Adrián Salgueiro
Adrián González Salgueiro é un artista nado no 1998 en Verín. A unha idade temperá sentiuse atraído polo mundo da arte e, pese a ter sempre un interese pola fotografía, comezou a súa traxectoria co debuxo e a pintura ó acudir ós obradoiros ofertados na súa vila natal. Influíu neste sentido o feito de que seu pai tamén pintaba, o que motivou que gustase de traballar estas disciplinas.
Na fotografía inmiscírase a través da captura de imaxes con cámaras de usar e tirar e máis co móbil. Así pois, non foi ata que tivo a súa primeira cámara dixital -agasallo do seu pai- cando puido experimentar dun novo xeito os atractivos desta manifestación: «Non quero dicir tampouco que prescindise de facer fotos en analóxico ou con dispositivos alternativos, pero naquel momento facilitoume moito as cousas ó dispor dun elemento co que podía facer fotografías máis rapidamente e permitiume explorar con liberdade e un maior abanico de posibilidades que daquelas non contemplara aínda.»
A formación de Adrián continuou cos coñecementos adquiridos no Grao de Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Estes estudos permitíronlle nutrirse de maneira visual dos cambios constantes da arte, das súas perspectivas e, así, evolucionar como artista.
En canto a súa carreira profesional, é recente, pois comeza no ano 2019 cunha primeira selección nun certame internacional de fotografía. Con todo, o artista considera que foi, finalmente, no 2021 cando acada a súa verdadeira profesionalidade no mundo da arte. Neste tempo resultou seleccionado para a participación en diversas exposicións e certames nacionais e internacionais en centros dispersos por Sevilla, Londres, Roma... e, por suposto, da nosa terra.
Pese a xa ter proxectos de futuro, Adrián considera que está nun aprendizaxe e formación constante pois a obra evoluciona co propio artista.
Produción artística
Adrián é un artista multidisciplinar, pois ademais de fotógrafo ten unha faceta de artista plástico. O debuxo e a pintura son o seu modo de estar en contacto cuns medios máis primitivos, máis artesanais, e mediante elas a expresión artística considéraa máis directa. É un traballo que desenrola de maneira instintiva e que a proxecta de xeito ritualista segundo o que sente no momento da acción. Expresa así as súas emocións e sentimentos en formas que xorden inconscientemente. Nestes casos, o movemento co que se sinte identificado e ó que está máis ligado é o neoexpresionismo abstracto, pois vese influenciado por artistas como Pollock ou Willem de Kooning.
En canto á fotografía, decantouse por experimentar con esta disciplina polo feito de relacionala directamente ca realidade ou, pola contra, fuxir dela e alterala para crear novas visións do irreal. «Gústame porque podo presentar unha subxectividade na imaxe coa que adoita ser difícil encasillala nun concepto ou técnica determinada, e a alteración dos espazos que me rodean, ou os que incluso xero inconscientemente nunha foto ó traballar sobre unha idea determinada, funcionan como un método de evasión, unha fuxida fronte á proxección do real que adoita estar moi presente sempre nas manifestacións fotográficas predominantes e que, a min, persoalmente, non adoitan a atraerme do mesmo xeito» di Adrián.
A metodoloxía ca que desenvolve o seu traballo varía dependendo da obra. En ocasións, baséase nunha idea determinada que vai proxectando na súa mente ata que concibe unha forma no proceso fotográfico. Outras, pola contra, son o resultado de deixarse levar que, o propio creador, describe como unha especie de narración ou fábula que xorde inconscientemente en torno ás imaxes que captura. Ó fin e o cabo, o instinto e a imaxinación son fundamentais para a súa fotografía pois permítenlle transformar unha realidade de espazo imaxinable como unha conciencia fronte ó estético, manifestar unha forma creativa centrada na invención do que, de xeito natural, non existiría na nosa mirada. É unha forma de comunicarse a través das imaxes, abstraéndose e proxectando dende o seu propio instinto, dun modo íntimo.
