top of page
Alba López.jpeg

Alba López

  • Instagram

Alba López Álvarez nace no ano 1995 na Mariña Lucense, concretamente no municipio de Ribadeo. Sen embargo, nos últimos anos leva movéndose por distintas cidades, entre as cales está por un lado Granada e polo outro, Valparaíso (Chile), onde estivo vivindo dous anos.


Académicamente, a artista non se formou como tal na disciplina, senón que os seus estudos fóronse cara á rama das Ciencias Sociais. Dende moi pequena a escritura formou parte da súa vida xa que era o espazo no que ela se sentía máis segura, feito polo cal acabou no Grao de Periodismo na Universidade de Santiago de Compostela; actualmente non exerce como tal. Tamén fixo un mestrado sobre Estudos latinoamericanos xunto co de Profesorado por Historia pola Universidade de Granada.


Polo mundo da arte sempre tivo moito interese, pero máis dende unha perspectiva de consumidora, non tanto coma creadora. Aínda así, sempre sentiu coma unha especie de imán, rematando sempre rodeada de artistas de varias disciplinas como a música, a moda ou a tatuaxe. Isto fíxoa reflexionar sobre quen era ela e onde podía encontrar o seu lugar. Durante un tempo ela intentou buscalo no ámbito musical tocando algún instrumento, na pintura, en coser – xa que en Chile coñeceu a moitas deseñadoras de moda –, pero Alba non conseguía sentirse a gusto con ningunha destas disciplinas. Todo isto cambiou cando atopou o collage.

Produción artística

Alba experimentou co collage analóxico fai uns dous ou tres anos. Todo comezou estando en Chile, onde vía o movemento que se creaba ao redor dos fanzines e cousas máis manuais e analóxicas, polo que foi este ambiente o que a inspirou a comezar coa súa andanza na arte.

 

En canto a súa produción, a artista define o seu traballo como algo moi precario e intuitivo, no que emprega íntegramente a súa creatividade para a realización da súa obra. Ela afirma que non se move en nada dixital, tan só algún filtro ou retoque ao escanear a propia imaxe; o que si introduce na súa obra é o cariño pola escritura, mesturándoas.


O seu amor polo periodismo tamén se traduce dalgunha maneira no material que emprega, xa que optou polas revistas e os periódicos – sen contar co feito de que era o que máis á man tiña nos seus inicios – ao sentirse máis familiarizada coa estrutura e a forma que podían ter. Lendo o periódico ou as revistas, aproveitaba para ir imaxinando como poder crear algo con todo isto. “Aí foi cando me din conta que me gustaba moito coller unha tesoira, un pegamento e comezar a recortar e pegar” bromea a artista. Agora está a empregar tamén revistas e libros especializados en fotografía, novelas e libros de poesía, e ata flayers. Ademais disto, atopamos materiais básicos como texoiras e diferentes pegamentos e colas, tamén cartolinas de varias cores que funcionan como base da obra e incluso as veces introduce flores. Nalgunhas das súas obras tamén emprega a súa propia escritura a man e o escáner que lle aporta moita máis calidade ao resultado final.


En relación a estas cores, Alba comenta que ela usa diferentes gamas dependendo do momento no que se encontre e o que vaia a realizar. Chega a bromear co feito de que fai uns meses éralle imposible facer un collage cun fondo que non fose de cor negra, algo que lle pasa aínda agora, pero esta vez co branco. Todo acaba sendo moi adaptable en canto ao material do que dispoña a artista nese momento determinado.


Aínda entende o seu estilo como unha busca da súa esencia polo que proba cousas moi diferentes ata que chega ao que a ela máis lle convence persoalmente en cada unha das súas obras. Ao principio si que partía dunha idea, unha imaxe ou concepto que quería transmitir, buscando despois algo que se adaptase a este concepto inicial, pero agora é totalmente diferente xa que o fai automáticamente, deixando que as ideas vaian xurdindo a medida que pasa as páxinas. O que máis lle gusta a Alba do collage é precisamente isto, o feito de que ela sinte que “o collage é unha disciplina da que podes partir totalmente en branco ou bloqueada”.


A artista encóntrase mergullada na arteterapia, e en concreto no “collage terapéutico”, polo que actualmente a súa temática está relacionada co mundo das emocións. Ela emprega o collage como ferramenta terapéutica, sendo entón os estados anímicos o proceso artístico e a guía que ela ten para a creación das súas obras.


Nas influencias que a artista ten á hora da creación do collage, a maiores dos propios fanzines, tamén inflúe nela a súa estética sucia e análoga. Xunto a isto, diversos artistas que ve a través de diversas plataformas.

Análise dunha obra

Llorona é un autorretrato da artista realizado o 11 de outubro de 2021 a raíz da reivindicación das emocións e do discurso sobre a vulnerabilidade da saúde mental do día anterior: o Día Mundial da Saúde Mental. Xorde nun momento de crisis, como moitos dos collages da artista, no que se encontra “muy llorona”, comenta Alba, querendo reivindicarse como tal.


Neste caso imprimiu unha foto súa, algo que non adoita facer, pero esta vez quixo experimentar o que era crear unha obra a partir dun selfie dela, xa que normalmente está rompendo faces de xente anónima e famosos que non coñece. Pode entrar dentro do interese pola arteterapia que ten Alba e a súa busca interior.


A fotografía está impresa sobre unha páxina do seu TFG sobre as radios comunitarias, que aparece partida pola metade sobre un fondo marino recortado. Sobre todo isto bágoas debuxadas en branco e negro simulando a idea de “que chora un mar” xunto cun pequeno anaco de cartolina negra na que a artista escribiu en cor prateado o que mellor definía ao que intentaba expresar, converténdose posteriormente no título da obra: Llorona.


Foi un proceso interesante para artista, xa que tivo que traballar coa súa propia cara, buscando no seu interior e exterior o mellor para definirse a si mesma nese momento, sendo a primeira vez que o facía deste xeito tan persoal. “Foi un proceso moi interesante a nivel terapéutico e a nivel creativo máis alá do ego e do que poida parecer facer algo coa túa propia cara”, afirma Alba.

Llorona.jpg
bottom of page