top of page
ariannecristielartist.jpg

ARIANNE CRISTIEL

  • Instagram
  • Negro del icono de Blogger

Arianne Cristiel Dapena Álvarez (Caracas, 7 de Setembro de 1987) é unha artista visual natural de As Marabillas (Cartelle, Ourense) quen utiliza o colaxe analóxico e os medios mixtos como forma de expresión artística.


Estudou Xeografía e Historia e fotografía na Universidade de Vigo e fotografía en Madrid. A súa relación co mundo das artes comezou na infancia, inmediatamente despois de aprender a ler. A través dos libros que había na biblioteca dos seus avós, e de maneira natural iniciou un percorrido literario que remataría na súa madurez, escribindo narrativa, principalmente nas redes, onde acadou certa notoriedade co seu blogue persoal ¨O soño Sulagado”, baixo o seudónimo de A. Schreiber. Por outra banda, Arianne tamén escribiu para cine sendo guionista da película “Absolución de Juan Alfredo Amil”, que se estreará no vindeiro 2024 en cooproducción con Televisión Española


Non é ata o dous mil catorce cando decide mergullarse totalmente no mundo artístico da man do colaxe analóxico, tomando todos aqueles fragmentos de papeis e fotografías antigas que coleccionou ó longo da súa vida, comezando así unha viaxe artística e persoal en constante evolución.
 

Produción artística

Unha das máximas da súa produción é: “sen cor non hai beleza”. A cor convértese nunha constante dende os seus inicios, pero especialmente unha paleta de cores moi específica, os tons rosados. Arianne vencella esta cor co optimismo, a liberdade, o descaro e os avances sociais dos últimos anos. Podemos definir os seus colaxes como vibrantes manifestos do mundo no que vivimos.


Dende un punto de vista máis introspectivo, podemos dicir que a artista decantouse polo colaxe, xa que ela mesma se considera un; xa que pertence a un pouco de ambos mundos: Latinoamérica e Galicia. Viviu entre dous continentes, e afirma que estamos feitos de pequenos fragmentos. Polo que a artista entende o colaxe analóxico como o medio máis conectado coa súa forma de vida.


Nos últimos tempos, dado o curso natural do seu desenvolvemento artístico, non rexeita utilizar medios dixitais para certos detalles das súas pezas, incluso as técnicas mixtas con materiais tan diversos como pinturas, ceras, papeis de distintas gramaxes, cintas adhesivas ou cartóns. O seu proceso creativo comeza xusto no momento no que sae na procura do material, xa que para conseguilo ten que viaxar quilómetros e quilómetros dende a súa actual residencia, na illa de Tenerife. A súa travesía sempre comeza nun aeroporto, discorre por anticuarios ou feiras de segunda man para rematar no seu taller, onde sucede o milagre de volver a darlle vida ó esquecido.


A súa estética bebe do Kish Kitsch, o Punk ou o Barroco. O folklore galego e  español tamén é punto de partida da súas creacións, dende a movida madrileña ata toureiros e folclóricas, pasando por lavandeiras, mulleres rurais ou persoeiros galegos famosos. Nas súas influencias pódense atopar imaxes da súa nenez, dos xoguetes de Mattel ou das series de televisión das décadas dos oitenta e noventa. O gusto polo antigo ponse de manifesto no uso das fotografías as que lle da “unha segunda vida”. Sinte gran admiración polos mestres do Barroco e o Rococó, e especialmente pola escuridade de Francisco de Goya.


Os temas da súa produción son variados, case todos situados en escenarios indefinidos e con protagonistas extravagantes. Algúns destes protagonistas son: mulleres ou nenos de rostro velado, ditadores, cantaoras, iconas pop dos anos oitenta e noventa; naturezas exóticas e múltiples retratos da raíña Sabela II, os cales dan vida ao universo tecnicolor que a artista nos amosa.


A súa traxectoria viuse recoñecida nos últimos anos, coa súa participación en exposicións internacionais, tales como, o prestixioso museo das mulleres de Wiesban “O Frauen Museum” ou no “I Festival del Collage de México”, no que participou como artista invitada. O seu traballo tamén se viu plasmado en múltiples publicacións, moitas delas de corte internacional.
 

Análise dunha obra

Quizais unha das obras máis representativas da recente etapa da artista

sexa esta que analizaremos a continuación, titulada “Memorias suecas”,

unha fotografía intervida manual e dixitalmente a finais do ano 2021,

e feita expresamente tralo chamado artístico da revista italiana Collazine.


“Memorias suecas” está a mostrar unha fotografía antiga, datada no 1930,

positivada en formato vertical, en técnica sepia, e atopada en Gotemburgo, Suecia.

Con postura firme e face seria, o que máis chama a atención de esta instantánea

son as rudas faccións do individuo que se nos presenta, o cal aparece retratado

constantemente a través do tempo en outras fotografías do álbum onde se

atopou o documento.


Dita obra é un claro exemplo da produción de Arianne, coa súa paleta de

cores rosados, técnicas mixtas, escenarios indefinidos, personaxes extravagantes

e unha néboa misteriosa e solemne que se ve contrarrestada polo irreverente

zigzagueo dos peixes que cruzan, alleos por completo a todo o que acontece.


Este colaxe está realizado sobre papel fotográfico mate, e coloreado con ceras. A tonalidade amarela, un tanto esaxerada, para o pelo da cabeza e das cellas, os marróns do traxe, e o rosa saturado da pel foron pintados á man, e posteriormente sometidos a un varrido con pinceis, retirándose así as protuberancias que deixaron os pigmentos. Os cornos, engadidos posteriormente, foron rascados para parecer máis antigos do que son e os paxaros que delicadamente aniñan sobre eles, foron extraídos dunha postal moito máis recente, de aí que as súas cores sexan máis brillantes. Só as burbullas, os peixes, os halos de luz de cores e o ruído foron engadidos mediante procesos informáticos, sendo estes o contrapunto perfecto para desequilibrar o ambiente.


O obxectivo da artista con esta obra foi resaltar a estética do negativo, un enfoque que nos últimos tempos acapara gran parte da súa liña de investigación. Arianne pon sobre a mesa esta peza cun personaxe que encaixa a perfección cos seus últimos intereses estéticos: que é a fealdade e por que reaccionamos así ante ela? e que acaso non hai pracer no diferente? Resaltar a fealdade de este home foi todo un reto para a artista, quen cansada de ver que o tema primordial en moitos colaxes contemporáneos son mulleres fermosas de revistas dos anos 50, ou mellor dito, a fermosura establecida. Propón agora unha nova etapa no seu camiño, da man das estéticas máis relegadas a esquinas escuras e espazos grotescos, escenarios perfectos para todo aquilo vencellado co olvido, para os mundos do revés, e para esas estridencias que bailan no seu inconsciente.

 

ariannecristielcollage57.jpg
bottom of page