O seu traballo é principalmente fotografía de autor, mais non debemos encadralo totalmente neste campo pois gústalle explorar novos ámbitos. En canto a súa produción, é principalmente en branco e negro debido a que considera que a abstracción ten un efecto moito máis apreciable no monocromático que na cor. Ó final ca obra pretende que o espectador sexa coñecedor dun anaco do artista, que sexa un reflexo persoal, deixa que nos acheguemos dalgún modo á súa intimidade, ó seu interior.
As influencias polas que está condicionada a súa obra proceden de Jacob Aue Sobol e Daido Moriyama pola súa estética, mais en realidade todo o entorno que rodea ó artista é unha influencia directa sobre a súa produción. Pensa que estamos continuamente bombardeados por información visual e, o final, iso acaba por inmiscirse nun mesmo. Considera a fotografía unha vía de escape pois non é atraínte para el o ritmo frenético ó que estamos sometidos. Deste xeito, adoita traballar dunha maneira libre nun proceso creativo centrado na experimentación.
Análise dunha obra
Nouturnio (2021) é unha obra do artista Adrián González Salgueiro. A palabra nouturnio é un hiperenxebrismo galego que referencia á palabra que a RAG recolle como nocturno. Xurde da palabra nouturno, que nace da vocalización da consoante [c] en [u], a partir da cal aparecería posteriormente a variante nouturnio, e que sería empregada por autores como Álvaro Cunqueiro (en obras como Amabres lúas nouturnias en Cantiga Nova ou Nouturnio amante en rocas sin aramios en Poemas do si e do non), Curros Enríquez (no seu poema Nouturnio) ou Otero Pedrayo (na súa obra Nouturnias Sirtes), como unha referencia á nocturnidade.
Para a creación das obras estivo durante varios meses pola noite pecha e case dun modo ritualista camiñando pola natureza de espazos afastados do urbano. Así, mesturouse co efecto da nocturnidade sobre a natureza e captou empregando o flash todo aquilo que lle rodeaba. Foi mesturándose co propio espazo ata adoptar unha visión distinta da natureza durante o día e a noite, presentando unha proxección subxectiva do que para o artista se formaba dende a imaxinación no nocturno.
Partindo dunha reflexión teórica, que propón unha distinción da noite como algo máis que un ciclo natural, e considerándoa como unha configuración do espazo e o tempo chea de subxectividade, o proxecto fotográfico Nouturnio presenta unha exploración visual dunha natureza tenebrista e subxectiva que se manifesta ó anoitecer a través de formas que xogan coa abstracción e a irrealización do espazo natural.
Ernesto Sábato, nun dos epígrafes “Pensamento e Novela” da súa obra Heterodoxia di que a “novela é o nocturno e, en consecuencia, o que autenticamente somos”. Se ser e nocturnidade son unha mesma cousa, compleméntanse e recréanse mutuamente. A noite amósase inmensa, inabarcable, oposta á claridade do día e cunha esencia escura e poética que, nas imaxes desta obra fotográfica, se presenta coa intención de dotar á natureza dun carácter e un simbolismo máxico. Cunha subxectividade no seu entorno que lle permite ó espectador viaxar a un espazo onírico e case imaxinario, que se enfronta coas barreiras do que é real e obxectivo a través de fotografías que parecen vibrar como nun soño.
O proxecto presenta o concepto da reminiscencia como un aspecto fundamental do que se orixinan as formas no nocturno. Aristóteles, no seu Tratado da Alma, contempla a memoria como unha facultade que conserva todo o que o ser coñeceu a través dos sentidos e, neste recordo, existiría unha segunda operación na que o espírito, a partir dunha reflexión, extrae do pensamento unha reprodución da mirada daquilo que foi coñecido. Deste xeito, na noite, a natureza desenmascara formas que toman sentido a través da propia reminiscencia e que penetran no espectador para propoñerlle chegar ó recordo de formas que recrean a natura da nocturnidade dende a subxectividade.