top of page
1630066719967.jpg

AROA OUTÓN

  • Instagram
  • Negro del icono de Blogger

Aroa Outón naceu no ano 1997 no municipio pontevedrés de Barro. Dende a infancia recibiu preparación artística, posto que na escola mostraba un amplo interés polo debuxo e as manualidades. A súa formación na pintura ao óleo comezou durante a estancia na educación primaria onde pintou os seus primeiros lenzos con temática paisaxística e floral. É nese espazo temporal onde gaña algúns concursos infantís sobre arte e escultura do seu pobo, como por exemplo a realización da ilustración da mascota do seu colexio.

Durante a súa adolescencia Aroa seguiu a formación na pintura ao óleo profundizando máis no estudo da luz e sobre todo na cor. As leccións que recibiu baseáronse na reprodución de obras impresionistas de Sorolla, Renoir ou Monet, sendo este último o seu preferido para plasmar os seus estudos. Durante a estancia realizando este tipo de pintura descubriu a mancha, a importancia das cores e da luz e a pérdida da forma académica. Estes aspectos foron claves para o seu crecemento posterior como artista propia xa que deixaba atrás un pensamento clásico sobre a realización de obras realistas. Achou por exemplo que a composición figurativa como a das flores non tiña por qué ser realizada á perfección se non que eran válidas as pinceladas soltas e as manchas de cor.

Anos máis tarde, realizou o bacharelato artístico no IES A Xunqueira I e de seguido optou polo ingreso no Grao en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. O estudo de numerosos artistas e o descubrimento de técnicas e movementos nutriu o desenvolvemento artístico de Aroa realizando obras cada vez máis persoais. 

Produción artística

As obras de Aroa Outón están repletas dunha personalidade marcada polas leccións impresionistas da súa infancia. O estudo durante anos da cor e da mancha influíron de forma especial nas súas creacións actuais. A mestura de pigmentos é a protagonista dos lenzos, aínda que os temas que elixe para cada un deles sexan figurativos. O abandono da forma académica da anatomía é clara, e opta por unha maneira máis espontánea e persoal do debuxo. Deste xeito, o espectador queda abraiado polas cores brillantes e as mesturas; non tanto pola realización correcta das formas.

 

A técnica en acrílico permitelle un tratamento máis lixeiro dos trazos e unha maior rapidez no secado; dese xeito a mancha pode ir sobreposicionada sen ter que agardar para volver pintar. Coa técnica das pinceladas veloces Aroa pinta as súas obras nun curto período de tempo, xa que aborrece invertir cantidade de días na realización dunha pintura. 

 

Dentro da gama cromática, as cores que máis emprega Aroa son os rosas, tanto tonos pálidos como os corais; os azuis que van dende os máis claros ata os máis profundos, o branco e negro que son imprescindibles para o tratamento da luz e o amarelo. Este último ten un protagonismo especial, xa que en numerosas ocasións emprega esta cor para tratar os fondos dos lenzos, que carecen de paisaxismo. O amarelo é sen dúbida para a artista a expresión da alegría e do dinamismo, unha aposta segura polo colorismo e pola reacción positiva do público cara as súas obras.

 

A figuración inunda os lenzos de Aroa seguindo sempre a mesma temática, a feminidade. O tratamento da muller como protagonista das súas obras ven influído pola súa familia a cal é integrada únicamente por mulleres. As súas vivencias cotiás son as que a inspiran para o tratamento pictórico xa que observa de preto a anatomía, o pensamento e a natureza feminina. Dese xeito retrata en varias ocasións á súa avoa, coa que convive e ten a sorte de observala e tratala para captar a súa esencia nun lenzo.

A vida no rural galego tamén repercute nas súas pinturas. Nalgunhas obras opta pola decoración floral, feito que vai moi unido coa vexetación, as paisaxes, a terra, a labranza e demáis aspectos que rodean a existencia nas aldeas en Galicia.

O seu pensamento cara o mundo artístico ten moito que ver tamén nos seus proxectos. Aroa cree nunha arte que poida ser apreciada por todos e todas e que cause unha reacción superficial e primaria de quen mira as súas pinturas. O tema ten un peso menor que o decorativismo dos lenzos. Ese colorismo quere que poida ser entendido por toda a sociedade sen intentar comprender mensaxes ocultos que a cotío esconden algunhas expresións artísticas. Coa decoración e co brillo das cores quere conseguir que calquera poida ter un gusto especialmente positivo e dese xeito poida adquirir a obra sen ter vergoña a non poder comprendela. A arte debe estar ao servizo de todos e de todas, debe ser humilde e poder estar ao alcance de quen queira disfrutala.

Análise dunha obra

A Muller do pelo azul ou a Fiestra foi pintada por Aroa Outón unha tarde do ano 2018. O lenzo orixinariamente pertencía á súa nai, que o tiña gardado a causa dun racho na parte inferior. A artista decidiu darlle unha nova vida e sacar proveito á tea que ía ser enviada ao lixo. Tras analizar as dimensións do bastidor, decidiu que o ideal para a súa pintura era trasladar ao aclírico un debuxo en acuarela que tiña nun caderno de bocetos.

O tema preferido de Aroa para a creación artística é a feminidade, dese xeito a protagonista da obra é unha muller. O tratamento anatómico desta está totalmente deformado cara un estilo moi persoal, lonxe dos modelos académicos e realistas que a artista aborrece. Un dos puntos de maior interese está nos ollos da dama que mira directamente ao espectador. Aroa pon moito empeño na realización dunha ollada penetrante, cunha maior cantidade de cores que destacan o enclave principal co que o público contacta.

As leccións de mancha impresionista da súa infancia repercuten claramente neste proxecto. A pincelada que emprega é rápida e curta, mesturando as cores dunha maneira armónica. As áreas de maior incidencia da luz son tratadas con tons brancos ou rosas pálidos mentres que as zonas ensombrecidas teñen un aspecto agrisado e morado. O negro só se visualiza na faciana da figura e no cabelo, onde está presente para dar forza á composición.


A breve pincelada aínda se acurta máis para o tratamento vexetal do cadro. As flores son tratadas con simples toques de pincel que chegan a semellar o puntillismo. As tonalidades verdes foron colocadas primeiro creando unha especie de base de follas para logo enriba dar protagonismo aos centos de puntos da representación floral. Este modo de traballar ven influído polas leccións da súa infancia sobre os paisaxismos de Monet, onde Aroa copiaba obras do artista francés nas que os xardíns e a vexetación eran manchas arbitrarias de cor.
O tratamento do fondo é totalmente plano, agás pola representación dun rectángulo amarelo que se asocia cunha fiestra. Esta figura xeométrica aporta encadre e forza á composición, ademáis de que o amarelo é unha cor brillante e imprescindible nas obras da pintora.

A composición final da obra é o reflexo dun estilo propio que se foi forxando a través dos anos mediante o estudo dos diferentes movementos pictóricos da historia da arte. A mancha, as pinceladas rápidas, a mestura dos pigmentos e a cantidade de cor que porta a tea, converte a obra nunha representación da alegría e das boas vibracións. A artista, dese xeito, consegue que o cadro sexa decorativo e atraia ao público polo seu estilo rechamante e colorido.

bottom of page