Aram Ríos
Aram Ríos é un artista nado no 1990 na cidade de Vigo. A unha idade temperá xa se atopaba afastado do convencional, pois era moi observador e experimentaba ca natureza. Ademais, tiña unha morea de libros de temática moi variada que espertaron o seu interese pola arqueoloxía e o descubrimento doutras culturas.
Adicou cinco anos da súa vida en formarse na Escola Municipal de Teatro e, un ano despois, entrou na carreira de Belas Artes motivado pola súa figura materna. Este grao realizouno en Pontevedra, onde aprendeu sobre arte, pero especialmente foi un momento de construción do seu “eu” interior. Ao rematar, continuou formándose na Universidade do País Vasco en Creación e Deseño. Isto vai marcar unha nova etapa da súa vida, pois é coñecedor da artista, profesora e amiga Izaskun Álvarez Gainza, a cal considera que lle ensinou realmente como funciona o mundo da arte e da creación. Finalmente, a súa formación académica rematou co Mestrado en Cerámica, tamén no País Vasco.
A súa traxectoria profesional tivo o seu inicio durante a súa estancia en Bilbao (2012-2016). Destaca a creación do colectivo artístico “Chimpancés con Tutú” e a participación no Bilbao Art District. Tamén foi partícipe de exposicións como Take It dentro do Festival Internacional de Gravado FIGBilbao. Así coma o comisariado e xestión da exposición Éxtasis.
Na súa volta a Galicia, adicou ano e medio ao deseño web e corporativo en formato freelance, así como a crear e xestionar a Revista de Arte Dixital Bizarresia. Neste último proxecto contou ca colaboración de catro editores que lle deron a oportunidade de crear artigos sobre o que acontecía no panorama actual a nivel nacional e internacional. Do mesmo xeito, continuou realizando exposicións entre as que destaca o Certame de Nuevos Valores, unha exposición individual en DadáGallery e, ser premiado no Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense.
Tras estas experiencias, e grazas principalmente o deseño web de Bizarresia, abríronselle as portas para traballar na empresa de moda Kraken Counter Couture en Londres, no 2017. Instálase na cidade de Brighton, coñecida por ser alternativa e rica culturalmente no Reino Unido. Neste momento, é cando experimenta e crea varias pezas que conforman a súa maduración como artista e o principio dun estilo propio.
No 2019 deixa a súa estancia en Inglaterra e volta a Vigo, pois foi seleccionado para traballar en APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral). A súa labor neste centro é realizar un taller de cerámica. Dende entón, continúa participando en diferentes exposicións como Al Cantar Brilla na Sala X de Pontevedra; XVII CERCO 2021 en Zaragoza; Jardim Encantado na Aguafurtada Gallery de Porto, entre outras.
Produción artística
Aram coñeceu a disciplina da cerámica durante a realización do grao en Deseño, pois escolleuna como optativa. Foi entón cando tivo contacto ca artista cerámica Arántzazu Temprano, persoa que motivou a súa entrada no posterior mestrado. Precisamente nese intre, é onde comeza a darse conta do comportamento e posibilidades infinitas do material. Mais é en Vigo cando crea as primeiras pezas que darán lugar a súa obra actual, realizando unha investigación no “Tinglao”, o taller cerámico de Emilia Guimeráns.
A súa produción enfócaa dun xeito variado, pois cada peza é un mundo en torno a elección do material, estudar o volume... Unha vez abordado isto, adoita facer un bosquexo, aínda que as veces nin sequera o emprega, pois comeza a modelar a arxila. Habitualmente utiliza pastas de alta temperatura como o gres ou a porcelana para as súas obras.
O artista non se centra nunha única técnica, senón que varía a través das pranchas, tiras e churros xerando unha peza base á cal se lle engade texturas e detalles. É entón cando estas toman a forma final, sendo un conglomerado de formas orgánicas. A maiores, experimenta con texturas a través de golpes repetidos con diversas ferramentas.
O seguinte paso é o bizcochado, o momento no que tras estar completamente seca a peza - tras unha temperatura sobre os mil graos -, consolídase a súa forma para posteriormente coloreala e ser vidriada. Tras unha segunda cocción, no que se denomina o terceiro lume, chega o momento de aplicar o ouro e diferentes lustres.
Desta maneira, Aram consegue un estilo que define como “meditativo, procesual e detallista”. Nas súas obras vemos unha predilección pola temática relacionada ca natureza, pois considéraa a súa fonte primaria de investigación, apaixonándolle as imaxes de botánica, insectos e o fondo mariño. Do mar é do que máis disfruta, mesmo afirma que precisa telo preto para inspirarse e, que inflúa dunha maneira potente nas súas creacións.
Con todo isto, Aram conseguiu crear unha produción que esperta curiosidade no espectador, tanto a nivel material como de forma, incluso das posibles interpretacións que pode ter cada peza. “Os principais conceptos que me gustan expresar é a maxia dos obxectos, a natureza que nos rodea cas súas formas fantásticas e imposibles. E, ao mesmo tempo, un pouco de irrealidade propia, quizás, das mentes máis surrealistas” di Ríos.
Análise dunha obra
Morfologías de la ansiedad (2019) é unha serie de pezas cerámicas da produción de Aram Ríos. Estas obras fan alusión aos diferentes desordes mentais, fobias ou ansiedades, creando seres fantásticos que ao mesmo tempo refluían parte da súa propia existencia.
A súa metodoloxía de traballo á hora de crear esta serie de pezas, comezou ca realización dun bosquexo. Nel, estudou as formas de cara á construción da obra. Unha vez o viu viable, empezou co modelado. O volume principal, primeiro sólido e despois baleiro, é alisado para servir de lenzo e comezar cas texturas e formas.
A textura inferior da peza foi realizada a través de golpes con palillos, superpondo esta textura sobre si mesma para provocar o efecto de esponxa. O resto de detalles son unha amalgama de churros, láminas e bolas con diferentes texturas que foron colocados sobre o corpo. Tras a primeira cocción, aplicouse o vidriado brillante transparente e, finalmente, procedeu a aplicación do ouro.
Aram utiliza o ouro puntualmente para resaltar detalles xa que é a súa forma, parte do seu estilo propio, para resaltar pequenas partes e xerar un contraste cromático co resto da peza. Para o artista, este material ten unha carga simbólica moi forte que lle aporta unha sensación de harmonía e fantasía.
Acudiu como fonte de inspiración á natureza, aínda que o carácter morfolóxico da peza tamén está inspirado pola representacións de seres mitolóxicos de diferentes culturas. Deste xeito, o artista buscou crear un lazo entre o espectador, a peza e o seu proceso creativo. “Ofrece preguntas, xera inquietudes e, as veces, simplemente permite xerar un momento contemplativo no que quedarse analizando os pequenos detalles que nos recordan: á flora e á fauna. Tamén fago alusión ao arte decorativo en contrapunto ao conceptualismo da arte contemporánea, non sempre é necesario un gran concepto detrás dunha obra de arte” di Aram.