Antía Vieiro
Antía Vieiro Fernández naceu no ano 1999 no Casal, Brión. Dende cativa tivo unha estreita relación co mundo artístico grazas a súa familia. Dese xeito, medrou cun gran amor cara a este mundo e mesmo asistiu a clases de pintura, onde se adicaba a copiar grandes obras. Con todo, o seu interese estaba en aprender as técnicas pictóricas para logo plasmalo nas súas propias creacións. A artista medrou nun ambiente cheo de cadros e pinturas e, foron os seus pais quenes impulsaron o seu consumo de arte levándoa, por exemplo, a visitar museos cada vez que viaxaban a unha nova cidade.
Antía realizou o bacharelato tecnolóxico no IES de Ames, en Bertamiráns, onde tiña materias optativas de debuxo e pintura. Desa etapa garda moi bos recordos, especialmente dunha das súas mestras, Renata Otero, quen dende moi cedo a apoiou. Posteriormente ingresou no Grao de Belas Artes en Pontevedra. Tras graduarse, optou polo mestrado de Dirección Creativa e Deseño de Moda en ESDEMGA. Estes estudos permitíronlle seguir polo camiño artístico e achegar os seus debuxos e o seu mundo conceptual ao ámbito da moda. Esta área non deixa de pertencer á arte e é algo que forma parte do escultórico e artístico, con posibilidades de mesturar estampados, teas e demáis elementos que en total conforman unha obra.
No ano 2021 estivo en dous grandes proxectos, o de Novos Valores na cidade pontevedresa e no Certame de Novos Artistas no Auditorio de Galicia, onde foi gañadora do segundo premio. Para a edición de Novos Valores presentou uns debuxos que realizou na facultade a modo de estudo para traballar a súa personalidade artística. Inicialmente eran cinco, onde se vai vendo unha evolución dende o primeiro ao último, mais ao concurso só presentou dous deles. Para o certame de Novos Artistas participou con tres debuxos dunha serie de nove que realizou para o seu traballo de fin de grao. Nese proxecto xa se pode ver un estilo máis maduro e marcado. Foi explotando a idea todo o ano, sacándolle todo o rendemento posible creando camisetas, bolsas de tea ou mesmo elaborando esculturas.
Produción artística
Aínda que durante a súa época universitaria tivo que experimentar con todo tipo de técnicas, como a do óleo ou acrílico, o que máis lle gusta empregar son os lapis de cores. Hai que destacar a relación desta técnica co mundo infantil e, posto que a artista ilustra o mundo da inocencia, o método máis axeitado é facelo cos lapis de cores cos que estamos ligados dende cativos.
A infancia é a etapa da vida que máis lle interesa a Antía. Recorda esa época con moita ledicia, mais a observación e o recordo coa mentalidade de adulta proporciónalle outro punto de mira e análise. Lendo sobre o tema descubriu un artigo de Sigmund Freud no que usa o término alemán Unheimlich, que nomea todas as situacións familiares que se volven sinistras. Para a realización das súas obras a artista emprega a idea da memoria de maneira que sobrepón unhas capas enriba de outras. A sobreposición é un reflexo do recordo e o resultado son figuras con fisionomía confusa. As expresións son grotescas a causa da mestura das capas polo que tamén responden a ese aspecto da inquedanza. Estas representacións son dunha mesma persoa en tres momentos distintos e a base está nas escenas da propia infancia de Antía, polo que recolle fotografías antigas para sobrepoñelas e crear a obra. Desas imaxes tamén recolle obxetos como xoguetes ou roupa de nenos para trasladalos ao papel e crear o escenario.
As cores que emprega son vivas para evocar ese mundo infantil e porque sempre rexeitou o branco e o negro. Aínda que están escollidas ao azar, intenta que combinen ben e que non coincidan ao sobrepoñelas, polo que dese xeito, aplica a unhas figuras cores cálidas e a outras frías. Hai personaxes a medio colorear e outras non teñen expresión, deixando rematada unicamente a representación da súa propia persoa para proporcionarlle protagonismo.
As súas obras teñen un punto autobiográfico, quere deixar pegada falando de si mesma. Coas elas quere que o público indage na súa infanca e que ao mesmo tempo observen as expresións grotescas e busquen un novo sentido ao mundo dos cativos. Pasado o tempo, as persoas recordan os anos de nenez con moita felicidade, mais xa de adultos é preciso que lle den unha volta aos recordos.
A artista tamén busca distinción e orixinalidade, distanciándose das normas académicas e combertindo o que fai en algo máis interesante. Na actualidade, o mundo artístico é moi libre e non hai pautas estrictas para a creación, polo que as súas ideas teñen cabida e un desenvolvemento pleno.
Análise dunha obra
A inocencia perdida, análise autobiográfico dunha infancia é un proxecto do ano 2021. A artista sempre tivo un interese moi grande pola infancia xa que esa foi unha época que viviu moi intensamente e con moita ledicia. Dese xeito, sempre enfocou as súas creacións cara ese tema, realizando, por exemplo, na súa estancia na universidade, dous cadros coa figura de Peter Pan reflexando o medo á perdida da nenez.
Para pechar o ciclo universitario decidiu traballar durante o último curso no tema infantil e enfocalo de maneira distinta. Ocorréuselle entón analizar os seus recordos dende o punto de vista adulto e darlle unha volta á memoria.
Na primeira parte do curso realizou unha serie de cinco debuxos na busca dun estilo propio e como estudo para posteriormente empregar a idea no traballo de fin de grao. É nese traballo final onde indaga máis profundamente na idea da sobreposición, do recordo e das cores. Este consta de nove debuxos nun formato de 100 x 70 cms onde a base está nas fotografías dos seus álbums familiares. Para plasmar escenas da súa infancia emprega a sobreposición de figuras para reflexar a memoria, rodeadas de xoguetes e con cores vivas que evoca ás crianzas. O término alemán Unheimlich definido por Freud está na plasmación dos rostros grotescos das personaxes, onde a sinistralidade familiar está presente tanto na análise expresiva como na racional.