Antón Díaz
Antón Díaz Sánchez, coñecido no mundo artístico como Tucho, naceu en Santiago, pero foi criado en Carballo. Dende cativo estivo ligado á arte xa que a súa tía pintaba e dese xeito iniciouse cos pinceis. Era un neno moi introvertido e a afección de pintar era algo que lle gustaba grandemente polo que aos oito anos comezou a recibir formación artística ata o seu ingreso no bacharelato. Nese momento optou pola rama tecnolóxica xa que a súa idea era ser arquitecto. Con todo, finalmente puxo as súas miras no Grao en Belas Artes da Universidade de Salamanca e no terceiro ano realizou un intercambio a Porto Rico.
Na súa estancia na illa do Caribe descubriu un amor especial pola pintura. A morriña a Galicia fixoo indagar sobre a arte galega e intentar levar as súas creacións cara outros camiños máis relacionados co amor polo seu fogar. Desa maneira, comezou a querer contar a súa historia e a da súa familia. A sensibilidade que sentiu estando fóra da súa terra quixo reflexalo nas súas creacións, polo que moitas delas veñen de fotografías familiares antigas. Para el a pintura foi coma unha terapia durante a súa estadía en Porto Rico.
Mentras estudaba, Antón tiña claro que no seu futuro quería ser artista, mais non se atrevía a dar o paso. Tras a pandemia e rematar o grao, decidiu apostar pola profesionalidade da pintura e traballar no seu soño.
Recentemente montou dúas exposicións, unha en Xinzo de Limia e outra no seu concello: Carballo. As oportunidades que lle xurden aproveitaas grandemente, polo que cando o seu municipio organizou unhas xornadas de pintura mural, el non dubidou en participar. No verán tamén comezou a traballar no Orballo Cultural, onde tratan de reivindicar o patrimonio e a música galega. Dentro dos eventos que fan inclúen pintores. Ademais desas actividades intenta pintar moito xa que quere facer unha boa cantidade de obra.
Produción artística
Comezou a experimentar co óleo dende cativo e foi algo que conserva ata o día de hoxe. Explorou a técnica do aclírico, pero non lle gustou, polo que seguiu coa pintura con base de aceite. Como soporte emprega o lenzo que el mesmo traballa, xa que prefire montar os seus propios bastidores. Nalgunha ocasión opta pola pintura sobre táboa, mais a tea para el resulta máis atractiva.
Unnha técnica na que recentemente está traballando é a do muralismo. Dende o concello de Carballo xurdiu unha proposta para paliar o feísmo dalgúns edificios e fomentar a creación artística dándolles unha nova cara a estas construcións. Dese xeito, este verán o municipio organizou unhas xornadas nas que os artistas locais estaban invitados a participar. Aínda que non tiña experiencia en murais, Antón non dubidou en colaborar e decidiu deixar a súa pegada nunha parede de catro metros. Foi unha experiencia moi satisfactoria xa que, coa axuda dunha compañeira, executou algo que para el era completamente novo. Ademais, realizou visitas polos murais e interactuou co público invitando á xente a pintar un anaco da súa creación.
A súa fonte de inspiración está nos estímulos que recibe no día a día. Experiencias como ver unha fotografía ou a vivencia de calquera situación que o fagan vibrar son suficientes para levalo a crear. Todo aquelo que o faga pensar e que lle chame a atención queda na súa mente e moveo a pintar. De maneira xeral, o que tamén o inflúe en cantidade é o mar, a súa familia e Galicia.
O gusto polo cotián levao nalgunhas ocasións a traballar ao aire libre. Dese xeito recibe os estímulos suficientes para desenrolar unha idea e plasmala no lenzo. Cando non está en exteriores, o que fai é crear en base a fotografías. No taller elixe as imaxes que máis lle transmiten para trasladalas á tea, xa sexan fotos do móbil que el mesmo realiza ou antigas lembranzas que encontra pola súa casa. As fotografías dos seus avós ou da infancia son unha fonte de inspiración, xa que se trata dunha pintura de recordo.
Para o tratamento das obras o artista elixe a figuración. Non se trata dunha pitura definida nin realista, mais non se achega á abstracción. A súa maneira de facer é totalmente improvisada, non segue unhas regras á hora de pintar senón que deixa que a súa man e o pincel tomen as rendas na tea. O resultado final deixa ver sempre o que quere representar, a figura que quere mostrar podese diferenciar fácilmente máis non segue unhas regras académicas nin anatómicas claras. Tratase dun exercicio totalmente arbitrario e está condicionado por factores como o soporte ou o seu propio estado de ánimo. Ese modo de facer tan casual tamén o utiliza nos pigmentos. Non ten unha gama cromática clara, se non que aplica na tea as primeiras cores que se lle pasen pola cabeza, en moitas ocasións sen realizar mesturas e empregando directamente os tubos.
O artista non quere porlle etiqueta ningunha ao que fai. Nas súas obras non envía ningunha mensaxe en concreto senón que gusta que o espectador teña a experiencia de reflexión e entendemento propio. Antón pinta para el mesmo, non traballa para expresar ningún sentimento. O público cando observa as súas obras ten libre interpretación.
Análise dunha obra
Neno con centolas trátase dunha pintura en óleo sobre lenzo de 82x65 centímetros realizada no ano 2020. A obra é o reflexo dunha fotografía que encontrou no salón da súa casa onde o seu primo de cativo portaba da man unha centola. O artista trata a pintura de recordo para realizar a composición xa que elixe unha imaxe da súa familia. Ese gusto por deixar pegada da súa historia familiar ven da man co seu amor por Galicia, recollido na figura do crustáceo, xa que se trata dun animal moi típico das costas galegas.
O tratamento pictórico é totalmente improvisado. A pesar desa peculiar figuración, non se pode calificar como abstracción, xa que aínda que se trata dunha maneira de pintar moi persoal e aleatoria, pódense diferenciar perfectamente as figuras.
Emprega gran cantidade de pintura para crear texturas destacando o tratamento da centola e os pegotes de óleo que se poden apreciar no rostro do seu primo. Quedan pegadas das pinceladas que deu en cada momento e crease unha especie de esfera profunda. Para experimentar con esa profundidade tamén utiliza as cores, aplicando os tons cálidos adiante e os fríos no fondo. Dese xeito, aínda que non existan sombras o resultado final non queda plano na súa totalidade.
A falta dalgúns elementos como o brazo do rapaz dan unha visión inacabada da obra, mais é a consecuencia da pintura improvisada. O artista representa ao seu familiar que se pode diferenciar con claridade, querendo alonxarse da maneira de facer realista; non quere que o efecto sexa o máis fidedigno, se non todo o contrario.