros proxectos.
A paleta cromática que aplica no papel, no seu conxunto, transmite unha sensación cálida, mais por separado está composta por un contraste entre cores vivas coma o ocre ou vermello, e cores máis apagadas como o azul case gris ou o verde amarronado. Bea afirma que o emprego desta gama tan contrastada fai que sexa máis sinxelo achegarse ás emocións que transmiten os personaxes ao longo da historia narrada.
Para Bea Gregores, a inspiración ‘’non é consecuencia dunha busca específica, se non máis ben dunha reflexión activa constante, xa sexa camiñando pola rúa, vendo unha película, escoitando unha canción ou lendo un libro’’. Para ela as influencias están na vida do artista e na contemplación da propia. Sinte que en ocasións se centran as miras no ámbito no que cada un traballa, no seu caso a ilustración, e non ten por qué ser así, xa que a inspiración está no día a día. Pero o mesmo opina do estilo que desenrolan os artistas co paso do tempo. A maneira de facer ‘’ten moito que ver coa contemplación, quizais neste caso, introspectiva, que vai mutando e evolucionando’’. O seu estilo responde ás influencias de toda unha corrente global de ilustradores, polo que non pode autodefinirse como peculiar no aspecto formal. Aínda así, na parte emocional as súas creacións proxectan no observador un sentimento de calma e calidez, incluso cando tratan temas máis duros ou de reflexión.
A temática que emprega a artista nas súas obras ven condicionada polos escritores e as súas creacións. Para ela, a parte máis bonita de realizar álbums ilustrados é a de introducirse nas historias alleas, unhas contemplacións moi distintas ás dela. Para poder poñer imaxe a todo isto, é necesario o entendemento e a mestura de ambas visións do mundo para que a creación final sexa conxunta e compacta.
Concretamente interesanlle moito os libros que deixan atrás os contos infantilizados e tratan aos cativos como persoas con altas capacidades emocionais e reflexivas. A Bea Gregores gustaríalle que as súas ilustracións axudasen aos nenos e nenas a reflexionar sobre temas como a recuperación do pasado histórico a través de personaxes e sucesos importantes que quedaron no esquecemento, asuntos como o maltrato, a saúde mental, o acoso, a discriminación…Facer aos cativos suxeitos partícipes sen ter un papel infantilizado. Invítalos a reflexionar e a poder desenrolar un pensamento crítico con valores propios, que serán a base para forxar a súa mente adulta. ‘’Unha mente curiosa, que desexa saber e coñecer, é unha mente libre. E non creo que exista maior regalo nesta vida que a liberdade’’, afirma Bea.
Análise dunha obra
A Lavandeira de San Simón é un álbum ilustrado do ano 2020 que recolle a historia das mulleres que desinteresadamente axudaron aos presos da illa de San Simón, un campo de concentración durante a Guerra Civil onde morreron máis de seis mil homes. Esta presencia feminina lavaba a roupa, achegaba comida, e mesmo levaba cartas aos internos, moitas veces sendo completos descoñecidos.
A realización deste libro durou tres meses de traballo, cunha elaborada labor de investigación onde se buscaron testemuñas, fotografías e información dos familiares que gardaban os recordos das experiencias dos seus antepasados. Tamén foron necesarios viaxes á propia illa e arredores e, a visualización dos documentais que falasen sobre este territorio.
As ilustracións están feitas coa técnica do acrílico en papel, e cada unha delas está influenciada polas fotografías que se conservan daqueles tempos, recollendo dende unha esquematización dos personaxes, as vestimentas e os espazos nos que sucedeu a historia. Este álbum ilustra a importancia que lle da a artista á recuperación da memoria histórica. O significado cultural está proxectado no proxecto e é necesario para a reflexión sobre o noso pasado e as voces daquelas que nun contexto de guerra fixeron o mundo máis humano.
Para a artista este libro tamén ten un gran peso emocional posto que foi o punto de partida para a súa carreira profesional. Coñeceu moitos aspectos do álbum ilustrado que descoñecía ademais de forxar unha especial relación coa autora Eva Mejuto, a cal segue crecendo na actualidade.
Bea Gregores, a maiores, di: ‘’gustaríame que as miñas ilustracións transmitisen ao lector o peso desta gran historia, onde a valentía destas heroínas do anonimato axudaron a cambiar o mundo para mellor’’.