top of page
Foto Andrea.jpg

Andrea De la Iglesia

  • Instagram
  • Negro del icono de Instagram
  • Icono negro LinkedIn

Andrea De la Iglesia nace no 1998 en Carnota. A súa relación có audiovisual xorde dende ben pequena fomentado especialmente pola súa familia facendo vídeos e fotografías de maneira constante. A modo de hobbie encontraba o seu lugar facendo guións, dirixindo pequenas historietas, etc. Dous momentos claves foron os que marcaron a súa decisión na etapa da nenez: por un lado a participación – xunto ca súa vila – nun programa de Antena 3 e polo outro asistir (a modo de espectadora) a unha rodaxe dun filme de José Luís Cuerda. Ambas vivencias foron decisivas no seu espertar, viu por unha rañura como eran as entrañas do mundo audiovisual e sentiu que era o seu lugar. 


Decidiu estudar o grao de comunicación audiovisual na Carlos III en Madrid, da mesma maneira que así o faría co posterior máster de cine e televisión, produción e dirección de cine e televisión. Un punto fundamental da súa formación foi o Eramus realizado na Universidade Lumière en Lyon pois non só fomentou acrecentar as súas miras no ámbito da aprendizaxe senón que tamén foi un momento especial á hora de encamiñar o seu futuro. 


No último ano de carreira realizou a súa ópera prima Avoas, na cal botou man de todos aqueles recursos aprendidos ó longo da súa formación xunto ca diversificación de papeis que exercer nunha produción. A nivel laboral comeza como auxiliar de producción na serie Acacias 38 (traballo que combina cos seus estudos do máster). Actualmente traballa como axudante de produción en Morena Films. A vez que desenvolve un novo proxecto documental, Vogar.  As ideas roldan a mente de Andrea de maneira constante, polo que está somerxida na creación dun guión dunha curta de ficción. 

Produción artística

 

A obra de Andrea conformarse sobre todo pola súa produción nos anos de formación e posteriores traballos en relación a isto. O primeiro proxecto importante é o realizado en Lyon – durante a súa etapa de Eramus – chamado Fronteras. Unha curta documental grupal, composta por outros compañeiros da carreira, na que se afonda na vida de rapaces refuxiados. A crueza, sinceridade e complexa plasmación destas vidas fai reflexionar a autora sobre o camiño que quería tomar. As pezas documentais constituíronse como a súa paixón e considerou fundamental encamiñar a súa formación cara este ámbito. Falar de temas sociais e da vida – dende unha perspectiva sincera e honesta – son os motivos principais que a fan mergullarse nestes mundo.

A súa ópera prima é Avoas, unha curta documental sobre as súas propias avoas, na que se somerxe na vida das protagonistas e déixao como un espazo aberto a que falen sobre os seus sentimentos e vivencias. O seu traballo actual, Vogar, está en proceso de postprodución no que aborda a pesca artesanal do polvo. En canto a proxectos en proceso de creación, Andrea está inmersa na redacción dun guión para unha curta de ficción. Sinte unha especial relación con este traballo xa que sería a súa primeira incursión persoal no mundo da ficción, considerándoo un punto fundamental dos seus gustos. Esta versará sobre unha rapaza que coñece á muller dun mariñeiro, a cal deixa notas ao seu marido desaparecido nun naufraxio. A relación de ambas axudará á protagonista a atoparse a sí mesma a entender o significado da perda. O idioma tamén se conforma como un eixe fundamental no seu traballo xa que lle gusta reivindicar o galego a nivel nacional xunto ca súa terra, especialmente centrado na costa.

O estilo da artista ten unha estreita relación cos temas que trata, pois considera fundamental afondar en asuntos sociais, falar sobre feminismo e reflexionar sobre a figura da muller. Parte da base dun primeiro guión técnico no que esboza de maneira minuciosa cada escea, tal e como concibe a peza na súa mente. A pesar diso, valora en alta estima a improvisación polo que comparte co seu elenco as ideas que ten pero permite aportacións e sobre todo a liberdade de falar abertamente ante a cámara. Combina esta sinceridade actoral con primeiros planos – que lle axudan a sentir unha conexión espectador-actor máis fidedigna – con imaxes intimistas, planos da natureza e do mar. Todas elas teñen como punto central captar a realidade tal e como é, sen adornos, sen floreos. A cruenta realidade.

É por isto que as súas referencias principais son aquelas que aportan ó seu imaxinario, como por exemplo Oliver Laxe – con obras como O que arde – ou Maite Alberdi, unha directora chilena que plasma a cotidianidade. En canto a música bebe principalmente da galega, especialmente Tanxugueiras e Baiuca

A fotografía preséntaa en contraste, xogando principalmente con imaxes cálidas e frías. Da mesma maneira presta especial atención o son, deixando que se cole libremente o rumor do mar e dos paxaros, etc.

O seu papel predilecto é como directora e produtora, especialmente este último, pero en proxectos persoais como a súa ópera prima viuse na necesidade de experimentar con todo o proceso de produción e creativo, aportándolle táboas en diferentes campos de traballo.

Análise dunha obra

 

Avoas (2020) é a opera prima da autora, realizado a raíz do seu traballo de fin de grao. Concíbese como o primeiro gran reto da autora, pois non só era un traballo solitario de gran calibre senón que tivo que facerse cargo de todos os papeis do proceso de produción e creativos. 


A idea xorde ligada a súa paixón pola curta documental e pola necesidade de plasmar historias reais. É esta a última razón a que lle fixo plantexarse a quen debería filmar e que historia debía contar xa que calquera persoa famosa tiña suficiente foco na industria. Acabou por decidirse a gravar as súas avoas pois cumprían todas condicións e inquedanzas da autora. 


O poder matriarcal galego xoga un papel clave na vida de Andrea, incluso no imaxinario común galego, polo que sabía que a historia da súa familia converteríase nunha historia común, unha forma de plasmar un montón de vidas en tan só dúas.  Lola e María son loitadoras da súa propia realidade facendo fronte a enfermidade e as dificultades da vida. 


Plantexouse un primeiro guión onde relataba a vida das súas avoas pero finalmente brindou un espazo a ambas para falar libremente, para que se expresen e podan contar a súa historia. Os primeiros planos son claves á hora de achegarse a súa realidade, de crear un espazo íntimo que che invite a escoitar o que as protagonistas queren contar. Da mesma maneira valora en alta estima os silencios e a observación, aportan calma e un discurso narrativo moito máis pausado, ó gusto do intimismo. 


A montaxe respecta as decisións tomadas na rodaxe polo que se intenta que prevaleza a naturalidade. Planos largos concatenados cos planos curtos das protagonistas. Do mesmo xeito intentou non alterar a colorimetría nin os sons orixinais, a sinceridade é un punto clave na obra. 

bottom of page