top of page
ALVARO PIÑEIRO.jpg

Álvaro Piñeiro

  • Instagram

Álvaro Piñeiro Castro é un fotógrafo compostelán nado en 1993. A súa relación co mundo da fotografía comezou grazas ao seu pai. Este, interesado polo mundo da imaxe, era o encargado de realizar as fotografÍas e vídeos dos eventos familiares. Tiña tanto cámaras analóxicas como dixitais, coas que Álvaro tivo a posibilidade de iniciarse neste campo. 

 

Tomando como exemplo ao seu pai, comezou a realizarlle fotografías aos seus amigos e seres máis próximos. Aquí é onde sentiu que gozaba experimentando co xénero do retrato fotográfico. Aos poucos, a través das redes sociais, coñeceu a xente interesada na modelaxe e no mundo da fotografía. É así como se deu conta de que quería adicarse profesionalmente a esta disciplina. 

 

Despois de obter a súa titulación no Grao de Ciencias Políticas, xa que estaba interesado na parte social desta disciplina, continuou a súa formación realizando un curso de Comunity  Managment, xa que tiña un gran interese por coñecer máis en profundidade o funcionamento das redes sociais. Co paso do tempo, comezou a darse conta de que a súa verdadeira paixón estaba ligada ao mundo da arte, concretamente á expresión visual a través da fotografía. É así como comezou a súa formación na escola de Arte Mestre Mateo e obtivo o título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía. Durante estes anos tivo a oportunidade de profundar máis na técnica, tanto analóxica como dixitalmente. Tamén creou unha conexión con outras disciplinas as cales lle achegaron á súa fotografía novos camiños e perspectivas. 

 

Tamén tivo a oportunidade de realizar diferentes colaboracións con algunha marca sinalada, así como publicacións en revistas tanto dixitais como físicas. Estamos a falar de nomes como Coolstripe ou Calvin Klein e, revistas como La Plus Belle. Actualmente está a desenvolver un traballo colaborativo xunto con deseñadores emerxentes dentro do panorama galego.

Produción artística

Aínda que Álvaro está interesado en diversos xéneros fotográficos, ten predilección polo mundo da moda e o retrato. Da fotografía de moda destaca a capacidade de plasmación dun concepto, a través do tempo e da peza, que se interconecta co suxeito fotografado. "Gústame que a técnica fotográfica se converta nun vehículo para deixar constancia do que quero mostrar en cada unha das miñas imaxes. Gozo tanto do proceso en se,  como da  potprodución" comenta Piñeiro. 

 

En canto ao seu procedemento fotográfico, prefire traballar con obxectivos angulares xa que lle achegan amplitude á imaxe. Ademais, goza utilizando luz artificial xa que a través dela pode xerar unha atmosfera única. Aínda que traballa con dixital, considera que o formato analóxico é un mundo que lle gustaría seguir explorando. Do dixital destaca que lle permite dar renda solta á súa creatividade. Ao tratarse dun formato tan maleable, consegue gozar do proceso de edición da imaxe. Está interesado nas técnicas de retoque dixital da pel, concretamente na separación de frecuencias e o dodge & burn. 

 

Outro dos xéneros fotográficos polos que ten predilección é o retrato. Busca, do mesmo xeito que os clásicos, captar a esencia dunha persoa a través da imaxe. Remarca que é un dos xéneros máis persoais e máis difíciles de executar, xa que é complicado captar a naturalidade do momento decisivo.

Análise dunha obra

Mono no aware é un proxecto colaborativo no que se realiza unha fusión do corpo humano nunha atmosfera austera. A frase fai referencia á sensibilidade ou capacidade de sorprenderse ou conmoverse, de sentir certa melancolía ou certa tristeza ante o efémero, ante a vida e o amor. É a capacidade de sentir compaixón ou piedade, sen influencia algunha relixións e crenzas. É un sentimento puramente humano que vai máis aló do superficial e se centra en algo moito máis profundo. A estética fotográfica destaca polas cores desaturadas e os azuis verdosos. Os estilismos escollidos caracterízanse polas súas liñas limpas e cores básicos, neutros. Utilízanse movementos da danza contemporánea e unha maquillaxe luminosa. 

 

O proxecto publicouse na coñecida revista de fotografía La Plus Belle, e realizouse coa colaboración de Elisa Waves como directora creativa; Sara Vigo como deseñadora dos estilismos, e Charlie Callahar na execución da maquillaxe. 

bottom of page